Galicia: USC: Lourenzo Fernández Prieto: «Quero unha gran coalición de ideas, non de intereses»

Galicia: USC: Lourenzo Fernández Prieto: «Quero unha gran coalición de ideas, non de intereses»
Di que o tempo dos pactos xa rematou e que hai que integrar a todos os que votaron aos outros candidatos na primeira volta

Contento cos resultados da primeira volta, o catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto pensa xa na segunda. Di estar aberto ao diálogo e á integración para acadar unha maioría transformadora da Universidade, para que a institución académica compostelá chegue a ser o que poida ser.

- ¿Está satisfeito cos resultados da primeira volta?

- Estou bastante contento. Pasei á segunda volta, e foi unha campaña na que creo que demostramos como se discute na Universidade, como se debate con fair play entre sete candidaturas e sete ideas distintas, e creo que iso é moi de valorar. De feito, sempre destaco o traballo dos compañeiros e compañeiras que foron candidatos e que demostramos como se pode discutir, como se pode resolver a pluralidade.

- De feito, unha das cousas que salientou o presidente da Comisión Electoral Central foi ese «fair play» ao que alude. ¿Seguirá sendo igual na segunda volta?

- Espero que sexa igual. O que pasa é que aquí é máis clara. Hai dous modelos diferentes: o modelo da Universidade que foi e o modelo da Universidade que pode ser e que eu agardo que poidamos facer entre todos: unha Universidade da segunda metade do século XXI e que modestamente eu quero promover.

- A Universidade que pode ser, ¿como debe ser?

- Trátase de deixarlle á Universidade de Santiago chegar a ser todo o que pode ser e iso significa remover obstáculos.

- ¿De que tipo?

- Para empezar, colocar aos estudantes, aos docentes e aos xestores no centro. Acabar coa burocracia inútil tal e como queren docentes e xestores. Poñer toda a potente maquinaria de xestión da investigación, que é moi boa, ao servizo de todos os investigadores. Tamén remover os límites financeiros para garantir a sustentabilidade, e sobre todo superar a incomunicación coa sociedade.

- Foi o máis votado polos estudantes. Semella que funcionou a estratexia das redes sociais.

- Si. A ver, eu estou moi satisfeito de ter sido o máis votado entre os estudantes, pero creo que é importante que teño unha votación equilibrada en todos os ámbitos, non teño picos estraños. Nin sequera entre os estudantes teño concentración de votación nalgúns sitios. É bastante equilibrada, e creo que iso é moi satisfactorio.

- Vostede dixo que aposta pola integración, pero non polos pactos ao xeito tradicional.

- É que a época dos pactos xa rematou, dígoo e repítoo. Todos os pactos que se poidan facer xa foron feitos. A Universidade neste momento está competindo e unicamente quedan dúas opcións diferentes e ben contrastadas. Insisto en que é unha que mira para adiante e outra que mira para atrás, e o de que mira para atrás non o digo eu, o di o slogan do outro candidato [«Súmate. Recuperemos a esencia»]. O que quero promover é unha gran coalición de ideas, non de intereses. Unha coalición de ideas que permita orientar o proxecto de Universidade que temos que construír para a segunda década deste século: unha universidade pública, galega e aberta ao mundo.

- Entendo que o equipo seguirá a ser o mesmo.

- Claro, por suposto. Non hai dúbida ao respecto a pesar de todas as voltas. O paso do tempo ten unha virtude e é que pon a todo o mundo no seu lugar. Vese o que é verdade e o que non o é, e ademais teño un gran equipo, que sabe facer Universidade porque leva feito moita Universidade.

- Logo, ¿será difícil acadar os votos que en primeira volta foron para as outras candidaturas?

- Xusto ese é o gran reto e por iso sempre falei de integración. Quen sexa reitor, non quen sexa candidato para ser reitor, que son cousas distintas, ten que ter a capacidade de integrar o que agora xa sabemos que é: máis do 50% dos votos que foron emitidos a outras candidaturas. E ten que integrar esa realidade, ten que integrala como dixen sempre, sobre ideas e propostas de futuro, para acumular masa crítica e ser quen de facelo.

- Casares Long di que só quere dous debates na segunda volta no canto dos tres que vostede propuxo.

- Ata este momento a única referencia que tiven foi unha alusión á miña xuventude. Alédome de ter por fin unha resposta, que de todos os xeitos foi a través dos medios e non creo que sexa o xeito máis elegante de facelo. O que me estraña é que rexeita un debate no campus norte, supoño que será porque é onde se concentran as Humanidades e Ciencias Sociais. Agardo que cambie de opinión.

La Voz de Galicia, 08/05/10