Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 6

Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 6

  1. Coñece o proceso de adelgazamento das universidades que está a ter lugar en todo o mundo? Cre que está xustificado? Que opinión lle merecen os masivos recortes presupostarios ás Universidades? Que efectos prevé que teñan na USC e que medidas adoptará para enfrontalos?

Pilar Bermejo Barrera

- Trátase dun erro moi grave. Incluso desde un punto de vista económico, pois pódese afirmar con basamento que non hai inversión máis rendible que a que se adica ó ensino, e especialmente ó ensino universitario. Toda sociedade que queira basear o seu crecemento económico no conocemento, xa sea tecnolóxico ou xeral, está obligada a soster as inversións en universidades, anque o momento de plasmación real dos seus resultados se retarde algo no tempo. Calquera outra opción é suicida social, política e económicamente.

As sociedades máis prósperas de mañán serán as que hoxe se amosen máis decididas a sufragar un bo sistema de ensino universitario.

Mercedes Brea

- O proceso de "adelgazamento" é consecuencia inmediata da crise económica. Os recortes orzamentarios das Universidades obedecen a ese motivo e están provocando serias consecuencias no funcionamento ordinario da USC. Cando sexa Reitora, espero ter a posibilidade de pechar a negociación do plan de financiamento abrindo expectativas de futuro para a nosa Universidade, presentando á Xunta argumentacións sólidas das necesidades básicas e obxectivos que respondan a actuacións xustificadas.

Juan Casares Long

- É certo que a perda de peso da sociedade de benestar está a implicar recortes de recursos nos ámbitos de distintos servizos públicos como a universidade, cando por outra banda a sociedade está a demandar cada vez máis funcións da universidade pública.

A educación e a sanidade son o resultado do desenvolvemento cultural da nosa sociedade e polo tanto deberían de ser as últimas en sufrir recortes .

Os recortes suporán a necesidade de fixar prioridades nas accións, e as medidas basearanse nun rigoroso control dos gastos.

Lourenzo Fernández Prieto

- Entendo que a pregunta refírese aos orzamentos das Universidades Públicas. Unha parte do adelgalzamento débese á crise económica, e deberá recuperarse cando o faga a economía. Isto obríganos a todos e todas a ser máis eficientes no uso dos nosos recursos e ser máis activos buscando fondos. Ao marxe desta conxuntura, como tendencia é moi preocupante, porque como xa dixemos antes as Universidades son un mecanismo de igualación e na maioría dos países os xeradores dos coñecementos básicos para o progreso da sociedade, centros desde os que se ofrecen novas solucións aos problemas novos e vellos da nosa sociedade. A USC debe, co compromiso de todos e todas, demostrar a súa utilidade social neste sentido e lograr así a adhesión da sociedade na súa demanda dun suficiente financiamento público que lle garanta o poder cumprir estas funcións.

Jaime Gómez Márquez

- A resposta é obvia: parécenme mal os recortes ás universidades. O que habería que revisar é si necesitamos tantas Universidades. Hai que negociar con firmeza o novo plan de financiamento coa Xunta.

(Nota: publicamos as respostas recibidas ata agora. Se outros candidatos consideraran oportuno facernos chegar as súas respostas, publicaríamolas no momento de recibilas. As respostas dos candidatos preséntanse por orde alfabética)