Galicia: USC: Laura Sánchez Piñón: 'Fomentaremos a mobilidade de alumnos e profesores'

Galicia: USC: Laura Sánchez Piñón: 'Fomentaremos a mobilidade de alumnos e profesores'

A catedrática de Xenética, Laura Sánchez Piñón, encabeza outra das sete candidaturas ás eleccións da Reitoría da USC. O lema do seu equipo é 'Crea futuro' e presenta un proxecto 'plural e integrador' co fin de converter a Universidade nun referente 'internacional'.

- O proceso de Bolonia está a provocar un cambio estrutural na universidade dun gran calado. Cales son os principais retos da USC nesta nova etapa?

- Fundamentalmente, apoiar aos profesores na adaptación á impartición da nova docencia, incrementando os cadros de persoal onde sexa necesario e proporcionando espazos axeitados ao novo tipo de docencia. Ademais, o fomento da mobilidade é outros dos obxectivos derivados deste proceso, tanto de alumnado como do profesorado como do PAS, e para iso, temos deseñado un completo programa de accións enmarcado fundamentalmente nas áreas de Política Internacional e Formación e Mellora Educativa.

- Como considera que debe afrontar a institución o descenso progresivo de alumnos, sobre todo en determinadas facultades?  

- Desde hai varios anos xa non se dá ese descenso tan acusado na matrícula, e cremos que no futuro, segundo se deriva dos datos que todos coñecemos, non se repetirán as circunstancias que o ocasionaron no pasado.

- Moitos critican o excesivo illamento social da universidade. Pensa que existe unha relación fluída coa cidadanía? De que xeito se pode mellorar eta imaxe para convertela nunha institución máis próxima?

- A Universidade está plenamente integrada na Sociedade, aínda que moitas das súas achegas máis importantes sexan relativamente descoñecidas por esta. Nós pretendemos levar a cabo unha política activa de comunicación para cambiar radicalmente esta situación, conscientes de que a sociedade cada vez nos demanda máis respostas aos seus retos e desafíos.

- A investigación é un dos alicerces da universidade pero a falla de financiamento impide moitas veces o seu impulso. De que xeito se pode corrixir esta situación?

- Non hai tal falla de financiamento. A USC é unha das universidades españolas que máis éxito ten na captación de recursos competitivos para a investigación. Isto non quere dicir que non debamos seguir traballando para que os nosos grupos de investigación sexan cada vez máis competitivos a nivel nacional e internacional.

- Cales son as súas propostas para mellorar a relación da USC cos sectores produtivos?

- A USC firma cada ano máis de 200 contratos de investigación e asesoramento con empresas, por elo non se pode dicir que a nosa Universidade teña unha escasa relación cos sectores produtivos. Aínda así, seguiremos apoiando o labor dos grupos de investigación, os verdadeiros motores da investigación, na súa procura de partners empresariais para o desenvolvemento de proxectos conxuntos.

- No caso de chegar á reitoría, que cuestións pensa que se deberían abordar con urxencia?

- Fundamentalmente os problemas relacionados cos cadros de persoal de PDI e de PAS. Están a darse situacións que, co tratamento axeitado, poden mellorar moito as condicións e cargas de traballo destes colectivos, e a iso dedicaremos os nosos primeiros esforzos. Ademais, poremos en marcha un programa de axudas para grupos emerxentes e traballaremos na definición da Oficina de Inserción Laboral.

A Nosa Terra, 03/05/10