Galicia: USC: Jaime Gómez Márquez: «As plataformas son negativas cando queren o poder polo poder»

Galicia: USC: Jaime Gómez Márquez: «As plataformas son negativas cando queren o poder polo poder»
Firme defensor da liberdade de investigación, este candidato independente non está disposto a pactar en segunda volta se hai que renunciar a ideas ou a persoas

Decano de Bioloxía e catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular, Jaime Gómez Márquez quere mudar dunha vez o xeito de gobernar na Universidade, superando o modelo de plataformas que repartiu o poder nos últimos anos.

- Quere rematar coa «elitocracia» na Universidade.

- Elitocracia é unha forma de gobernar de costas á comunidade universitaria, unha forma de gobernar que se vén facendo nesta Universidade dende hai xa bastante tempo. É unha forma de gobernar que eu entendo que non comparte a maioría da comunidade universitaria. Entendo que en decisións importantes da USC ten que ser a comunidade universitaria a que primeiro as coñeza, as debata e no seu caso as apoie. E non que sexan decisións unilaterais que poida tomar o reitor ou o goberno da Universidade.

- Tamén co amiguismo. ¿É unha práctica habitual?

- En todo colectivo sempre hai unha tentación de amiguismo ou do contrario, o sectarismo. Algo diso hai, evidentemente, como en todo colectivo. Eu entendo que a Universidade somos todos e que hai que gobernar para todos por igual.

- Xa deixou claro que a súa candidatura non ten cor política. ¿O modelo de plataformas está esgotado?

- A nosa candidatura é independente, non ten que dar contas a ninguén, non ten afiliación política. As plataformas non van desaparecer, de feito non desapareceron, pero neste momento son moi cuestionadas por parte dunha gran maioría da comunidade universitaria e creo que precisan unha forte reconversión. En si mesma, a idea de que os docentes ou os PAS se agrupen non é mala, é unha forma de organizarse en sociedade. Creo que se converte en algo negativo cando o interese do grupo organizado é gañar o poder polo poder e logo actuar como grupo e non como un goberno para todos.

- É decano de Bioloxía, ¿cre que a experiencia de xestión é unha vantaxe?

- Na miña candidatura hai dous decanos en activo, a de Veterinaria e eu mesmo, e outro profesor que tamén foi decano de Ciencias da Educación. O feito de ser decano dáche unha experiencia importante de xestión, porque as facultades son como universidades en pequeniño. Non creo que sexa unha cualidade necesaria, pero dá un plus de experiencia.

- E tamén dos máis críticos con Campus Vida.

- Ser crítico non é ser negativo, ao contrario. Como xa dixen, foi un proceso feito de costas á comunidade universitaria, e un proxecto desa envergadura ten que ser asumido por ela. Entendo que a excelencia da Universidade non a dá unha etiqueta que nos outorga o ministerio, dáa o traballo de moitas persoas durante moitos anos en diferentes ámbitos. Ademais, hai que analizar a viabilidade económica. Estamos nun momento de crise importante, estamos negociando un novo plan de financiamento e hai que ser moi cautos para acometer novas infraestruturas que poidan supoñer un endebedamento aínda maior. O proxecto, por suposto, ten aspectos positivos. Se a comunidade universitaria considera que é unha aposta que a USC ten que facer eu serei o primeiro en encabezala.

- Pensa que a función docente se desatendeu.

- O prestixio dunha Universidade vén dado pola calidade dos seus titulados, e iso ten que ver coa súa función docente. Ninguén dubida que un avogado de Harvard é fantástico porque leva o apelido de Harvard. A min gustaríame que fora o mesmo aquí.

«Creo que o 99% da comunidade universitaria quere que o Campus Vida continúe tendo o nome de campus sur»

Jaime Gómez Márquez quere promocionar a todo o persoal que o merece, como os acreditados a cátedra pola Aneca.

- Pretendo resolver unha inxustiza cara a moitos profesores desta casa. Queremos que haxa uns criterios para o acceso estables no tempo, polo menos durante catro anos, e ademais que sexan adoptados polo Claustro.

- No seu momento déronse razóns económicas para retrasar este acceso. Se para Campus Vida non hai cartos...

- Son dous capítulos diferentes. Habería que ver canto custa converter a un profesor en catedrático e ver se se pode abordar ou hai que ir gradualmente.

- Di que persoal e infraestruturas son capítulos distintos. ¿Hai prioridades canto a infraestruturas?

- Son prioritarias as facultades e escolas, porque entendemos que son a célula básica da Universidade. Non podemos permitir que haxa facultades en mal estado e tampouco permitir que se teña prometido facer novos centros e que non se fagan mentres se constrúen outro tipo de infraestruturas.

- ¿Entre remodelación e construción hai que escoller?

- Non son excluíntes. Hai facultades que hai que facer novas, outras que teñen que reformarse integramente e outras que hai que ampliar. Os recursos son limitados. É demagóxico dicirlle a todo o mundo que se vai reformar a súa facultade, pero podemos establecer un calendario e ter a previsión de que haxa os recursos necesarios.

- Cre que a Universidade é multicampus.

- Antes falábase da realidade bicampus entre Santiago e Lugo. Gústame falar máis de multicampus. En Santiago o campus norte, o histórico e o sur, e despois está o campus de Lugo, ademais do que eu defino como o periférico, o formado polas estacións biolóxicas de Ferrol, Vilagarcía e O Courel. Todos os campus merecen o mesmo trato.

- E non lle gusta o nome de Campus Vida

- Hai que volver chamarlle campus sur, porque é o que quere eu diría que o 99% da comunidade universitaria. É un nome co que todo o mundo se sente identificado. Ademais estou convencido de que a Campus Vida lle chamaremos campus sur.

La Voz de Galicia, 28/04/10