Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 11

Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 11

  1. Que entende por "calidade"? E por "excelencia?

Pilar Bermejo Barrera

- Cada tempo ten as súas palabras, até que por un uso abusivo das mesmas se lle esgota o significado, ou incluso se pervirten. Algo semellante pode ter sucedido con estas dúas polas que me preguntan. ¿Non comprenden o que lles digo?; ¿Cómo pode ser que nos teñamos que preguntar polo significado de dúas palabras que empregamos cada día?. Quizá porque perderon a capacidade de significar o que queremos decir con elas.

Propóñolles que recuperen un vello concepto: debemos traballar co compromiso de facer as cousas como é debido, para ofrecer un traballo ben feito. E si pretendemos estar de verdade entre os bos profesionais, ou entre as boas universidades, xa que é o caso, tentar de que os nosos froitos merezan o respeto dos demáis por recolleren esa condición no maior degrao posible.

Xa ben: o que importa non son as palabras, sinón o que se quere decir.

Mercedes Brea

- Certamente, non resulta sinxelo definir estes termos tan de moda. En calquera caso, entendo que “calidade” se refire ó conxunto de propiedades positivas que confiren valor alto a algo ou alguén. A “excelencia” representa un valor aínda máis elevado, unha calidade superior que fai que algo sexa digno da maior estima, aprecio e respeto.

Juan Casares Long

- Por calidade ser eficaces primeiro e eficientes despois no desenvolvemento das nosas tarefas.

Por excelencia a capacidade de ser sempre mellores.

Lourenzo Fernández Prieto

- Calidade é, como se pode deducir das respostas anteriores, dar resposta eficiente á necesidades de formación de cidadáns e profesionais responsables e capaces, e de xeneración de novo coñecemento e innovación. Seremos unha Universidade excelente se os nosos estudantes nos recoñecen como tal dez e vinte anos despois de selo, e se a sociedade atopa en nós unha fonte de produción de coñecemento e solucións aos seus problemas.

Jaime Gómez Márquez

- Son termos moi complicados para unha persoa normal coma min.

(Nota: publicamos as respostas recibidas ata agora. Se outros candidatos consideraran oportuno facernos chegar as súas respostas, publicaríamolas no momento de recibilas. As respostas dos candidatos preséntanse por orde alfabética)