Galicia: USC: Lourenzo Fernández: 'Apostamos pola universidade pública e de calidade'

Galicia: USC: Lourenzo Fernández: 'Apostamos pola universidade pública e de calidade'

O catedrático en Historia Contemporánea, Lourenzo Fernández Prieto, preséntase ás eleccións a reitor da USC baixo o lema 'Sabemos facer Universidade'. Entre as súas prioridades está o seu compromiso de incorporar activamente os 33.000 estudantes da USC ás decisións de goberno universitario.

- O proceso de Boloña está a provocar un cambio estrutural na universidade dun gran calado. Cales son os principias retos da USC nesta nova etapa?

- Estamos no tempo de construír o futuro, por iso presentamos un proxecto de futuro. Queremos representar unha visión de como debe ser a universidade pública galega do século XXI. Teño unha idea do que debe ser esa Universidade e dos valores e principios que deben rexela. Son os principios que definen o noso programa: unidade, universidade pública, calidade, e compromiso co país e coa xente da universidade. A nosa é unha aposta firme, decidida, sen complexos, sen servidumes polo público, pola universidade pública de calidade. A nosa oferta é menos dependencia, máis autonomía, máis suficiencia financeira e máis recursos, menos burocracia inútil e máis pór no centro do sistema o estudantado, os académicos e os xestores.

- Como considera que debe afrontar a institución o descenso progresivo de alumnos, sobre todo en determinadas facultades?

- Colocando o estudantado e os docentes no centro da universidade e apostando pola calidade.

- Moitos critican o excesivo illamento social da universidade. Pensa que existe unha relación fluída coa cidadanía? De que xeito se pode mellorar a imaxe para convertela nunha institución próxima?

- Hai que abrir as portas e as xanelas da universidade para que entre o aire fresco da sociedade e do país. Con este fin, propoñemos unha reforma do Consello Social da USC, para convertelo nun órgano de asesoramento efectivo e ampliar os sectores sociais representados. Outro eixo pasa polo estudantado, porque eles son a sociedade que está neste momento na universidade e son, polo tanto, a nosa principal canle de comunicación para o presente, pero tamén cara o futuro.

- A investigación é un dos alicerces da universidade pero a falta de financiamento impide moitas veces o seu impulso. De que xeito se pode corrixir esta situación?

- Temos que fixarnos un dobre obxectivo: acadar novas vías de ingreso e a eficiencia no investimento e no gasto. Sobre o primeiro eixo, teño asumido o compromiso de chegar, no primeiro ano de mandato, a un acordo de financiamento estábel coa Xunta que debe, ademais de garantir en primeiro termo esta sustentabilidade da universidade, financiar o ben feito en docencia, investigación e internacionalización. No mesmo camiño, temos que aproveitar as grandes fortalezas da USC: o ser unha Universidade moi investigadora –entre as 7 primeiras do Estado– e moi internacional –entre as 5 primeiras– permítenos acudir a xacementos de recursos moi importantes, tanto no ámbito docente coma no investigador. Marcámonos como obxectivo duplicar os recursos captados no ámbito estatal e europeo, e buscar socios na sociedade civil, cómplices na estratexia de sustentabilidade da potencia investigadora da USC.

- Cales son as propostas para mellora a relación da USC cos sectores produtivos?

- En primeiro lugar, hai que coñecer as súas necesidades, e intentar ofrecerllo dende o compromiso e a calidade, tanto na docencia como na investigación, en beneficio das lóxicas públicas da universidade.

- No caso de chegar á reitoría, que cuestións pensa que se deberían tratar con urxencia?

- En materia de financiamento, acadar un acordo de financiamento estábel coa Xunta para 10 anos. Nos primeiros seis meses, elaboraremos entre todos un Plan Estratéxico de Investigación e Docencia que poña investigadores e docentes no centro do sistema, que poña a USC a traballar para todos os investigadores, de todas as áreas, que elimine os gastos superfluos e insostíbeis e que aumente os recursos externos. Tamén é urxente e moi necesario reducir á metade os trámites e o papeleo en todos os procedementos que afogan a docentes e xestores con burocracia inútil. Por outra parte, traballar no fomento da mobilidade, en ter máis bolsas para ir ao estranxeiro con máis e mellores programas de intercambio. Queremos garantir que os estudantes teñan a posibilidade de desenvolver cando menos un cuadrimestre en universidades estranxeiras.

A Nosa Terra, 03/05/10