Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 8

Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 8

  1. Sobre o profesorado:
    1. Comparte a afirmación recollida no "Documento de Reflexión sobre la mejora de las Políticas de Financiación de las Universidades para promover la excelencia académica e incrementar el impacto socioeconómico del Sistema Universitario Español" de que existe un exceso de profesorado? É necesario reducir a plantilla de profesores? Cre que o traballo do profesorado está sendo intensificado? Hai que xubilar anticipadamente algún sector do profesorado?
    2. Considera oportuno desfuncionarizar ao profesorado? Parécelle apropiado que os profesores funcionarios sexan progresivamente sustituídos por contratados precarios?
    3. Que lle parecen as políticas de incentivos en relación co profesorado? Parécelle que os profesores deben cobrar por rendemento? Observa algún tipo de efectos perniciosos das políticas de "pago por rendemento"?

Pilar Bermejo Barrera

Para considerar si o número de profesores dunha universidade é  excesivo ou non, primeiro habería que explicitar qué tipo de labor realizan, e mesmo cal é a metodoloxía docente e investigadora que se promove nela. Neste preciso momento, en que se quere poñer en marcha un cambio radical da metodoloxía docente, xeneralizando a reducción de alumnos por aula e curso e aplicándo neles una dinámica participativa de avaliación contínua, eu inclinariame a pensar precisamente todo o contrario: as actuais plantillas de profesorado e investigadores son escasas.

Dúas notas adicionais. Unha: precisamente neste oficio da docencia e a investigación é onde máis difícil me resulta ver a necesidade de anticipar xubilacións. Outra: eu son funcionaria e non teño una opinión nin moito menos negativa de tal condición, que me ofrece una estabilidade laboral de por vida que valoro moito, pero non se me agocha que hai importantísimas universidades no mundo onde os profesores e investigadores non o son. Por certo: a alternativa á  funcionarización non se limita precisamente á contratación laboral en precario.

Mercedes Brea

a. Non existe un exceso de Profesorado, porque o labor esencial do PDI é docente e investigador á vez, e a reducción da carga docente repercute de ordinario nun incremento do labor investigador. Polo tanto, non se debe reducir a plantilla. O traballo do profesorado está intensificado na actualidade, pero como consecuencia da inmensa carga burocrática, que ten que ser reducida e redirixida ó persoal cualificado. Non hai que xubilar anticipadamente a ninguén que non manifeste voluntariamente ese desexo.

b. Todo o contrario. Penso que é preferible reforzar a carreira docente, se ben cun control da súa actividade e unha avaliación continua dos resultados da mesma.

c. Sí considero correcto incentivar o rendemento, pero despois dunha avaliación seria do mesmo, porque os efectos perniciosos desa política derivan normalmente da xeralización de avaliacións positivas e igualatorias.

Juan Casares Long

a. Non comparto a afirmación.

Na nosa universidade non se pode reducir a plantilla de profesorado.

Si creo que o tráballo esta sendo intensificado.

Salvo a quen queira acollerse a xubilación voluntaria, non.

b. Obviamente non.

c. Os empregados públicos estamos obrigados de dar o mellor de nos mesmos en resposta a confianza depositada polos nosos propietarios: a sociedade. A exixencia de excelencia debe de ser unha actitude individual e colectiva de todos. O recoñecemento do traballo ven feito debe tamén reflectirse na promoción persoal.

Lourenzo Fernández Prieto

a. Entendo que a pregunta refírese exclusivamente á USC. Obviamente, os datos da ratio global docente/estudante indican que non existe un exceso de persoal docente, todo o contrario. Tamén é certo que este dato global agocha fortes diferenzas entre áreas de coñecemento. Ë preciso unha política de PDI que permita que todos e todas desenvolvamos as nosas tarefas docentes e investigadoras nas mellores condicións.

En canto ao tema das xubilacións se ben só se fala delas como forma de axuste do cadro de persoal, nós entendemos que é un tema que debe ser tratado coa seriedade que precisa. A USC non pode prescindir alegremente de persoal cunha bagaxe intelectual tan importante, pero por outra parte, é razonable atender e entender que 45 anos de traballo sexan máis que suficientes, que é necesario incorporar novo persoal con outros impulsos, outras expectativas persoais e profesionais. E, sobre todo, que esta renovación non se pode improvisar, polo que, diante dunha perspectiva como a que ten que enfrontar a USC (o 16% do seu cadro de persoal se xubilará na próxima década), un plan de xubilacións pode ser unha ferramenta para evitar que esa renovación sexa traumática.

b. Non. Desde a perspectiva da defensa dunha universidade pública e de calidade, esta resposta non precisa de maior argumentación.

c. A miña experiencia e como a de todos. No sistema retributivo, similar ao do resto dos funcionarios, temos dous complementos que valoran a actividade docente e investigadora. Todos sabemos que o complemento docente se concede de forma case automática, mentres que o complemento por investigación é máis selectivo. Mais alá da discusión que está no fondo sobre a estrutura da nosa retribución (a utilización dalgúns complementos por méritos como un instrumento de mellora salarial non recoñecida no salario base), o resultado é que a investigación é obxectiva e subxectivamente máis valorada por nós mesmos, co risco de que minusvaloremos a nosa función docente. Creo na máxima de que a igual traballo igual salario, e no que dela se deriva. Garantida unha retribución xusta para o persoal, penso que a quen fai un esforzo maior por cumprir mellor o seu desempeño debe serlle recoñecido.

Jaime Gómez Márquez

a. As afirmacións xerais están cheas de erros. En xeral, necesitamos máis profesorado? seguramente si pero tamén digo que hai diferencias entre áreas que hai que correxir. Ao profesorado se lle está esixindo máis dedicación docente dende a implantación do EEES. Esto xera outrosn problemas de tempo para a investigación ou a xestión. En todo caso, hai que denunciar a falacia do custo 0. Non hai que xubilar anticipadamente a ningún profesor á forza, salvo casos excepcionais.

b. Non, pero si creo que aos funcionarios como a calquer outro traballador hai que esixirnos profesionalidade.

c Hai que traballar e tentar facelo ben, non por recompensas senón por ética persoal e profesionalidade. Se aos que o fan mellor se lles da un premio, paréceme ben pero non debemos traballar en base a esto.

(Nota: publicamos as respostas recibidas ata agora. Se outros candidatos consideraran oportuno facernos chegar as súas respostas, publicaríamolas no momento de recibilas. As respostas dos candidatos preséntanse por orde alfabética)