Galicia: USC: Pilar Bermejo: 'Debemos fomentar a cultura emprendedora'

Galicia: USC: Pilar Bermejo: 'Debemos fomentar a cultura emprendedora'

A catedrática de Química Analítica, Pilar Bermejo, concorre ás eleccións ao reitorado da USC baixo o lema 'Contigo sen ataduras' onde presenta un goberno participativo dentro da Universidade compostelá.

- O proceso de Boloña está a provocar un cambio estrutural na universidade dun gran calado. Cales son os principais retos da USC nesta nova etapa?

- Boloña vai permitirnos poñer en común obxectivos xerais e, sobre todo, métodos pedagóxicos comúns a todas as universidades europeas e non podemos deixar pasar esta oportunidade de sumarnos a un espazo continental de ensino universitario. Trátase de que todos os estudantes poidan transitar entre universidades sen ningún tipo de obstáculos que impidan o recoñecemento dos seus estudos. Polo tanto temos que concentrar esforzos para a implantación real de Boloña. Agora ben, este plan non se pode levar á práctica a custo cero. Son precisos máis medios materiais e humanos e nós reclamaremolos para levalo a cabo. A concentración de recursos na docencia é unha prioridade dentro do noso proxecto de goberno.

- Como considera que debe afrontar a institución o descenso progresivo de alumnos, sobre todo en determinadas facultades?  

- O descenso de estudantes non ten por que ter sempre connotacións negativas, xa que para a implantación de Boloña é precisa unha relación mais estreita entre profesor e alumno. Pode haber titulacións con poucos alumnos que non deben ser eliminadas. Debemos seguir sendo unha Universidade completa, e garantir unha formación en todas as grandes áreas do coñecemento. O que non podemos aceptar é que o financiamento siga tendo como criterio importante o número de alumnos.

- Moitos critican o excesivo illamento social da universidade. Pensa que existe unha relación fluída coa cidadanía? De que xeito se pode mellorar esta imaxe para convertela nunha institución máis próxima?

- Son consciente de que segue existindo un muro de illamento entre a universidade e a sociedade, que é preciso derrubar xa. É preciso transmitir a sociedade a nosa personalidade e os valores nos que se fundamenta a Universidade. Temos que buscar o equilibrio entre a imaxe real do que somos, a imaxe que queremos transmitir e a imaxe que a sociedade ten de nós. Estabelecer novas canles de comunicación institucional coa sociedade e traballar en estreita colaboración con ela. Ademais de potenciar a comunicación institucional nós propoñemos a creación do Observatorio para o Análise da Demanda, e a Oficina de Inserción Laboral dos nosos licenciados, que nos permitira ver si estamos formando os profesionais que a sociedade demanda.

- A investigación é un dos alicerces da universidade pero a falla de financiamento impide moitas veces o seu impulso. De que xeito se pode corrixir esta situación?

- A principal fonte de financiamento da investigación son os proxectos autonómicos, nacionais e internacionais, e os contratos con empresas. É preciso prestarlles soporte aos investigadores na busca e na preparación dos proxectos, sobre todo nos de ámbito internacional. Por outra parte, aínda que os recursos da USC sexan escasos, é preciso apoiar os grupos emerxentes e os grupos consolidados con problemas temporais de financiamento. Pensamos que parte do novo Plan de Financiamento debe ser por obxectivos nos que se deberá ter en conta a investigación.

- Cales son as súas propostas para mellorar a relación da USC cos sectores produtivos?

- Dentro dos nosos obxectivos de investigación temos a proxección social da investigación, así como o fomento da cultura emprendedora. Entre as distintas accións propostas podemos destacar a creación dun Parque Científico empregando os centros de investigación como xerme, no que se aglutinen as actividades de I+D da USC coas actividades económicas das empresas e outros axentes de innovación implicados na transferencia do coñecemento. Tamén elaboraremos un Plan Estratéxico de Transferencia do Coñecemento, unha Unidade de Valorización e Protección da Investigación Forte, e daremos pulo a creación de spin-offs (empresas que se crean a partir doutras empresas).

- No caso de chegar á reitoría, que cuestións pensa que se deberían abordar con urxencia?

- Un dos problemas máis urxentes é o financiamento, e para iso é preciso reclamarlle un maior esforzo á Administración e realizar unha mellor xestión dos recursos. Tamén é preciso traballar en políticas de estabilidade de todo o persoal da USC, mellorar a calidade da docencia e da investigación para conseguir unha adaptación completa ao Espazo Europeo de Educación Superior e ao Espazo Europeo de Investigación e incrementar a participación dos estudantes na vida universitaria... En resumen converter a USC nunha universidade pública de referencia que abra un tempo novo, que sexa plural e aglutinadora; que teña capacidade de liderado, que sexa esixente en relación á calidade docente e investigadora; que estea comprometida co benestar, a igualdade, o ambiente e a sustentaibilidade; que sexa unha universidade innovadora e emprendedora, viva e prestixiosa da que todos seus membros se sintan parte activa e da que esteamos orgullosos de pertencer.

A Nosa Terra, 30/04/10