Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 9

Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 9

  1. Considera que os estudiantes son "clientes" da Universidade? Que opina sobre os créditos ao estudio e o progresivo endebedamento dos estudiantes?

Pilar Bermejo Barrera

- Home non: non se pode calificar como "clientes" ós estudiantes. Esa é unha maneira de confundir as cousas. Anque só fora porque a Universidade non é un centro de mercadorías. Pero non entendo porque establecedes unha relación directa entre esa perversión e a posibilidade de que os estudiantes accedan a un crédito para financiaren os seus estudios. O que non podería aceptar é que a obtención dun crédito fora unha esixencia xeral para o estudiantado, pero que cada un resolva unha situación personal como poda non serei eu quen a xulgue negativamente.

Por outra parte, en Europa hai centros educativos que conceden créditos especiais ós seus estudiantes, que só comenzan a devolverse cando, sendo xa profesionais, acaden un determinado nivel de renta. Eso non implica un "progresivo endebedamento dos estudiantes".

A min o que me importa é que ningun mozo ou moza con capacidade intelectual probada quede fora da universidade por non ter medios económicos. O nivel das taxas, as becas, os créditos, ou calquera outro instrumento que se utilice para garantir ese obxetivo paréceme secundario.

Mercedes Brea

- Considera que os estudiantes son “clientes” da Universidade? Que opina sobre os créditos ao estudio e o progresivo endebedamento dos estudiantes?
Dado que a Universidade non é una empresa, non ten “clientes”. Os estudantes son axentes receptores ou destinatarios participativos da función docente da Universidade, que non tería razón de ser sen eles, pois non hai docentes sin discentes. O resto da pregunta non estou segura de entendela. De momento, o que coñezo como medidas de apoio ós estudantes con necesidades económicas son as bolsas. É posible que existan noutros lugares, ademais das bolsas, sistemas de créditos reembolsables sen xuros, pero, como non son experta na materia, non sei se iso nos debe levar a falar dun “progresivo endebedamento” dos estudantes e, moito menos, se resulta eficaz.

Juan Casares Long

- Os estudantes non son clientes da universidade. Nin se comprende os alumnos sen profesor nin universidade sen alumnos. Forman polo tanto parte imprescindible da comunidade universitaria.

O crédito ao estudio e unha práctica mais resultado da globalización económica, unha realidade da sociedade actual, que eu non comparto.

Lourenzo Fernández Prieto

- Creo que non nos deben atar as palabras. Os estudantes son a parte esencial da universidade, á que lle da sentido.

En canto aos prestamos-bolsa, a situación dos estudantes é moi diversa e debemos buscar os instrumentos de apoio que se adecúen as distintas situacións. Sobre o principio de ser responsables no uso dos fondos públicos que a sociedade pon a nosa disposición, considero que a opción do préstamo pode ser a razonable en determinados casos, pero non noutros. Creo que é outro instrumento adicional para facilitar o acceso á Educación Superior, que debemos explorar e desenvolver como xa se ten feito noutros países con bastante aceptación entre o estudantado. Sen que iso signifique (por se fose necesario aclaralo) que deban ser un substituto das bolsas, instrumento básico de atención aos e ás estudantes e ás familias con menos recursos para acceder ao ensino superior.

Jaime Gómez Márquez

- Os estudantes non son clientes, son estudantes (perdón pola redundancia, necesaria decila as veces). Se o crédito ao estudio garantira un traballo, me parece que podería facerse. Pero como non é así, me parece mal que unha persoa remate a carreira, non teña traballo e ademáis teña que pagar un crédito.

(Nota: publicamos as respostas recibidas ata agora. Se outros candidatos consideraran oportuno facernos chegar as súas respostas, publicaríamolas no momento de recibilas. As respostas dos candidatos preséntanse por orde alfabética)