Galicia: USC: Senén Barro: “A Xunta non asumiu o rol de estruturar o SUG”

http://firgoa.usc.es/drupal/files/images/Botin_Barro_0.jpgGalicia: USC: Senén Barro: “A Xunta non asumiu o rol de estruturar o SUG”
Fraga deu “complicidade” económica, Touriño tivo o discurso máis “prouniversitario” e Feijóo deixa “desvalido” o I+D
"Teño o encargo da presidencia da Rede Emprendia, coa participación de Universia e o Santander. Ese é o meu proxecto"

Senén Barro, reitor en funcións da Universidade de Santiago (USC), está “en proceso de descompresión” tras oito anos “moi, moi a fondo” no Reitorado. A presión do cargo diminúe cada día –“as decisións de certo calado que non poden esperar xa se toman de acordo co novo equipo”– e pode pensar no futuro e falar con calma do pasado recente.

- Como viviu a campaña electoral, sendo diana de moitos dardos?

- É certo que fun diana de moitas críticas, unhas veces veladas e outras absolutamente explícitas. Por un lado, creo que non foi Senén Barro como reitor a diana, senón os proxectos, porque esta universidade tivo iniciativas moi innovadoras e ambiciosas, e sempre hai colectivos decepcionados. Por outra parte, como eran sete candidatos e candidatas, non sabían como zurrarse entre eles. Estou convencido de que ante a perplexidade, apuntaron cara ao reitor actual, que si coñecían. Non lle dou importancia, aínda que houbo algunha cuestión que me molestou: cando se din cousas que non son certas, a sabendas de que non o son, ou cando se pon en dúbida a honradez e a sinceridade do goberno. Fomos absolutamente transparentes. O martes tivemos o último Consello Social, e o informe de execución do exercicio 2009 da auditoría externa foi impoluto.

- Xustamente hai que negociar un novo plan de financiamento. Cre que estará para xullo, como dixo o conselleiro?

- Ata agora non houbo unha proposta para discutir, só se presentaron aspectos preliminares. Ter unha proposta para xullo depende do conselleiro, xa que lle corresponde á Consellería presentala. Ao mellor xa a teñen, pero chegar a un consenso véxoo máis difícil. É cuestión de traballar arreo e poñerse de acordo como Sistema Universitario Galego (SUG).

- O acordo para a docencia clínica en Medicina que asinou tivo a oposición da propia facultade e do reitor electo. Por que o asinou? Perde autonomía a USC?

- Aí houbo confusión, talvez falta de información máis precisa e anticipada pola miña parte e tamén houbo xogo estratéxico preelectoral. Ese tal acordo que foi criticado non o é, o que eu asinei son unhas bases para un potencial acordo. O novo reitor ten as mans igual de atadas que as tiña eu hai un ano, non por un documento, senón porque as circunstancias obrigan a buscar algún acordo. A USC, mentres teña en exclusiva o título de Medicina –que non o debera perder, por eficiencia no uso dos recursos públicos–, debe defender a responsabilidade de expedir o título, definir o plan de estudos, coordinar a docencia e avaliación dos estudantes... Pero non vexo problema en que recursos humanos doutras institucións e doutras universidades poidan, a través de convenios específicos e sometidos á nosa coordinación e organización, colaborar. As bases xa definen cuestións indiscutibles, como que o coordinador das comisións docentes nos hospitais é o decano de Medicina.

- Tamén foi criticado o Campus Vida por centrarse nas Ciencias da Saúde...

- Campus Vida non é un proxecto excluínte. Tematicamente pon o til nas ciencias da vida, pero boa parte do que se recolle nel é transversal a todas as áreas, no referente a proxección internacional, indicadores da calidade docente, creación e potenciación da capacidade de transferencia de resultados de investigación, modelos de sostibilidade... e a Escola de Doutoramento Internacional nas Ciencias da Vida é a primeira, pero servirá de modelo para estendelas ao conxunto da universidade. Campus Vida é un novo modelo de universidade, un antes e un despois na forma de entender a USC.

- Foi moi significativo o acordo de colaboración asinado este ano entre os tres reitores, pero falta a Xunta, non?

- Este tipo de rol estruturador do sistema teno que facer a comunidade autónoma, pero mentres o pensa, as universidades demos un paso inédito. Estou especialmente contento porque foi algo liderado desde a USC, que nos correspondía como universidade decana e matriz. É máis, este tipo de pasos só se poden dar desde unha posición aventaxada e nós xa a tiñamos por Campus Vida. Nós conseguimos un CEI sos, sabemos o difícil que é e, por iso, ou somos capaces de sumar e agregar onde non ten sentido competir ou estamos mortos, incluso a USC.

- Que opina da política universitaria dos tres gobernos da Xunta que lle tocou vivir como reitor da USC?

- Do goberno de Fraga tivemos do entón conselleiro de Educación unha moi boa sintonía e complicidade coa situación especialmente dura que viviu esta universidade tendo que elaborar un plan de equilibrio económico-financeiro para saír dun pozo económico. Conseguímolo, iso si, despois de espirnos diante deles para que visen que non ocultabamos nada. O bipartito quizais tivo o discurso máis prouniversitario e houbo avances significativos no compromiso coa I+D. Tamén mellorou sensiblemente o plan de financiamento herdado do goberno anterior con achegas suplementarias a nivel docente e de investigación. Co actual levamos pouco máis dun ano, pero en investigación, por exemplo, estamos un pouco desvalidos e perdidos. Hai moito despiste e necesítanse ideas claras e rápido. En positivo, achegou un complemento económico ao plan de financiamento, que este ano reducía os recursos.

- Cre que o galego está en perigo?

- Non sei se en perigo, pero non está no seu mellor momento. Estase construíndo un conflito serio onde non o había. Non digo que o estea xerando o actual goberno, probablemente sexa un cúmulo de circunstancias, pero é unha situación que corre o risco de cronificarse e de que se tomen medidas que poñan en risco a lingua propia. Se deixamos que morra a nosa lingua, non é un problema só dos galegos e galegas, o resto do mundo pódenos reprochar a nosa indolencia.

- Cal é agora o seu futuro persoal? Ten aspiracións políticas ou empresariais?

- Nunca se sabe. Hoxe o meu compromiso está na volta á docencia e á investigación. Ademais, teño o encargo da presidencia da Rede Emprendia, formada por quince das mellores universidades iberoamericanas, coa participación de Universia e o Santander. Ese é o meu proxecto.

SEnén Barro e Emilio Botín

Xornal, 19/06/10