Galicia: USC: Mercedes Brea: «Dentro da USC é difícil conciliar polos horarios estandarizados»

Galicia: USC: Mercedes Brea: «Dentro da USC é difícil conciliar polos horarios estandarizados»
Candidata apoiada pola plataforma de Senén Barro, cre que é hora de deixar de pensar en infraestruturas e equipamentos para ocuparse dos que as utilizan a cotío

Ante un «sentimento de abandono» que o equipo da catedrática de Filoloxía Románica Mercedes Brea percibiu nos últimos tempos na comunidade universitaria, decidiron reaccionar. O seu proxecto aposta polos que ocupan os edificios universitarios.

- A súa é unha candidatura independente pero a plataforma de Senén Barro decidiu apoiala.

- Si. As decisións da PUP sería mellor preguntarllas a eles porque poden explicalas mellor. Eu o que podo dicir é que falaron comigo e que me explicaron que tiñan a opción de buscar un candidato propio ou, visto que comezabamos a aparecer moitos candidatos independentes, apoiar a un de nós. Non me pediron nada a cambio. Nalgún centro preguntáronme se o apoio da PUP quería dicir que me propuxeran nomes para as vicerreitorías ou me fixeran o programa electoral. Nin unha cousa nin outra. Os membros do equipo busqueinos eu entre as persoas que me parecía que respondían mellor ao perfil que buscaba e o programa fixémolo os membros do equipo.

- Pero a finais dos 80 foi vicerreitora con Pajares, que era da PUP

- Si pero eu non era da PUP. Eu fun vicerreitora con Pajares porque no período inmediatamente anterior estaba como directora de área do vicerreitor de Profesorado daquela, Guillermo Rojo, que se presentara ás eleccións no equipo do candidato que competía con Pajares. Cando Guillermo o deixou pensaron que o máis fácil era propoñerllo a unha persoa que coñecía o traballo dende dentro.

- O seu lema é «as persoas primeiro». ¿Ata agora estaban nun segundo plano?

- Non sei se estaban nun segundo plano, pero si daba a impresión de que o estaban. Hai unha preocupación moitísimo maior por infraestruturas, construción de edificios e adquisición de equipamentos que polas persoas que ocupamos eses edificios e utilizamos os equipamentos. Percibimos que había preocupación e desencanto e por iso quixemos centrar a campaña na atención ás persoas.

- Un dos puntos principais do programa é o incremento das medidas de prevención e saúde na USC.

- Referímonos a levar a cabo todas as obras necesarias para asegurar as normas de obrigado cumprimento nos sistemas de prevención de riscos. Cando se construíron moitos edificios aínda non existían estas normas, pero mesmo nos posteriores non estiveron pendentes de atender estas necesidades. Por exemplo, ao salón de graos de Matemáticas só se pode acceder dende o interior do edificio subindo escaleiras. Hai que eliminar barreiras arquitectónicas.

- E aposta pola conciliación laboral e familiar. ¿Agora non se pode?

- Dentro da USC é difícil porque hai horarios que son estandarizados: dentro do PAS o normal é a xornada continuada, sobre todo de mañá, e para algunhas persoas fai difícil a conciliación. Nalgúns casos é complicad,o porque se son servizos cun só traballador acomodar os horarios non sempre é doado. No caso do profesorado poden incorporarse medidas como ter en conta á hora de configurar os horarios de clase presencial que hai persoas que teñen que coidar nenos ou que teñen que facerse cargo de maiores ou persoas enfermas.

«Un dos problemas é a escasa visibilidade do que se fai»

Mercedes Brea quere implantar na USC unha estrutura de xestión moito máis áxil.

- A USC está excesivamente burocratizada pero no é un problema exclusivo da nosa Universidade. Tamén é certo que ás veces nos complicamos innecesariamente e que hai procesos administrativos que poderían ser simplificados sen romper demasiado a cabeza. Por exemplo, non ten sentido que teñamos que utilizar unha aplicación informática para cubrir o plan de ordenación docente, imprimilo, que o asine o director e ilo entregar a rexistro cando xa está implantado o sistema de sinatura electrónica. Ademais de simplificar pretendemos que sexa realizada polos profesionais. Hai xestión que asume o PDI que non lle compete porque hai persoal cualificado entre o PAS.

- Anunciou que se presentaba para recuperar a dignidade das carreiras de letras.

- Parece que a investigación de prestixio é a que se fai en ciencias experimentais. Nos últimos tempos, sobre todo con Campus Vida, aínda máis. Dende o punto de vista de investigación, en letras hai moi bos grupos e dende o punto de vista da docencia estase capacitando moi ben aos estudantes e poden desempeñar traballos por riba dos que teñen que ver directamente coa titulación escollida. Hai que recoñecelo e facelo visible, porque un dos problemas da USC é a escasa visibilidade do que se fai cara a fóra.

- E do campus norte.

- Totalmente. É algo que vai vinculado e paréceme que o cambio de denominación do campus sur é un erro, que pode ter graves consecuencias. Non o vexo xustificado por moito que boa parte das actuacións de Campus Vida teñan lugar no campus sur. Se queremos cambialo propoñía que o normal sería chamalo como as zonas. O campus sur, por exemplo, campus da Condesa e o norte campus do Burgo.

- Dicía que pode darse o efecto perverso de que facultades non directamente vinculadas con Campus Vida se visen marxinadas, como Dereito.

- Está comezando a pasar, mesmo en departamentos que de entrada poderían ter unha conexión máis directa co proxecto de Campus Vida. ¿Por que se é un proxecto de toda a USC só se cambia o nome dun campus?

- Aposta por que entre sangue novo no cadro de persoal.

- É que ten que entrar. A 31 de decembro do 2009, había na USC máis de 320 persoas cos 60 anos cumpridos. Quere dicir que nos próximos anos haberá unha cantidade importante de xubilacións e hai que ilo previndo. Non podemos agardar a xubilarnos todos para crear un cadro de persoal novo.

- E quere darlle un espazo ao Centro de Linguas Modernas.

- Pode ter un papel importante e gustaríame que se ampliase a oferta. Ademais, agora vai mendigando espazos nas facultades e queremos a medio ou longo prazo que teña un propio.

La Voz de Galicia, 29/04/10