Grande irmán para radicais

Grande irmán para radicais
Unha nova "Patriot Act"
A UE dá carta branca á vixilancia policial de calquera cidadán sospeitoso de rebeldía "de extrema esquerda ou dereita, nacionalista, relixiosa ou antiglobalizadora"

Europa dá un paso fundamental no seu particular "Patriot Act" ao lexitimar por primeira vez cun documento oficial as políticas de vixilancia policial a calquera individuo ou grupo sospeitoso de radicalizarse. A web cuartopoder.es encargouse hai uns días de difundir un documento que pasara practicamente desapercibido e que fora aprobado o pasado 26 de abril polo Consello da Unión Europea reunido en Luxemburgo. O punto da orde do día titulado Radicalización na UE, concluíu entón coa aprobación do documento 8570/10, que pode dirixirse contra individuos involucrados en grupos de "extrema esquerda ou dereita, nacionalistas, relixiosos ou antiglobalización", segundo figura nos documentos oficiais.

Será a fin do estado de dereito?

En Estados Unidos ergueuse a "guerra contra o terrorismo"; como en México instalouse no eido institucional a "batalla contra o narcotráfico". O rótulo serve de caixón de xastre do control cidadán e como pretexto ideal para amparar determinadas actuación. Como é sabido, o 11-S deu a voz de saída, coa aprobación da lei Patriot Act -A fin de l"État de droit, como se referiría a ela o escritor Jean-Claude Paye-. Agora a Unión Europea, custodia internacional dos dereitos humanos, cando menos na teoría, asume por escrito a súa deriva a políticas de corte pos-atentado.

Tal como se explica, a iniciativa da UE forma parte da estratexia de prevención do terrorismo en Europa, e concibiuse inicialmente para grupos terroristas islámicos. Con todo, o documento estende a sospeita de tal forma e en termos tan xenéricos que dá cobertura á vixilancia policial de calquera individuo ou grupo sospeitoso de radicalizarse. Así, un activista dunha organización civil, política ou cidadá, sen vínculos co terrorismo, podería ser espiado no marco dun programa que invita a investigar desde o grao de compromiso ideolóxico ou político do sospeitoso, até se a súa situación económica é de desemprego, deterioración, perda dunha bolsa ou de axuda financeira.

O programa completo de vixilancia está recollido nun documento anterior, o 7984/10, titulado Instrumento para almacenar datos e información sobre procesos de radicalización violenta, de marzo deste ano. Casualmente, a este texto déuselle carácter confidencial, e só se coñeceu grazas a que a organización de defensa das liberdades civís statewatch.org tivo acceso a el e fíxoo público. A ONG denuncia que este programa "non se dirixe en primeiro lugar cara a persoas ou grupos que pretendan cometer atentados terroristas, senón a xente que ten puntos de vista radicais, ós que se define como propagadores de mensaxes radicais".

Entre os obxectivos do documento secreto figura "combater a radicalización e o recrutamento", e inclúe alusións relativas á persecución de quen incite ó odio ou á violencia que parecen dirixidas a grupos terroristas ou filoterroristas. Non obstante, resultan innecesarias, pois xa están castigadas na lexislación penal dos países europeos. O texto alude indistintamente á "radicalización" e á "radicalizacin violenta", asociando o recurso á violencia con todo tipo de ideas extremas ou antisistema. O documento invita os gobernos a vixiar "as mensaxes de radicalización" até un punto rayano na vulneración da liberdade de expresión. O programa invita a escrutar as audiencias ás que se dirixen as mensaxes radicais, se estas apoian ou non a violencia, se existen outros grupos coas mesmas ideas que reneguen da violencia, como se transmiten as mensaxes radicais, etc.

O acordo pon tamén baixo a lupa policial cidadáns que defendan as ideas radicais clásicas, as daqueles partidarios do reformismo democrático que tanto ben lle fixeron á democracia. Até podería aplicarse contra quen se consideren radicais en sentido etimolóxico, pois "radical" é, nin máis nin menos, o que bebe da raíz, da esencia.

En canto á vixilancia individual, o texto recomenda investigar tamén os sentimentos das persoas que militen en grupos sospeitosos, mediante formulacións como o que insta para solicitar información sobre os "sentimentos da persoa en relación coa súa nova identidade colectiva e os membros do grupo? E con preguntas como: Fixo comentarios sobre asuntos, principalmente de natureza política, usando argumentos baseados en mensaxes radicais? Fixo comentarios sobre a súa intención de tomar parte nun acto violento?

Deste xeito, tal e como apunta Cuartopoder.org, o acordo abre unha perigosa vai de persecución das ideas, os argumentos e ata os estados de ánimo.

"O texto acaba legalmente coa presunción de inocencia"

Jorge del Cura é un histórico da loita contra a tortura e pola dignidade dos presos e dun dos principais expertos no Estado español en dereitos humanos. A súa mobilización política arrinca coa execución de Salvador Puig Antich en Barcelona, no ano 1974 e non cesa até a actualidade, á fronte da Coordinadora para a Prevención e Denuncia da Tortura.

- Que lle parece o texto?

- A primeira constatación pública, escrita, coñecida de que se lles están a quitar dereitos de cidadanía a aqueles que protesten.

- Que é un "radical"? A laxitude terminolóxica do documento é o que máis vulnerabilidade suscita?

- É unha frase moi repetida, pero isto constitúe a punta do iceberg do que está a acontecer. Con este documento o Parlamento Europeo dálle unha carta de natureza legal a esas políticas que xa se estaban a aplicar. Rompeuse a presunción de inocencia dos cidadáns e isto poderá dar lugar a medidas moi perigosas.

- A cales?

- Hai que ter en conta que a medida vai emparellada coas listas negras de posíbeis terroristas.

- Refírese ás listas da Europol?

- Europol creouse para combater o terrorismo e o crime organizado cunha definición bastante estrita, pero foi ampliando cada ano a súa actuación dunha maneira máis ambigua. Europa e EEUU teñen listas negras de presuntos terroristas aos cales se lles impide entrar ou saír do territorio, sen posibilidade de control exterior e coas garantías de non lle ter que dar conta a ninguén.

- O texto lexitima estas actuacións?

- O documento marca o paso previo á creación dunha Europa policial, lexitimada polo Parlamento Europeo. Cando lle quitas a condición de humano ao inimigo, cando o convertes en infrahome baixo o epígrafe do mal, tes o paso para a aceptación. Ao meu ver é gravísimo que se lle permita á policía decidir quen é e quen non é ese posíbel inimigo, ao que se exime de dereitos. O máis grave é que sexa Europa que o asine, porque era o o fortín na defensa dos dereitos humanos, cando menos formalmente, e agora está a abandonar a posición, o que abre unha indefensión tamén no eido internacional. Nunca crin que o parlamento europeo fose chegar tan lonxe nun documento.

Galicia Hoxe, 06/07/10

Outras novas relacionadas: