Galicia: USC: Juan Varela Durán: «Non vou facer tabula rasa co que fixo o anterior goberno da USC»

Galicia: USC: Juan Varela Durán: «Non vou facer tabula rasa co que fixo o anterior goberno da USC»
Candidato apoiado pola plataforma docente Converxencia Universitaria, decidiu presentarse ante a «encrucillada» na que se atopa a institución académica

«Si, son do PP». Juan Varela Durán non anda con rodeos. Apareceu na carreira por San Xerome no último momento, a dous días de pecharse o prazo oficial. O seu lema, «máis excelencia» é claro como el. Pra acadala aposta por dar estabilidade laboral a profesores, investigadores e persoal de administración e servizos.

- Foi o derradeiro en anunciar a candidatura. ¿Que o empuxou a presentarse?

- O feito de que teñamos sido os últimos dentro do prazo de presentación non quere dicir que non leváramos tempo traballando na candidatura. Queriamos ter todos os cabos atados para poder presentarnos, queriamos saber que contabamos cun equipo plural, multidisciplinar e composto por xente de todos os estamentos da Universidade. Ata que non tivemos completado ese programa non nos pareceu apropiado presentarnos. A idea xa a tiñamos e pensabamos que a Universidade está nunha encrucillada e que somos parte desa pluralidade.

- Todo o mundo fala da crise da USC.

- A Universidade non é máis que un reflexo da sociedade e a sociedade está en crise. Está nunha encrucillada porque poucas veces se atopan nun período curto de tempo tantos problemas e tantos retos: hai tres anos que se aprobou a modificación da LOU, estamos contemplando a implantación de Bolonia, estamos negociando un novo plan de financiamento para Galicia... Estamos en tempos convulsos.

- Fálase de vostede como o candidato máis conservador e hai quen o vencella ao PP.

- Penso que son un innovador en certos aspectos. Hai aínda poucos meses que din a primeira clase íntegra en inglés en Medicina. Estamos nunhas eleccións na Universidade, non estamos nunhas eleccións políticas onde é doado coñecer as sensibilidades e as proximidades aos partidos. O que temos que facer é loitar pola USC independentemente das querenzas políticas. Dito isto, si, son membro do Partido Popular.

- Tamén é dos poucos que defende a xestión do equipo saínte de San Xerome.

- Non defendo explicitamente as actuacións deste equipo de goberno, eu defendo as cousas ben feitas: Campus Vida e a situación económica, que creo que non é tan alarmista como se intenta deixar ver. Pero non estou de acordo coas bases para a docencia clínica.

- ¿Cales son esas sombras?

- Hai algunhas cousas que se poden solventar a curto prazo, o que quere dicir que non deben de ser moi difíciles de resolver. Penso que non se pode poñer o argumento económico para os profesores acreditados. E poderíanse convocar prazas docentes cun criterio estrutural e primando as áreas con menor número de docentes. Hai cousas que son mellorables, pero non vou facer tabula rasa co que fixo o anterior equipo, senón aproveitar o ben feito.

- Unha das liñas mestras do seu programa é a estabilidade laboral.

- Dificilmente se pode esixir a excelencia sen que a comunidade universitaria teña unha estabilidade que lles permita traballar con acougo. Terase que facer unha política de recursos humanos que procure estabilidade para os acreditados. Para os PAS hai que definir sistemas de promoción e que poidan chegar a ocupar todos os rangos.

«Debemos ter un plan de prioridades en infraestruturas»

«Máis excelencia» significa non quedar só en Campus Vida. Eses son os plans de Varela Durán, os de acadar a excelencia tamén en Lugo e no campus norte.

- A nosa intención é estender a excelencia máis alá de ciencias da saúde. Debe estenderse fundamentalmente a dous campus: un que xa está bastante avanzado e estruturado, que é o campus de Lugo, onde nós propoñemos un campus de excelencia agroalimentaria combinando a incorporación dos distintos centros universitarios como a Escola Politécnica Superior ou a Facultade de Veterinaria, con distintas empresas do ámbito agroalimentario. Hai que ter en conta que hai cinco denominacións de orixe de viños galegos, dúas de queixos galegos e está a famosa dieta atlántica, con empresas involucradas na súa promoción. Para o campus norte propoñemos o campus de excelencia en humanidades e ciencias xurídicosociais. Non está tan programado como o agroalimentario pero é un dos obxectivos do programa, que pensamos que pode ser acadado no curso dos catro anos de lexislatura reitoral.

- ¿Que hai das infraestruturas?

-Santiago ten un enorme hándicap ou unha servidume, e é a enorme riqueza patrimonial que posúe. Santiago ten dentro da Universidade edificios que son históricos e que son patrimonio da humanidade e ten tamén edificios modernos, ten un grandísimo patrimonio arquitectónico. É unha servidume porque fronte a outras universidades máis pequenas, Santiago ten un enorme gasto de mantemento: cando non chove en Historia chove en Físicas, ou os laboratorios de Farmacia e Medicina están anticuados... É difícil abranguer todo, polo que haberá que facer un plan estratéxico e definir as prioridades en mantemento.

- Aposta pola investigación aplicada, máis que a básica, pero sempre sen deixala de lado.

- Nunca. Non se poden deixar de lado dous aspectos importantes da investigación. Primeiro, a liberdade dos investigadores e segundo a investigación básica. Temos que ter en conta que traballamos para dar un servizo á sociedade e a investigación debe cumprir dúas premisas polo menos parcialmente. A investigación ten que ser, en parte, a que nos demanda a sociedade, porque hai investigación importante e interesante. Estudar o páncreas da lamprea pode ser importante, pero probablemente aos galegos lles interese máis como reducir o seu recibo de electricidade, que é o que eu lle chamo interesante. Así, sen deixar de lado o importante (o páncreas da lamprea) debemos centrarnos no interesante, o que a sociedade nos demanda. A segunda premisa é a de trasladar á sociedade os resultados da investigación. Se investigamos pero non o transmitimos, teremos feito fraco favor á Universidade. Hai que conciliar os mecanismos para que os resultados beneficien aos galegos.

La Voz de Galicia, 27/04/10