Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 10

Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 10

  1. Cre que debe haber diferencias entre as universidades públicas e as privadas? Como vé o futuro.das universidades privadas en España? E en Galicia?

Pilar Bermejo Barrera

- Non poderá haber diferencias entre universidades públicas e privadas no que fai ás esixencias legais para o reconocemento de títulos, pero en todo o demás será decisión de cada unha de elas si as hai ou non. Si, por exemplo, as Universidades privadas dispoñen de máis recurso para a aplicación dos métodos docentes máis avanzados, estarán en condicións de ofrecer un ensino máis atractivo que as públicas, coa mágoa de que non todo o mundo podería acceder a él.

Hai que decir, sin embargo, que hoxe por hoxe, as universidades públicas, ó combinaren con maior potencia que a maior parte das privadas a relación entre investigación e docencia, están en condicións de ofertaren un ensino de maior calidade . O reto das universidades públicas está, precisamente, en sacar proveito de esa ventaxa comparativa.

Desde o meu punto de vista, alomenos en España, e agás algún tipo de ensino relativamente especializado ou máis directamente vinculado ás expectativas empresariais e profesionais, as universidades públicas teñen unha oferta con máis contidos e de mellor calidade que as privadas. Pero, ás veces, esto é máis causa da historia de cada un dos tipos de universidades (longa para as públicas e curta para as privadas), que dunha actitude verdadeiramente comprometida de cada unha delas. As universidades públicas deben ser moi conscientes de esto.

Mercedes Brea

- Non sei se as “debe” haber, pero diferencias hainas. Os prezos das universidades públicas son moito máis elevados, porque deben cubrir o custo real (e, a ser posible, xerar beneficios), algo que non constitúe un obxectivo para as universidades públicas. O futuro.das universidades.privadas interésame máis ben pouco, posto que formo parte dunha universidade pública e o que de verdade me preocupa é máis ben o futuro desta.

Juan Casares Long

- A existencia de universidades públicas e privadas leva coexistindo moitos anos en algúns países do noso contorno. En España a pesares do elevado numero de universidades privadas dos últimos anos, salvo casos moi contados deberían chamarse centros de ensino superior porque non inclúen, en moitos casos, o desenvolvemento das funcións básicas da universidade tal e como eu a entendo.

En Galicia, polo momento non constitúe un problema a considerar.

Lourenzo Fernández Prieto

- Hai unha diferenza fundamental derivada do seu propio carácter. Unha universidade pública é un servizo público. O futuro das universidades privadas dependerá da actitude de quen goberne cara elas. Non deben detraer nin un só euro dos fondos públicos para a docencia e a investigación. A experiencia dinos que están centradas nun conxunto reducido de áreas de coñecemento e cunha ausencia total ou casi total de actividade investigadora. Desde a universidade pública a nosa obriga (institucional e de cada un dos que a conformamos) é ofrecer a mellor formación e a mellor investigación, cun uso eficiente dos nosos recursos.

Jaime Gómez Márquez

- Son defensor dunha Universidade pública forte a todos os niveis. A partires de ahí, estamos nunha sociedade de libre mercado e respecto que haxa universidades privadas pero prefiro, por moitas razóns, a públlica.

(Nota: publicamos as respostas recibidas ata agora. Se outros candidatos consideraran oportuno facernos chegar as súas respostas, publicaríamolas no momento de recibilas. As respostas dos candidatos preséntanse por orde alfabética)