Declaración Universal dos Dereitos Humanos
Declaración Universal dos Dereitos Humanos
Aprobada e proclamada pola Asemblea Xeral 217 A (iii) das Nacións Unidas o 10 de
Decembro de 1948
PREÁMBULO
CONSIDERANDO que a liberdade, a xustiza e a paz no mundo baséanse no recoñecemento da dignidade intrínseca e dos dereitos iguais e inalienables de tódolos membros da familia humana;
CONSIDERANDO que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos teñen orixinado feitos de barbarie ultraxantes para a conciencia da humanidade; e que se ten proclamado como a aspiración máis elevada do home o advenimento dun mundo no que os seres humanos, liberados do temor e da miseria, disfruten da liberdade de palabra e de crenza;
CONSIDERANDO esencial que os dereitos humanos sexan protexidos por un rexime de dereito, coa finalidade de que o home non se vexa obrigado ó supremo recurso da rebelión contra a tiranía e a opresión;
CONSIDERANDO tamén esencial promove-lo desenvolvemento das relacións de amizade entre as nacións;
CONSIDERANDO que os pobos das Nacións Unidas reafirmaron na Carta a súa fe nos dereitos fundamentais do home, na dignidade e no valor da persoa humana e na igualdade de dereitos de homes e mulleres; e téñense declarado decididos a promove-lo proceso social e eleva-lo nivel de vida dentro dun concepto máis amplo da liberdade;
CONSIDERANDO que os estados membros se comprometeron a asegurar, en cooperación coa Organización das Nacións Unidas, o respecto universal e efectivo dos dereitos e liberdades fundamentais do home;
CONSIDERANDO que unha concepción común destes dereitos e liberdades é da maior importancia para o pleno coñecemento de tal compromiso;
A ASEMBLEA XERAL proclamaA PRESENTE DECLARACIÓN UNIVERSAL DOS DEREITOS HUMANOS como ideal común polo que os pobos e nacións deben esforzarse, co fin de que, tanto os individuos como as institucións, inspirándose constantemente nela, promovan mediante a ensinanza e a educación o respecto ós dereitos e liberdades e aseguren, por medio de medidas progresivas de carácter nacional e internacional, o seu recoñecemento e aplicación universais e efectivos, tanto entre os pobos dos estados membros como entre os dos territorios colocados baixo a súa xurisdicción.
ARTIGOS
Art.1 Tódolos seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse fraternalmente os uns cos outros.
Art.2
1. Toda persoa ten tódolos dereitos e liberdades proclamados nesta declaración, sen distinción de raza, color, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera otra natureza, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra distinción.
2. Ademais non se fará ningunha distinción fundada na condición política, xurídica ou internacional do país ou territorio da xurisdicción da que dependa unha persoa, tanto se se trata dun país independente, como dun territorio baixo administración fiduciaria, non autónomo ou sometido a calquera outra limitación de soberanía.
Art.3 Todo individuo ten dereito á vida, á liberdade, e á seguridade da súa persoa.
Art.4 Ninguén estará sometido á escravitude nin á servidume; a escravitude e a trata de escravos están prohibidas en tódalas súas formas.
Art.5 Ninguén será sometido a torturas nin a penas ou tratos crueis, inhumanos ou degradantes.
Art.6 Todo ser humano ten dereito, en todas partes, ó recoñecemento da súa personalidade xurídica.
Art.7 Todos son iguais ante a lei e teñen, sen distinción, dereito a igual protección desta. Todos teñen dereito á mesma protección contra toda diferenciación que infrinxa esta declaración e contra toda provocación a tal discriminación.
Art.8 Toda persoa ten dereito a un recurso efectivo, diante dos tribunais nacionais competentes, que o ampare contra aqueles feitos que violen os seus dereitos fundamentais recoñecidos pola constitución ou pola lei.
Art.9 Ninguén poderá ser arbitrariamente detido, preso, nin desterrado.
Art.10 Toda persoa ten dereito en condicións de plena igualdade, a ser oída publicamente e con xustiza por un tribunal independente e imparcial, para a determinación dos seus dereitos e obrigacións ou para o exame de calquera acusación contra ela en materia penal.
Art.11
1. Toda persoa acusada de delicto ten dereito a que se presuma a súa inocencia mentres non se probe a súa culpabilidade, segundo a lei e en xuízo público no que se lle aseguren tódalas garantías necesarias para a súa defensa.
2. Ninguén será condenado por feitos ou omisións que no momento de cometerse non fosen delictivos segundo o dereito nacional ou internacional. Tampouco se imporá unha pena máis grave que a aplicable no momento da comisión do delicto.
Art.12 Ninguén será obxecto de inxerencias arbitrarias na súa vida privada, familia, domicilio ou correspondencia, nin de ataques á súa honra ou reputación. Toda persoa ten dereito á protección da lei contra tales inxerencias ou ataques.
Art.13
1. Toda persoa ten dereito a circular libremente e a elixi-la súa residencia no territorio dun estado.
2. Toda persoa ten dereito a saír de calquera país; incluso do propio, e a voltar ó seu país.
Art.14
1. En caso de persecución, toda persoa ten dereito a buscar asilo, e a disfrutar del, en calquera país.
2. Este dereito non poderá ser invocado contra unha acción xudicial, realmente orixinada por delictos comúns ou por feitos opostos ós propósitos e principios das Nacións Unidas.
Art.15
1. Toda persoa ten dereito a unha nacionalidade.
2. A ninguén se lle privará arbitrariamente da súa nacionalidade nin do dereito a cambiar de nacionalidade.
Art.16
1. Os homes e as mulleres, a partir da idade núbil, teñen dereito, sen ningunha restricción por motivos de raza, nacionalidade ou relixión, a casarse e crear unha familia; e disfrutarán dos mesmos dereitos en canto ó matrimonio, durante o matrimonio e no suposto da disolución deste.
2. Só mediante libre e pleno consentimento dos futuros esposos poderá contraerse o matrimonio.
3. A familia é o elemento natural e fundamental da sociedade e ten dereito á protección da sociedade e do estado.
Art.17
1. Toda persoa ten dereito á propiedade, individual e colectivamente.
2. Ninguén será privado arbitrariamente da súa propiedade.
Art.18 Toda persoa ten dereito á liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión; este dereito inclúe a liberdade de mudar de relixión ou de crenza, así como a liberdade de manifesta-la súa relixión ou a súa crenza, individual e colectivamente, tanto en público como en privado, pola ensinanza, a práctica, o culto e a observancia.
Art.19 Todo individuo ten dereito á liberdade de opinión e de expresión; este dereito inclúe o de non ser molestado a causa das súas opinións, o de investigar e recibir informacións e opinións, e o de difundilas sen limitacións de fronteiras, por calquera medio de expresión.
Art.20
1. Toda persoa ten dereito á liberdade de reunión e de asociación pacíficas.
2. Ninguén poderá ser obrigado a pertencer a unha asociación.
Art.21
1. Toda persoa ten dereito a participar no goberno do seu país, directamente ou por medio de representantes libremente escollidos.
2. Toda persoa ten dereito de acceso, en condicións de igualdade, ás funcións públicas do seu país.
3. A vontade do pobo é a base da autoridade do poder público; esta vontade expresarase mediante eleccións auténticas que se celebrarán periodicamente, por sufraxio universal, e igual, e por voto secreto ou outro procedemento equivalente que garanta a liberdade do voto.
Art.22 Toda persoa, como membro da sociedade, ten dereito á seguridade social e a obter, mediante o esforzo nacional e a cooperación internacional, coñecida a organización e os recursos de cada estado, a satisfacción dos dereitos económicos, sociais e culturais indispensables para a súa dignidade e para o libre desenvolvemento da súa personalidade.
Art.23
1. Toda persoa ten dereito ó traballo, á libre elección do seu traballo, a condicións equitativas e satisfactorias de traballo e á protección contra o desemprego.
2. Toda persoa ten dereito, sen ningunha discriminación, a igual salario por traballo igual.
3. Toda persoa que traballa ten dereito a unha remuneración equitativa e satisfactoria, que lle asegure, así como á súa familia, unha existencia conforme á dignidade humana, e que se completará, de ser preciso, por calquera outros medios de protección social.
4. Toda persoa ten dereito a fundar sindicatos e a sindicarse pola defensa dos seus intereses.
Art.24 Toda persoa ten dereito ó descanso, a disfrutar do tempo libre, a unha limitación razoable da duración do traballo e a vacacións periódicas pagadas.
Art.25
1. Toda persoa ten dereito a un nivel de vida adecuado que lle asegure, así coma á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a alimentación, o vestido, vivenda, asistencia médica e os servicios sociais necesarios; ten, asemade, dereito a seguridade no caso de desemprego, enfermidade, invalidez, viuvez, vellez ou outros casos de perdida dos seus medios de subsistencia por circunstancias independentes á súa vontade.
2. A maternidade e a infancia teñen dereito a coidados e asistencia especiais. Tódolos nenos, nados de matrimonio ou fóra do matrimonio, teñen dereito á mesma protección social.
Art.26
1. Toda persoa ten dereito á educación. A educación debe ser gratuíta, polo menos ó respecto da instrucción elemental e fundamental. A instrucción elemental será obrigatoria. A instrucción técnica e profesional será xeneralizada; o acceso ós estudios superiores será igual para todos, en función dos méritos respectivos.
2. A educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humana e o fortalecemento do respecto ós dereitos humanos e ás liberdades fundamentais; favorecerá a comprensión, a tolerancia e a amizade entre tódalas nacións e tódolos grupos étnicos ou relixiosos, e promoverá o desenvolvemento das actividades das Nacións Unidas para o mantemento da paz.
3. Os pais terán dereito preferente de escolle-lo tipo de educación que haberá que darlle ós seus fillos.
Art.27
1. Toda persoa ten dereito a tomar parte libremente na vida cultural da comunidade, a gozar das artes e a participar no proceso científico e nos beneficios que del resulten.
2. Toda persoa ten dereito á protección dos intereses morais e materiais que lle correspondan por mor das produccións científicas, literarias ou artísticas das que sexa autora.
Art.28 Toda persoa ten dereito a que se estableza unha orde social ou internacional na que os dereitos e liberdades proclamados por esta Declaración se fagan plenamente efectivos.
Art.29
1. Toda persoa ten deberes respecto á comunidade, posto que só nela pode desenvolver plenamente a súa personalidade.
2. No exercicio dos seus deberes e no disfrute das súas liberdades , toda persoa estará unicamente suxeita ás limitacións establecidas pola lei co único fin de asegura-lo recoñecemento e o respecto dos dereitos e liberdades dos demais, e de satisface-las xustas esixencias da moral, da orde pública e do benestar xeral nunha sociedade democrática.
3. Estes dereitos e liberdades non poderán nunca ser exercidos en oposición cos propósitos e principios das Nacións Unidas.
Art.30 Ningún principio da presente Declaración poderá interpretarse no sentido do que confire dereito ó estado, a un grupo ou a unha persoa para emprender e desenvolver actividades ou realizar feitos tendentes á supresión de calquera dos dereitos e liberdades proclamados por esta declaración.
- 3967 lecturas

