Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 12

Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 12

  1. Que papel considera que xogan na Universidade as políticas de avaliación de profesores, programas e centros? Teñen algo que ver coa imposición coactiva de políticas de reconversión?

Pilar Bermejo Barrera

- As políticas de avaliación son so para ver si as cousas estanse a facer ben, e penso que non teñen nada que ver coas políticas de reconversión.

Mercedes Brea

- Esas políticas de avaliación deberan ser un instrumento para detectar a existencia de boas e malas prácticas na docencia, investigación e xestión, de xeito que se puideran reforzar, consolidar, impulsar e mesmo recompensar as boas e corrixir (e cicais penalizar dalgún xeito) as malas. Na práctica, non estou convencida de que teñan que ver con esa “imposición coactiva de políticas de reconversión”, pero é certo que non cumpren o fin perseguido, senón que se utilizan para aparentar que somos críticos e obxectivos e para recoñecer méritos formais que redunden nalgún tipo de beneficio para os avaliados.

Juan Casares Long

- Eu entendo por avaliación a cuantificación da consecución dun determinado nivel de calidade, e non con políticas de reconversión.

Lourenzo Fernández Prieto

- A universidade e os universitarios sabemos que debemos render conta á sociedade e que debemos ser avaliadas no desempeño das nosas funcións. Como xa dixen anteriormente, debemos ser responsables no uso dos fondos públicos e en función dos resultados das avaliacións tomar as medidas correctoras. Temos unha función social que cumprir somos financiados en boa medida con fondos públicos, polo que a sociedade está lexitimada para avaliarnos e esixirnos.

Jaime Gómez Márquez

- A primeira pregunta, é a Universidade na súa autonomía a que ten que avaliar aos profes, os programas e os Centros. E debería facerse ben, cousa que non se fai. A segunda pregunta, non a entendo moi ben pero estou en contra desas cousas que se chaman imposicións coactivas (danme un pouco de medo).

(Nota: publicamos as respostas recibidas ata agora. Se outros candidatos consideraran oportuno facernos chegar as súas respostas, publicaríamolas no momento de recibilas. As respostas dos candidatos preséntanse por orde alfabética)