Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 7

Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 7

  1. Como se debe financiar a Universidade? Debe ser financiamento público ou privado? Considera apropiada unha suba das taxas de matrícula? Deben liberalizarse as taxas universitarias? Deben de comercializarse a investigación e os servizos? Que opinión lle merece o "Documento de Reflexión sobre la mejora de las Políticas de Financiación de las Universidades para promover la excelencia académica e incrementar el impacto socioeconómico del Sistema Universitario Español"?

Pilar Bermejo Barrera

A financiación da Universidade debe ser principal si non exclusivamente pública. Alomenos, a parte pública da mesma debe ser suficiente como para que o recurso a unha financiación complementaria de carácter privado non condicione nin menos limite a autonomía da propia Universidade para establecer as súas propias liñas de investigación e preserve a libertade de cátedra ou pensamento nas súas aulas.

As referencias que se fan na pregunta ás taxas universitarias son merecedoras, en cambio, dun debate máis quedo. En primeiro lugar, porque o feito de que a financiación da Universidade sexa pública non debe amparar tratos aparentemente igualitarios pero que poden dirixirse a alumnos que non son iguais en absoluto. Podería discutirse, por exemplo, si o nivel de renda das familias debería ou non ser considerado á hora de lle fixar as taxas a cada un deles.

Tamén podería discutirse si as taxas deberían variar segundo o nivel de rendemento dos estudantes de maneira máis marcada. O uso dos recursos públicos esixe un plus de responsabilidade, non a disculpa da súa carencia. Non podemos permitir que, como se decía antes, "o que é do común, non é de ningún". O revés: o que é do común é de todos.

Mercedes Brea

- O financiamento das necesidades básicas debe ser público; para as complementarias, non se deberían desdeñar as subvencións procedentes de empresas, se as houbera. Na situación actual, non ten sentido propoñer unha suba das taxas académicas nin a súa liberalización. Os servizos non deben comercializarse; as investigacións, se dan lugar a patentes ou productos de mercado, poden rendibilizarse economicamente.

Juan Casares Long

- Unha universidade pública debe ter un financiamento fundamentalmente público para garantir a súa independencia e liberdade.

Nun momento de crise como o actual as taxas non deben medrar si non o fan os salarios.

Non deben liberalizarse as taxas universitarias na universidade pública.

Todo aquelo que vaia mais aló da defensa da propiedade intelectual da universidade, non.

Lourenzo Fernández Prieto

- As funcións esenciais da universidade deben ser financiada con fondos públicos. Pero a universidade debe facer unha captación intelixente de fondos, que non comprometa o seu carácter de servizo público.

Jaime Gómez Márquez

- Financiamento público suficiente para que a Universidade poda facer o seu traballo con dignidade. O financiamento privado benvido pero como un complemento.

Xa dixen que a relación coas empresas ten que ser de simbiose. A USC como entidade pública debe transferirlle á sociedade coñecemento, cultura e tecnoloxía. Esa tranferencia ao seitor privado debe retornarlle beneficios á institución, beneficios que redunden no ben común.

(Nota: publicamos as respostas recibidas ata agora. Se outros candidatos consideraran oportuno facernos chegar as súas respostas, publicaríamolas no momento de recibilas. As respostas dos candidatos preséntanse por orde alfabética)