Galicia: USC: Laura Sánchez Piñón: «Por moito que llas busque, non lle vexo pegas a Campus Vida»

Galicia: USC: Laura Sánchez Piñón: «Por moito que llas busque, non lle vexo pegas a Campus Vida»
A pesar das críticas, ter sido conselleira de Educación co Goberno bipartito «sempre suma», e se non gaña volverá ao labor para o que ten vocación: ser profesora

Tivo unha campaña electoral de infarto, pero sabe aturar a presión. Durante case catro anos foi conselleira de Educación co Goberno bipartito. Porén, a súa verdadeira vocación é a de docente.

- Falouse de vostede como a candidata da PUP e ao final concorre como independente. ¿Que pasou?

- A candidatura foi anunciada a finais do mes de agosto. Nese momento a PUP non se manifestara aínda ao respecto. A miña idea de facer isto, que é unha iniciativa individual apoiada por moita xente, xurdiu pulsando a realidade universitaria do último ano, no que se falou moito de que as plataformas tiveron o seu momento e é unha fórmula que pode aportar como lugares onde hai un debate. Pero no momento actual non reflicten toda a realidade universitaria. Eu percibín iso e por iso o fixen deste xeito.

- Tamén houbo críticas arredor de que sendo conselleira non asinou un novo plan de financiamento.

- O feito de ser conselleira e ter a responsabilidade de Educación, para min e para moita xente suma. É unha experiencia de alta xestión nun ámbito no que agora pretendo ter responsabilidade. Sobre o plan de financiamento, xa tiñamos feito reunións cos reitores e había consenso nun modelo no que se avaliase ben o custo dos servizos básicos, que sería un 70 ou un 80%, tendo en conta as diferenzas entre universidades, e o resto sería un financiamento variable en función de indicadores. No momento no que chegou a crise, adiouse a sinatura para o ano seguinte, e logo entrou un novo goberno.

- Semella que vostede é a candidata de Lugo, ten unha especial atención para este campus.

- Son unha candidata da USC pero o meu laboratorio e practicamente toda a miña actividade docente e investigadora deuse e dáse no campus de Lugo. Si que tiven docencia no campus de Santiago e síntome profesora da USC. As necesidades docentes en Lugo son maiores e temos un compromiso de non facer diferenzas. É moi emocionante deixar a solicitude porque todas as instancias que van marcando a vida académica deixeinas alí.

- E é das menos críticas co proxecto de Campus Vida.

- Neste momento presentouse un proxecto a unha convocatoria e no futuro poderá haber outros. A USC acadou esta distinción que economicamente supón 7,5 millóns de euros en créditos reembolsables e por outra banda máis de 4 millóns de subvención. Iso non afecta ao orzamento, é algo extraordinario, porque os préstamos reembolsables son autorizados pola Comunidade Autónoma. O proxecto en si pon en conxunto as fortalezas dunha área con moi bos resultados, así como a investigación do hospital, da USC e as empresas actuais e as que no futuro se creen novas spin- off. A distinción de campus de excelencia internacional afecta a toda a Universidade. Por moito que llas busque, non lle vexo pegas a Campus Vida.

- Hai quen di que nos últimos anos se deixou de lado a docencia na USC.

- Evidentemente é básica e non discuto esa dicotomía, porque un profesor é sempre un investigador, por definición, por lei e por vocación. Temos que transmitir como se xera o coñecemento. O que si se percibe é que os sistemas de avaliación da investigación están máis claros e aceptados pola comunidade en xeral, especialmente para as experimentais, pero na docencia non tiñamos un sistema de avaliación e precisamos deses indicadores.

«A utilización máis racional dos recursos é priorizar e dentro disto apostar por que poida entrar xente nova»

Foi das primeiras en lanzar proxectos e propostas concretas para a USC, como establecer liñas de cooperación con universidades en vías de desenvolvemento.

- Xurde un pouco na liña de ter proxectos institucionais de cooperación. Hai un exemplo espectacular, que desenvolve o investigador Pedro Alonso, que traballa na nova vacina para a malaria. A metade da súa investigación faise en Tanganica. Agora hai un instituto importante, estanse formando a esas persoas tamén. Temos áreas que poderían ter un desenvolvemento importante, como a acuicultura, e ao mellor os investigadores non dan o paso individualmente. A institución podería facelo.

- Alude tamén a que quere buscar un uso máis racional dos recursos. ¿Gástase ao chou na USC?

- Non, non se gasta ao chou. Utilización máis racional dos recursos quere dicir unha priorización, e dentro dela, apostar claramente por que poida entrar xente nova na Universidade, por exemplo no inicio da carreira docente e investigadora. Nas reunións falamos moito de ter máis bolsas de doutoramento en áreas de especial dificultade. Un ten que poñer o acento naquelas medidas que cre que poden axudarnos a plantexar mellor o futuro.

- ¿E que pasa coas infraestruturas?

- En grandes infraestruturas e centros de investigación pensamos que a Universidade ten acadado un nivel alto comparativamente con outras. Iso é un motivo de satisfacción, pero chegado ese punto, temos que poñer o acento en aqueles centros que precisan remodelacións integrais ou precisan reformas e adaptación dos espazos ás novas necesidades. Iso tamén é racionalizar.

- O máis probable é que haxa segunda volta. ¿Haberá pacto?

- O momento dos pactos creo que xa pasou. Penso que o tempo era na primeira volta, porque é cando se transforman os proxectos e é o momento de chegar a acordos para contar cun proxecto e un equipo común. Eu non faría oposición no caso de que non gañase. A vida universitaria é distinta da política. Ao día seguinte estaría no meu despacho e o reitor contaría co meu apoio.

La Voz de Galicia, 01/05/10