Galicia: USC: Varela Durán manterá a "máxima proximidade" coas empresas se é reitor

Galicia: USC: Varela Durán manterá a "máxima proximidade" coas empresas se é reitor
O catedrático da facultade de Medicina participou nun Encontro Dixital cos internautas de Xornal.com
O seu obxectivo é "incrementar a porcentaxe de financiamento privada da universidade"

O catedrático de Anatomía Patolóxica Juan Antonio Varela Durán, candidato ao Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela (USC), asegurou no Encontro Dixital que mantivo cos lectores de Xornal.com, que manterá a "máxima e máis próxima" relación posible coas empresas galegas. O seu obxectivo, segundo explicou, é "incrementar a porcentaxe de financiamento privada da universidade", por un lado, e favorecer a "colocación dos alumnos e que atopen o primeiro emprego".

O candidato amosouse disposto a pactar con outras candidaturas. "Se o necesito", puntualizou. Con todo, de non chegar ao Reitorado, prometeu facer unha "oposicón leal nos temas que hai que mellorar e arrimar o hombro ao novo equipo reitoral nos temas importantes para a USC".

Entre outros asuntos, Varela Durán prometeulles aos internautas que ampliará as prazas e reducirá os prezos do novo Máster de Profesorado que substitúe ao Certificado de Aptitude Pedagóxica (CAP). "Propoño acadar o número de prazas anteriormente existentes nun prazo máximo de dous ou tres cursos académicos e solucionar o tema dos prezos facendo que a propia universidade asuma unha porcentaxe da matrícula en forma de bolsa ou beca", asegurou o catedrático da facultade de Medicina.

Varela Durán garantiu o uso do galego como lingua oficial que é da USC e tamén apostou polo inglés como lingua de ensino. Ademais, destacou a súa aposta pola "conciliación académica e laboral/familiar". "Esto significa menos esixencia presencial para que estudantes que teñen que traballar para pagarse os estudos poidan facelo, ou mesmamente alumnos que teñan que coidar familiares anciáns ou enfermos poidan tamén facelo", explicou o candidato de Converxencia Universitaria.

Para ler o Encontro Dixital completo con Juan Antonio Varela Durán, prema aquí.

Para ler o resto de chats cos candidatos ao Reitorado da USC, prema aquí.

Xornal, 29/04/10