Galicia: USC: Juan Casares Long: «Temos que correr máis que os demais por estar na periferia»

Galicia: USC: Juan Casares Long: «Temos que correr máis que os demais por estar na periferia»
É a segunda vez que este independente se presenta ás eleccións e ten claro que levará o mesmo equipo o día 5 que o 24 de maio, porque «non estou nos pactos»

Vén con máis forza que nunca. Curtido na anterior campaña electoral, na que empatou en número de votos co actual reitor, Senén Barro, Juan Casares Long cre que é hora de dar maior transparencia e fomentar a participación na Universidade.

- Puxo nun apuro a Senén Barro nos anteriores comicios. ¿Que augura para estes?

- [Ri] Era moito máis claro hai catro anos. Eramos dous candidatos, unha Universidade aparentemente centrada en torno a uns grupos organizados e que resultou que estaba agrupada en torno a dous xeitos de facer Universidade e o resultado foi o que foi: un empate en votos directos. A súa vitoria foi absolutamente lexítima no voto ponderado, que ademais ten unha lóxica. Foi unha vitoria del pero eu sentín o esforzo feito recompensando.

- Non deixou de repetir que o labor de oposición o capacita para o cargo.

- A capacitación son máis cousas, pero penso que axudou moitísimo porque me permitiu hai catro anos entrar en contacto con moita xente e despois, saír elixido para o Claustro, que tamén permite coñecer cousas. Despois fun designado polo reitor para ser membro do Consello de Goberno e iso permitiume coñecer moitísimas máis cousas, porque case todo o que ten lugar na USC pasa polo Consello de Goberno.

- Quere auditar as contas da USC. ¿Son tan escuras?

- Foi unha teima miña durante estes anos que a información dunha organización como a USC debería chegar a todos os estamentos para implicalos, para mellorar a participación e mesmo para asumir compromisos froito dunha maioría da comunidade universitaria. Sempre insistimos na necesidade de coñecer con máis desagregación os números e mesmo de coñecer os números, que comezaron a aparecer nos últimos meses, quizais porque a situación económica forzou a que as cifras apareceran, para min aínda demasiado agregados.

- Tamén é un dos máis críticos coa adaptación a Boloña, non só na USC senón tamén en España.

- Penso que non son dos máis críticos. Non somos críticos co que supón de reforma, senón co xeito de facer as cousas. Hai que trasladar á xente por que se fan as cousas e argumentalo, non «porque o digo eu» e iso nos plans de estudo non existiu. O ministerio tardou en ser consciente da reforma e cando o foi, xogou diferente que o resto de Europa. A reforma quizais noutros países, como levan tempo achegando recursos, pódese facer a custo cero, pero no noso país non.

- Tampouco está conforme co proxecto de Campus Vida.

- Non foi o proxecto.

- Foi o modo, logo.

- Pois si. Dende o meu punto de vista houbo unha falta de sensibilidade cara a facer á comunidade universitaria partícipe. É un proxecto importante e ambicioso, e creo que se a comunidade universitaria estivese ben informada do seu interese, estaría a favor do proxecto. Agora o que hai que facer é poñer as infraestruturas a andar, porque os demais están correndo e nós temos que correr sempre un pouco máis porque estamos na periferia da periferia.

- Nas últimas eleccións votárono moitos estudantes. ¿Que lles ofrece desta vez?

- Sentirse escoitados, mellorar a través do diálogo a propia USC e a súa participación nos órganos de goberno nos que teñen representación. Entendo que a atención preferente ten que ser a de formar profesionais competentes e apoiar a dimensión social.

«Hai que ver onde está a demanda e de acordo co goberno das bibliotecas ilas abrindo en época de exames»

Casares Long comezou a soar como candidato ao converterse nunha especie de abandeirado dos acreditados a cátedra.

- Non me gusta, pero é un protagonismo que me tocou porque dende sempre entendín que se trataba de promoción persoal, non de dotación de prazas. A miña postura é o recoñecemento do traballo ben feito a prol da USC durante moitos anos mediante a lexislación vixente. Foi como o entendín sempre.

- ¿E para os PAS que propón?

- Temos que reorganizar a xestión para que sexa áxil e eficaz, respectando que os xestores son os que saben de xestión. Temos que facer un esforzo importante para garantir estabilidade nos postos ás persoas que se atopan desempeñando tarefas de xestión, ordenando e periodificando convenientemente as convocatorias de promoción e oposición, para que cada quen coñeza as súas posibilidades dentro da carreira profesional do PAS.

- Quere crear o Rexistro de Persoal Investigador en Formación. ¿Non se sabe cantos hai?

- Si se sabe. Poderíamos falar incluso de trasladar, non de crear, pois moitas veces os datos están pero non están visibles. Trátase de coñecer a situación de cada quen e do mesmo xeito que temos a Relación de Postos de Traballo ter ese rexistro de investigadores en formación para axudar na planificación da investigación e a difusión desa investigación na USC.

- Quere racionalizar os horarios de biblioteca en época de exames.

- A biblioteca é unha ferramenta de traballo fundamental. Nos momentos de maior esforzo dos alumnos, non se trata de que as bibliotecas estean saturadas, porque xa non é un ámbito de estudo adecuado. Temos que tratar de ver onde está a demanda e, sempre de acordo coa estrutura de goberno da biblioteca, abrilas na medida das necesidades á comunidade universitaria e á sociedade.

- ¿Haberá pactos na segunda volta?

- Eu non estou neles. Presento un equipo completo e un programa feito co traballo desas persoas e outras. Imos presentarnos o 5 de maio como nos imos presentar 19 días despois e iso é ser coherente, non inmobilista.

La Voz de Galicia, 03/05/10