Galicia: USC: Mercedes Brea: 'A Universidade non pode actuar con criterios mercantís'

Galicia: USC: Mercedes Brea: 'A Universidade non pode actuar con criterios mercantís'

A catedrática de Filoloxía Románica, Mercedes Brea, encabeza unha das sete candidaturas ás eleccións do novo reitor da USC. Baixo o lema 'Universidade = Diversidade. As persoas primeiro' a candidata promete lealdade coa Universidade e compromiso coa sociedade e a aplicación do sentido común na toma de decisións.

- O proceso de Boloña está a provocar un cambio estrutural na universidade dun gran calado. Cales son os principais retos da USC nesta nova etapa?

- De inmediato, revisar por completo a organización administrativa dos másters e examinar atentamente a oferta que estamos facendo, para mellorala en todos os aspectos e usala como indicio de calidade da USC. Tamén comeza a ser urxente a estruturación dos estudos de doutoramento en canto o ministerio os regule como corresponde. E, con máis calma, estar pendentes do proceso de implantación e desenvolvemento dos graos, por se procede, realizar cambios de calquera tipo. Outro tipo de retos son os relativos á planificación académica da docencia, especialmente nos graos, o estabelecemento de competencias profesionais claras –especialmente nalgúns graos e másters–, ou a distinción operativa entre másters profesionalizantes e de investigación.

- Como considera que debe afrontar a institución o descenso progresivo de alumnos, sobre todo en determinadas facultades?

- Con toda a naturalidade do mundo. Non necesariamente ten que ser malo ese factor; pode tratarse dun simple axuste ás necesidades do mercado, porque o que mellorou sensibelmente é a oferta de ciclos formativos, con maior inserción laboral e menor duración. Tamén incide a proliferación de universidades que se deu nas últimas décadas. E, en calquera caso, o descenso do número de alumnos debe redundar nun aumento da calidade da docencia que se imparte e da formación que se recibe.

- Moitos critican o excesivo illamento social da universidade. Pensa que existe unha relación fluída coa cidadanía? De que xeito se pode mellorar esta imaxe para convertela nunha institución máis próxima?

- É certo que non existe unha relación fluída da institución coa cidadanía. No noso programa hai accións específicas de compromiso social que inciden nesta liña, e tamén unha planificación estratéxica dos servizos transversais de apoio á docencia e á investigación para optimilizalos, entre outras cousas, utilizándoos como vehículo de transferencia de coñecemento á sociedade e como transmisores da cultura científica.

- A investigación é un dos alicerces da universidade pero a falla de financiamento impide moitas veces o seu impulso. De que xeito se pode corrixir esta situación?

- Case diría que acontece o contrario: que é máis doado atopar financiamento para a investigación que para outras accións, como a docencia ou a transferencia de coñecemento. Pero non deixa de ser certo que se está primando sobre todo un tipo de investigación aplicada que xira en torno a eixos temáticos concretos. Falta un impulso decidido á investigación básica e un recoñecemento explícito da importancia deste tipo de investigación, que son liñas polas que apostamos no noso programa con accións concretas nesa dirección.

- Cales son as súas propostas para mellorar a relación da USC cos sectores produtivos?

- Mellorar as canles de comunicación entre universidade e sectores produtivos, pero sen esquecer nunca que a Universidade é un organismo público que non pode funcionar con criterios mercantilistas. Hai que apoiar os grupos que fan investigación e innovación dirixidos ao mercado, pero sería positivo facerlles entender ás empresas que moitas delas poden, e deben, contar con unidades propias de investigación e innovación, e que a Universidade lles pode proporcionar investigadores formados, e en proceso de formación, para incorporalos a elas e levar adiante eses obxectivos.

- No caso de chegar ao reitorado, que cuestións pensa que se deberían abordar con urxencia?

- Non é que o pense ou o queira. Sei que o próximo reitor deberá pechar en canto tome posesión dous temas candentes: a organización da docencia clínica de Medicina e o novo plan de financiamento para o período 2011-2015. Logo poderá, con certas limitacións, estabelecer prioridades noutro tipo de actuacións.

A Nosa Terra, 30/04/10