Galicia: O reitor da USC reivindica a necesidade de priorizar ás persoas como o activo máis valioso da Universidade

Galicia: O reitor da USC reivindica a necesidade de priorizar ás persoas como o activo máis valioso da Universidade
Segundo puxo de manifesto na súa intervención no acto académico de San Tomé de Aquino celebrado na Facultade de Veterinaria de Lugo

A posición da USC entre as principais universidades do mundo “non é froito da casualidade”, senón “dun espírito de esforzo e sacrificio das persoas que constitúen a comunidade universitaria”, indicou o reitor Juan Casares no peche do discurso pronunciado este venres 28 na Facultade de Veterinaria onde se desenvolveu o acto académico organizado co gallo do patrón da Universidade, San Tomé de Aquino.

O grao de proxección acadado pola institución universitaria “non se corresponde co apoio económico recibido das administración públicas e do sector privado”, engadiu Casares. Neste senso, fronte á tendencia experimentada nos países europeos máis desenvolvidos, “que incrementan as achegas públicas ás universidades” en contextos de crise, Casares lamentou que nos países do sur de Europa as administracións, non obstante, reducen os fondos destinados ao ensino superior. E o máis preocupante, engadiu o reitor, é que a situación se reproduce nunha comunidade autónoma “que sempre se mantivo lonxe dese, xa case mítico, valor mínimo de suficiencia do 1% do PIB”.

Non obstante, fronte ás limitación da situación económica, a Universidade seguirá priorizando o “activo máis valioso que temos”, indicou Juan Casares en referencia ao “capital humano, as persoas”. É obvio, engadiu que “sen o seu bo facer non hai docencia, nin investigación de calidade, nin a sociedade podería desenvolverse correctamente”.

O reitor, quen lembrou que a universidade é a única institución da sociedade civil que persiste dende hai mil anos, fixo un percorrido polas funcións que lle son propias a través dun relatorio que evidenciou a relación da USC coa transferencia de coñecemento, a extensión universitaria, a prestación de servizos sociais, a internacionalización, a formación continua ou a mellora da calidade da xestión.

Toxinas mariñas

O profesor de Farmacoloxía da USC Luis M. Botana López ofreceu a lección maxistral titulada ‘A farmacoloxía das ficotoxinas como exemplo de I+D con proxección social’, na que introduce unha breve mirada histórica ao problema da propiedade intelectual no ámbito do coñecemento en farmacoloxía para discutir as posibilidades que ofrece o desenvolvemento de patentes de novos medicamentos a partir de toxinas mariñas. O profesor Botana achegouse na súa intervención á discusión sobre o papel deste tipo de toxinas en relación coa seguridade alimentaria; a súa influenza no comercio; o desenvolvemento de métodos de detección; e a necesidade de controlar a súa presenza.

Na súa reflexión, Botana referiuse á proxección social que ten o traballo científico arredor desta área, onde a USC, e concretamente o grupo científico de Farmacoloxía de Veterinaria, é xa unha referencia na investigación de toxinas mariñas no ámbito mundial, mantendo sólidos vínculos coa Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos (ANFACO) ou coa empresa CIFGA, emprazada en Lugo, para ofrecer patróns certificados de toxinas en Europa. Outro indicador neste sentido sería, segundo expuxo Botana, o número de patentes neste ámbito que está a xerar actualmente o grupo investigador da USC con orientación medicinal.

Asistentes

Acompañando ao reitor na mesa presidencial estiveron presentes ademais os vicerreitores de Persoal Docente e Investigador, Carmen Fernández Morante; de Investigación e Innovación, Francisco González; de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; de Economía e Infraestruturas, Sara Cantorna, e o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira.

 O acto desenvolveuse no Auditorio ‘Enrique A. González García’ da Facultade de Veterinaria coa presenza de numerosas autoridades políticas, sociais, militares e académicos, entre os que se atopaban o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; alcalde de Lugo, José López Orozco; o subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe, e a vicepresidenta segunda da Deputación luguesa, Lara Méndez.

Juan José Casares Long: Discurso pronunciado con motivo da celebración do patrón da Universidade, San Tomé de Aquino

Hoxe, día de Santo Tomé, a Academia aproveita para reflexionar sobre si mesma, xunto á comunidade á que pertence.

Nos últimos meses escoitamos, e facémonos eco de aseveracións como que “la solución de los problemas actuales del país pasa por la Universidad”; ou “al inicio del tercer milenio la Universidad tiene un papel fundamental como vertebradora de las sociedades modernas”. Palabras que non proveñen precisamente de académicos, senón de persoas vinculadas a institucións públicas, as primeiras, e ó poder económico-financeiro, as segundas.

A reflexión ten que considerar o momento e o contexto, e polo tanto relativizar a nosa situación en base a unha situación de crise económica que está a afectar tanto ao sector público como privado do noso país, e un contexto de restricción orzamentaria moi importante para as universidades públicas galegas que limita o seu labor, polo menos no ano 2011 de forma significativa.

A Universidade é a única institución da sociedade civil que persiste dende hai mil anos (máis de cincocentos no noso caso), que foi quen de adaptarse a tantos e tantos cambios, liderando aqueles que, como o Renacemento e a Ilustración, déronlle á nosa sociedade as características básicas que hoxe gozamos, actuando con conciencia crítica e libre por enriba dos intereses políticos e económicos. Cumprindo as misións de formar profesionais competentes, é dicir, transmitindo coñecemento a través da docencia, como fixeron as primeiras universidades nos séculos once e doce (París, Boloña, Oxford...), xerando novo coñecemento a través da investigación, seguindo as liñas trazadas por Von Humboldt, dende o século dezanove, e sempre incorporando á súa misión un terceiro aspecto, que é o compromiso coa sociedade e co seu tempo, formando persoas comprometidas co saber e libres.

É precisamente o curso actual 2010-2011 cando remata a incorporación dos novos planos de estudo dos Graos, sendo no noso caso un total de 48. A oferta de Másteres é de 79, e 73 Programas de doutoramento. Ó longo do presente curso bótase a andar a Escola de Doutoramento, asociada ao proxecto de Campus Vida e orientada á area de Biomedicina.

Nos próximos cursos a consolidación dos estudos de grao e posgrao esixirá á comunidade universitaria un esforzo notable de análise, en base á experiencia e á capacidade da institución, a demanda social que xeren, así como de dotación de recursos para resolver os problemas no referente ás clases interactivas e de titorías de grupos, precisamente aquilo que é máis consubstancial ao cambio que estamos a vivir. Sen dúbida, o cambio de modelo de ensino-aprendizaxe supuxo un exercicio de revisión das metodoloxías de traballo para os docentes cun moi grande esforzo que eu quero aquí, hoxe, recoñecer. Feito sen recursos adicionais (o chamado incremento de custo cero) e con moi pouco tempo de preparación.

 A día de hoxe, queda o convencemento de que o que todos fixemos neste ámbito, foi un moi significativo esforzo de innovación que esperamos redunde nunha mellor formación das nosas e nosos estudantes.

Con respecto á investigación cabe sinalar que a Universidade de Santiago segue a ser o principal entorno de investigación de Galicia, con 23 proxectos europeos, e 450 nacionais e autonómicos acadados (que fan un monto de 72M de euros) no ano 2009, e ocupando o sétimo lugar por número de artigos entre as Universidades Españolas. Investigación que se enmarca no traballo dos diferentes grupos de investigación e centros singulares de investigación dende o máis senlleiro (creado no ano 1971), o Instituto da Lingua Galega, ata os mais recentes, o CIQUS que está a piques de comezar a súa actividade os vindeiros días, e o CIMUS que o fará o longo da primavera, dentro do proxecto de Campus Vida, e outros dezaseis institutos de investigación que traballan nas cinco grandes áreas do saber.

Pero o proceso de cambio acelerado que está a experimentar a sociedade actual, demanda da Universidade, con maior intensidade cada vez, accións e compromisos novos, que asociados ás propias de docencia e investigación, axudan de forma notable a implicar á Universidade cos axentes do seu contorno:

A transferencia de coñecemento, como aplicación do saber para o desenvolvemento económico e social, a partir das capacidades de I+D, o rigor metodolóxico e a experiencia previa na disciplina, que resulta na contratación de proxectos e traballos, e os resultados de investigación que conducen á obtención de licenzas e patentes e á creación de empresas. Así, a USC acadou para o período 2000-2007 o sexto lugar, entre as Universidades españolas, en número de solicitudes de patentes nacionais. E no ano 2007 foi a primeira universidade española en ingresos por licencia de patentes.

Como exemplos de transferencia de coñecemento podemos falar, en Ciencias da Saúde, do Centro Nacional de Genotipado (CEGEN), a Unidade de avaliación de actividades farmacolóxicas e compostos químicos (USEF), a Unidade de nanotecnoloxía aplicada ao deseño de sistemas de liberación de fármacos, da empresa ADVANCELL, a vacina inactivada contra a diarrea neonatal e posdestete dos leitóns (COLIDEX-C), ou o Laboratorio de Referencia Europeo de Biotoxinas Mariñas.

En Ciencias experimentais falariamos da síntese a medida, desenvolvemento de procesos, optimización de reaccións e servizos analíticos (Galchimia), dispersión de nanomateriais metálicos (Nanogap), biomateriais deseñados para a reparación de defectos óseos (Keramat), ou o deseño de antenas para a comunicación por satélite coa empresa CASA.

En Ciencias Sociais e Xurídicas poderíamos facer referencia ao Observatorio Prospectivo do Mercado Laboral (Idega), á xestión de proxectos europeos e de cooperación internacional (Devalar), ás consultas e ditames en materia de propiedade industrial, e dereito da competencia (Instituto de Dereito Industrial), ou a formación e asesoramento asociado á implantación das Tics nas Pemes (Aula Tic-Pemes).

En Artes e Humanidades, aos programas de Lingua e Cultura españolas para profesores e estudantes estranxeiros; o estudo, posta en valor e interpretación do patrimonio (Etnoga), o Banco de Datos da Real Academia Española, ou a avaliación do impacto arqueolóxico de obras públicas.

No ámbito das Enxeñarías poderíamos falar do Proxecto LaboraTe, de sistemas para planeamento urbanístico e ordenación territorial, a Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), o deseño, operación e control de plantas de tratamento de augas residuais, industriais e urbanas, ou os dispositivos de xeración de enerxía polo movemento das ondas (WAVECAT).

A extensión universitaria, que difunde á sociedade o coñecemento nos campos da cultura e do deporte, fundamentalmente. A Universidade de Verán, durante este último ano levou a desenvolver 35 cursos de temática moi variada por diferentes vilas e cidades de Galicia, aos que asistiron un total 1665 alumnos. As exposicións celebradas nas nosas salas foron visitadas por mais de 46.000 persoas. Os seis concertos do ciclo “Formacións de Cámara da Real Filharmonía de Galicia” participaron 585 persoas en Santiago e 418 en Lugo. Tanto a nosa Aula de Teatro como o Espazo de Danza teñen unha formación digna de calquera escola de Arte dramática ou Conservatorio de danza.

Especial mención merecen as actividades culturais neste Campus de Lugo, onde dende hai dezaoito anos temos un gran convenio, Lugo Cultural, no cal, ao longo do ano 2010 fixéronse 24 concertos dedicados a músicas diferentes, con case que 3.000 espectadores; o 8º encontro de Danza reuniu, nas súas dúas sesións, 1.100 asistentes; o ciclo “Sons Creativos” do Grupo de Creación Musical contou con 1.670 espectadores; e incorpórase agora a Casa do Saber, anexa o edificio da Vicerreitoría deste Campus, na que actualmente se expón a Domus do Mitreo. No que se refire ao deporte, participaron nos Campus de Santiago e de Lugo unha media de 14.000 e 1.900 usuarios, respectivamente.

Non podemos deixar de mencionar a importante actividade editorial mantida dende o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, onde se editaron 123 teses en CDrom, 24 revistas e 49 libros.

A prestación de servizos sociais á cooperación e de apoio á comunidade máis próxima, que incluíron a atención personalizada a estudantes con necesidades educativas especiais, participación no programa de voluntarios de Nacións Unidas, con outras 28 universidades, que deu lugar a que persoas da USC se desprazaran a outros países en vías de desenvolvemento. Así mesmo, 902 persoas participaron en cursos de formación de voluntariado, xornadas de educación para a saúde, prevención de consumo de drogas, e sobre dereitos humanos laborais, así como sobre integración social e discapacidade.

A USC ten en marcha servizos de apoio non so á comunidade universitaria, senón tamén á comunidade da que formamos parte, tales como a Unidade de Atención Temperá, dirixido á poboación infantil en situación de risco, a Unidade de Tabaquismo, na que leva xa tratados a mais de 6.000 fumadores, a Unidade de Psicoloxía Forense, a Unidade de Odontoloxía a pacientes especiais, o Servizo de Optometría, o Museo de Historia Natural (con 18.000 visitantes/ano), entre outros.

A internacionalización, non soamente asociada á mobilidade de estudantes e profesores, senón aos convenios con Universidades para a docencia e investigación. A mobilidade de estudantes no ano 2010, en base aos diferentes programas, permitiu recibir na USC a 1.180 estudantes, e enviáronse ao estranxeiro case mil. Establecéronse convenios de intercambio con más 300 Universidades de 54 países diferentes. A internacionalización durante os últimos vinte anos, supuxo tamén o traballo asociado a diferentes redes de universidades, pioneira a nosa Universidade dende o Grupo Compostela, con 61 universidades; a rede Columbus, con 52 universidades de Hispanoamérica e Europa; ou a rede CINDA, con 41 universidades tamén de Hispanoamérica e Europa.

A formación continua, coa oferta de cursos de posgrao, e de especialización, para permitir a actualización de coñecementos. A maioría destes cursos, 62 en total, enmárcanse dentro das áreas de coñecemento de Ciencias das Saúde, Ciencias Sociais e Humanidades.

A mellora da calidade da xestión, a través da certificación dos servizos de xestión académica, xestión da oferta e programación académica, o servizo de publicacións e intercambio científico, e a oficina de análise de reclamacións , e do desenvolvemento de sistemas de garantía interna de calidade en oito centros, xa concedidos, e catorce en tramitación.

A consecuencia de incorporar todos estes novos requirimentos da sociedade, a través de actuar sobre os aspectos antes mencionados, permite á nosa Universidade situarse nun lugar de privilexio, atopándose neste momento entre as cincocentas mellores do mundo, e destacando, segundo o ranking de Shangai, en Ciencias Naturais e Artes e Humanidades. Un análise máis en detalle, e referido ás 51 primeiras universidades españolas sitúa á USC, para a década 2000-2009, do seguinte xeito: Matemáticas, no sexto lugar; Física, no duodécimo; Química, Bioloxía, Medicina e Farmacia, no oitavo; Medio Ambiente, no noveno; Ciencias Agrarias, no quinto; Enxeñaría, no duodécimo; Tecnoloxías da Información e Comunicacións, no sexto; Psicoloxía e Educación, no noveno; Economía, no décimo oitavo; e outras Ciencias Sociais, no décimo.

Estes resultados, que non son froito da casualidade senón dun espírito de esforzo e de sacrificio das persoas que constitúen a nosa comunidade universitaria, non se corresponden co apoio económico recibido das administracións públicas e do sector privado. Se tradicionalmente as universidades españolas se mativeron e seguen, hoxe, con recursos financeiros moi por debaixo da media dos países do noso contorno, no contexto actual de crise, quizais a mais profunda de todas as que lle tocaron vivir á nosa sociedade, observamos con desesperanza que mentres os países europeos mais desenvolvidos incrementan as achegas públicas as universidades, os países do sur de Europa, entre os que nos atopamos, redúcenas. E o máis preocupante é que iso estea a suceder nunha comunidade autónoma que sempre se mantivo lonxe dese, xa case mítico, valor mínimo de suficiencia do 1% do P.I.B.

Estamos diante dunha situación economicamente preocupante para a nosa Universidade que nos obriga a priorizar, e nós, permítanme que sexa claro, priorizamos no activo máis valioso que temos, o capital humano, as persoas. É obvio que sen o bo facer delas, non hai docencia nin investigación de calidade nin a sociedade podería desenvolverse correctamente.

Cumprido o compromiso co que quero identificar este discurso, penso que de forma moi satisfactoria, procede trasladar á sociedade a reclamación dos recursos necesarios para seguir mantendo as posibilidades de situarnos cos mellores, e deste xeito facer realidade o que foi o título da “Declaración de Praga” das Universidades Europeas en marzo de 2009, “Looking forward with Confidence”; que poderíamos traducir como “Mirar cara o futuro con seguridade e confianza”; e o mesmo tempo facer realidade unha das tres prioridades da estratexia Europa 2020, o crecemento intelixente, mellorando a calidade da nosa educación e consolidando os resultados da investigación para afrontar os retos derivados dos cambios sociais en Europa e no mundo.

Xornal da USC, 28/01/11

Outras novas relacionadas: