Juan J. Casares Long, reitor da USC: «Nunha casa tan grande, un sempre leva sorpresas cando chega»

ChapuzaJuan J. Casares Long, reitor da Universidade de Santiago de Compostela: «Nunha casa tan grande, un sempre leva sorpresas cando chega»
Non hai nin tres meses desde que tomou posesión do seu cargo, pero Casares Long ten claro xa que a crise debe poñer en valor a importancia das universidades

Á segunda foi a vencida. Casares Long enfila os primeiros meses como reitor da USC cun discurso en positivo e mirando cara adiante.

- Mañá hai reunión sobre o novo plan de financiamento das universidades, ¿que debe cambiar para mellorar a situación destas institucións?

- Aceptamos xa unhas liñas xerais, que recollen novidades con respecto aos plans de financiamento previos. Algunha moi importante para a USC, como que por primeira vez se fala de incorporar a investigación dentro das achegas estruturais. Ata o de agora, esta recibía recursos por convocatorias competitivas e axudas para infraestruturas, que ademais ultimamente eran préstamos, polo que cántos máis esforzos quixeramos facer en investigación, máis nos endebedamos.

- De feito, a USC sempre se queixou de que canto máis investigaba máis gastaba.

- Claro, naturalmente, a USC é unha universidade investigadora. O feito de estar entre as 500 mellores do mundo é sinal de que a USC non so ten alumnos, edificios e titulacións, senón que fai moita investigación. E tamén hai un dato diferencial que moita xente descoñece, os servizos. O Museo de Historia Natural, unha editorial, unha imprenta, residencias, instalacións deportivas, unha piscina, unha escola infantil. Temos unha serie de servizos que estamos a prestar, fundamentalmente á comunidade universitaria pero que moita xente de Santiago utiliza, e todo estes servizos teñen que ser contemplados. Claro, se fixeramos indicadores deles, algún diría que so nos podemos beneficiar nós. Pero o certo é que os temos, e alguén os ten que valorar.

- A Coruña xa se queixou de que é a peor financiada.

- Non falo dos problemas dos demais. Páguese a cada quen tendo en conta as súas necesidades e os seus merecementos. Somos tres universidades diferentes, todos debemos de recibir achegas que cubran esas necesidades e recompensen eses merecementos. Casa unha ten as súas características propias e polo tanto este non é un tema de tripartito paritario.

- ¿Como atopou as contas cando chegou?

- Atopei unha universidade que ten que facer fronte a unha débeda moi importante, porque moitos dos recursos de tesourería tan pronto os executemos xa se converten en débeda, porque son anticipos reintegrables que obrigan á súa devolución tan pronto executemos as obras.

- ¿E algunha sorpresa, ou todo estaba dentro do esperado?

- Nunha casa tan grande un sempre leva sorpresas.

- ¿A crise vai traer máis alumnos á universidade ou será ao contrario?

- Deberá traer máis. O paro ten moito que ver co nivel de educación, e as oportunidades que a educación ofrece a aqueles que se atopan nesa difícil problemática marcará moito as posibilidades de saír del axiña ou máis tarde. A xente ten que perfeccionar a capacidade de resposta fronte a unha situación de crise, mellorando o noso nivel de coñecemento. Cando o diñeiro era fácil non se plantexaban facer estudios superiores, pero agora comprenden que con eles teñen garantía de que van ter unha posición de maior seguridade no traballo.

«Teño a seguridade de que imos a poñer en marcha algunha nova titulación neste mandato»

Unha vez adaptados todos os títulos a Bolonia, é hora de pensar en novos estudos.

- ¿Pensa en novos graos?

- O acordo foi que ata o 2012 non se abriría o mapa de titulacións, pero dentro da universidade xa empezaron a falar comigo sobre a posibilidade de incorporar novos estudos. Hai que facelo no marco económico no que nos atopamos, pero si teño a seguridade de que algunha titulación nova poderase poñer en marcha neste mandato.

- ¿En que áreas?

- Non hai nada oficial, pero hai estudos que hai uns anos non se pensaban, e agora poden parecer interesantes.

- ¿Poderase empezar a dar docencia teórica de Medicina noutras universidades?

- Non, é unha titulación da USC. As universidades temos uns procedementos de traballo que é nosa responsabilidade. Levounos meses facer o plan de organización docente e non contempla variacións respecto ao ano anterior.

- ¿E en vindeiros cursos?

- O que pase nos próximos anos será o resultado do traballo interno da universidade. Hai moitos anos que a USC colabora co Sergas facendo posible a docencia clínica, e se os profesores da facultade imparten docencia aquí ou noutro sitio é unha cuestión de de organización interna, pero estamos falando de profesores da USC.

- ¿Que consideraría un fracaso non acadar?

- Non penso niso. Temos que aproveitar todas as oportunidades, que van quedar moi encadradas ao coñecer os recursos do plan financeiro.

La Voz de Galicia, 19/09/10