Monografías fírgoa nº 1: Privatización da educación (I)

Monografías fírgoa nº 1 I Privatización da educación (I)

"MacDonalización da educación" é a denominación que algúns deron ao lento pero inexorable proceso de incorporación da educación superior a condicións de mercado. E esta analoxía, que parece ser axeitada para representar un proceso de cambio que implica, ademáis de globalización, un forte desenvolvemento tecnolóxico que permite a diseminación do coñecemento, suscita fortes controversias.

A propósito desta comparación, o Director Xeral Adxunto de Educación da UNESCO, John Daniel, sinala tres puntos que poden axudarnos a reflexionar sobre a evolución que vive hoxe a educación: en primeiro lugar, segundo el, a pesar da súa ubicuidade, o que a cadea McDonald's brinda é unha proporción mínima do que a xente consume; en segundo lugar, vende porque á xente lle gusta a comida que serve; e, por último, a clave do seu éxito está en que ofrece un menú limitado de pratos disponibles en locais idénticos e co mesmo sabor e calidade en todas as partes do mundo.

Alén de iso, o eixo da controversia educativa radica en si esta evolución -a comercialización da educación- é positiva ou non para a educación e para a sociedade.

O que si está fora de debate é que a educación estase a transformar nunha mercancía. A tal punto isto é así que a educación superior pasou a ser obxecto de estudio da empresa Merrill Lynch, especializada en investimentos bancarios. Tampouco non é casual que as dúas principais empresas dedicadas a comercializar a educación superior en Estados Unidos (Apollo e Sylvan Learning) coticen hoxe en Wall Street, e que o Acordo Xeral sobre Comercialización de Servicios (AXCS ou GATS) incluira a educación na lista de servicios a ser privatizados.

E por aí parecen pasar hoxe as claves do problema. Se a educación é comercializable -que o é-, ¿quen determinará os contidos dos "Menús Combos" destes "McDonald's do encerado"? Ou ben, seguindo o razoamento de John Daniel en canto a que a oferta destes Fast Foods representa unha mínima proporción da comida que a xente consume, non é despreciable o feito de que cada vez é tamén menor... "a xente que os pode consumir". ¿É realmente certo que o que ofrecen é o que gusta ao "consumidor"? ¿Ou ben é o que serve ao mercado?

Por un lado arguméntase que a masificación da educación superior beneficia aos estudiantes potenciais, xa que se reducen os custos de producción e, xa que logo, se pon o "producto" ao alcance de maior número de persoas. Así, as vantaxes parecen pasar exclusivamente por unha maior diseminación do coñecemento. Un coñecemento que en aparencia está cada vez máis cerca dos "cidadáns comúns" a través das novas tecnoloxías ou mediante a apertura dos mercados a provedores estranxeiros de educación, que apuntan en particular aos países menos desenvolvidos, que buscan suplir de tal xeito as súas carencias.

Por outro, a incontrastable realidade parece amosar día a día como o mercado estandariza o menú, e os combos prepáranse pensando nos comensais dos países desenvolvidos, para quen os ingredientes educativos -as asignaturas, os programas- deben satisfacer o sabor da ecuación custo-beneficio, en desmedro das materias máis "insulsas" -ou menos rendibles-, como as ciencias humanas. Non só se limita o espectro de asignaturas ofrecidas, senón que ao tempo resulta restrinxido ao modelo occidental hexemónico. Nin falar do custo que implicará o acceso a estes menús educativos, xa que a comercialización da educación superior supón a privatización da oferta educativa. Unha oferta que cada vez máis xente mirará desde fora, pola imposibilidade de acceder economicamente á mesma, agudizando así a desigualdade social.

Finalmente, a controversia hoxe pasa tamén por recoñecer que deixar á educación a mercé das forzas do mercado implica descoñecer que esta é un dereito recoñecido pola Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Este debate céntrase, de igual modo, en aceptar a importancia que a educación ten e debe ter para o desenvolvemento das sociedades. Asemade, e a xulgar polo que se comeza a ver, esta MacDonalización parece supor que a investigación está motivada non polo que convén ao ben común, senón polo que as grandes empresas consideran lucrativo.

 



Enlaces relacionados

A visión dos organismos especializados

A UNESCO e outros organismos internacionais especializados destacan o vínculo que existe entre educación e crecemento económico e benestar, e en consecuencia a importancia de investir en educación, particularmente no marco da globalización e a aparición da economía do coñecemento. Analízase por un lado a necesidade de realizar grandes investimentos en educación en todos os niveis e, por outro, o avance do sector privado no que se perfila como un negocio lucrativo, especialmente a nivel terciario.

  • Véndese - Ensinanza superior
    Fonte: UNESCO
    Editorial de John Daniel, Director Xeral Adxunto de Educación da UNESCO, comentando a MacDonalización da Educación, e artigo sobre a venda da educación superior, con posicións a favor e en contra - Boletín "Educación Hoy", nº 3, Outubro-Decembro 2002. Versión en castelán. Formato PDF.
  • Educación: ¿quen paga?
    Fonte: UNESCO
    Investir en educación pode ser moi rendible tanto para o individuo como para a sociedade. Pero ¿quen paga a conta? Este informe do Boletín do Sector Educación da UNESCO "Educación Hoy" analiza como en países ricos e pobres as sociedades están recorrendo ao sector privado, ás familias e ás ONGs para repartir o custo da educación. Versión en inglés e francés.
  • Declaración mundial sobre a educación superior no Século XXI: visión e acción
    Fonte: Conferencia Mundial sobre a Educación Superior - Outubro 1998 - UNESCO
    O financiamento da educación superior require recursos públicos e privados pero o apoio público á educación superior e á investigación segue sendo fundamental para asegurar que as misións educativas e sociais se levan a cabo de maneira equilibrada. A sociedade no seu conxunto debería apoiar a educación de todos os niveis, incluída a educación superior, dado o papel que ésta desempeña no fomento dun desenvolvemento económico, social e cultural sostible. Versión en castelán.
  • IIPE - Instituto Internacional de Planeamiento de la Educación
    Organismo da UNESCO, ofrece información actualizada sobre planificación e xestión da educación. Pode informarse sobre o programa de formación, ter unha visión global das súas actividades e consultar unhas 100 publicacións especializadas en liña. Versións en castelán, inglés e francés.

 

 

O Banco Mundial e a OMC

O enfoque do Banco Mundial e a Organización Mundial do Comercio sobre a educación terciaria e a intervención privada e as políticas que propoñen. Sinalan o rol necesario do estado, pero en coordinación e colaboración co sector privado (tanto no financiamento como na regulación). A OMC distingue catro formas de intercambios comerciais transfronteirizos no sector dos servicios. Cada unha desas formas da lugar a reclamacións específicas dos partidarios da liberalización.

  • Construír Sociedades de Coñecemento: Novos Desafíos para a Educación Terciaria
    Documento sobre a situación e tendencias actuais da educación terciaria e propostas de intervención do Banco Mundial. Subliña a importancia do desenvolvemento da educación terciaria para o desenvolvemento da educación primaria e secundaria -no marco dunha visión holística da educación-, e para o desenvolvemento da economía e sociedade en xeral. Sen pronunciarse expresamente a favor ou en contra da privatización nin descartar o papel do Estado, este informe do BM analiza a expansión actual da actividade privada na educación, ante a imposibilidade do sector público de absorber a demanda de masificación da educación e os crecentes custos dos avances tecnolóxicos, e para enfrontar os desafíos da economía do coñecemento. Propón posibles políticas de financiamento da educación terciaria segundo as características do país. Versión en castelán. Formato PDF.
  • Educación para a Economía do Coñecemento (Education for the Knowledge Economy - EKE)
    Programa iniciado pola Rede de Desenvolvemento Humano do Banco Mundial co obxectivo de entender e articular os cambios necesarios nos sistemas de educación e capacitación para enfrontar os desafíos da economía do coñecemento, e propoñer políticas prácticas e sustentables para os países en desenvolvemento. Divídese en varios compoñentes, entre outros, a educación terciaria. Versión en inglés.
  • Organización Mundial do Comercio - Consello do Comercio de Servicios
    Desde xaneiro de 2000, 140 gobernos Membros da OMC participaron en negociacións destinadas a unha maior liberalización do mercado mundial de servicios. Os Membros da OMC están presentando na actualidad propostas relacionadas tanto coa estructura como co contido das novas negociacións. Versión en castelán.
  • A OMC e o gran mercado da educación
    Fonte: UNESCO
    A Organización Mundial do Comercio emprendeu un proceso de liberalización da educación, un dos últimos mercados sustanciosos e protexidos. ¿Ata ónde chegará? Por Nico Hirtt, membro da asociación belga "Chamamento por unha escola democrática". Versión en castelán.



Sector privado e investimento en educación

O sector privado está mirando cada vez máis cara á educación terciaria como obxectivo de investimento, tanto nos países industrializados como nos países en desenvolvemento. Ante este crecente interese do mercado, a Corporación Financeira Internacional proponse guiar aos potenciais investidores en canto ás posibilidades ofrecidas polo mercado educativo nos países en desenvolvemento.

  • Sociedades Público-privadas: Manual de participación privada en Educación - Táboa de contido
    No marco da súa iniciativa Edinvest, dirixida a facilitar o investimento no mercado educativo mundial, a Corporación Financeira Internacional elabora este manual onde define o concepto de sociedades público-privadas: estratexia de privatización da educación pero con participación do Estado como axente regulador e provedor de incentivos, en vez de financiador e provedor de servicios. Sostén que a educación pode ser concebida como un ben de consumo, sendo o estudiante o consumidor a través dos pais. Os gobernos nacionais deben concentrarse en brindar a mellor educación posible da forma máis eficiente en relación aos custos. Esto require da acción conxunta dos sectores público e privado. O Manual está organizado en dous Volumes  – Volume Un “The Discussion Paper” e Volume Dous "The Electronic Toolkit". Formato PDF, en inglés.
     
  • Sociedades Público-privadas: Manual de participación privada en Educación - Volume Un "Discusión"
    Volume One "The Discussion Paper": o Capítulo 1 subliña as dificultades inherentes na definición e conceptualización da educación non pública ou privada. O Capítulo 2 revisa brevemente diferentes tipos de educación privada en países en desenvolvemento. O Capítulo 3 ofrece un marco conceptual para desenvolver un papel diferente do goberno na educación, papel no que o goberno se transforma de provedor de servicios en financeiro e coordinador, promovendo a competencia na provisión de servicios entre os provedores privados e públicos, mellorando a voz do consumidor e asegurando que os pobres (por medio de diferentes formas de subsidio) cheguen a estar mellor integrados como consumidores con capacidade de elección. O Capítulo 4 revisa diversas cuestións relacionadas coas sociedades público-privadas - características principais e obstáculos clave para o seu desenvolvemento. O Capítulo 5 establece diversas conclusións e observacións. Formato PDF, en inglés.
  • Sociedades Público-privadas: Manual de participación privada en Educación - Volume Dous "Xogo de ferramentas electrónicas"
    Volume Two "The Electronic Toolkit": o obxectivo (por medio do sitio web www.worldbank.org/edinvest) é ofrecer un banco de datos electrónico de preguntas que poden utilizarse para avaliar tres importantes, e con frecuencia esquecidas, compoñentes do proceso: (i) avaliación do sector educativo privado existente no país; (ii) avaliación dos actuais marcos legais, políticos e normativos (na teoría e na práctica); e (iii) a revisión xeral de institucións educativas privadas seleccionadas. Formato PDF, en inglés.



A educación e o AXCS

¿Cal é o impacto da liberalización do comercio de servicios de educación superior? O AXCS suscita posicións encontradas: uns o ven como unha ameaza ao rol do estado, á educación como 'ben público' e á calidade da mesma; outros destacan os beneficios dunha maior comercialización en termos de innovación, mediante novas formas de prestación de educación, novos provedores, extensión do acceso a máis estudiantes e a prezos reducidos.

  • Gatswatch Organization
    GATSwatch é un proxecto conxunto de Corporate Europe Observatory e Transnational Institute que ten entre os seus principais obxectivos investigar e analizar o papel e o programa de obxectivos dos grupos de presión empresariais con respecto ás negociacións da OMC en torno ao AXCS. Noticias e información importante sobre as negociacións actuais da OMC, sobre o Acordo Xeral sobre Comercialización de Servicios (AXCS).- Capítulo Educación.
  • Servicios de educación superior: implicacións do GATS
    Fonte: The Observatory on Borderless Higher Education
    Informe sobre o impacto da liberalización do comercio de servicios de educación superior. Subliña as implicacións do Acordo Xeral sobre Comercialización de Servicios (AXCS) na educación sen fronteiras ou transnacional. O documento céntrase máis nas implicacións para as políticas educativas que emanan do AXCS, que nos problemas reais do comercio. O informe vai dirixido a xerentes universitarios, administradores e académicos que queiran ter unha versión resumida do que é o AXCS e de como pode afectar á educación superior. Este informe pretende dar unha visión equilibrada, identificando tanto os riscos como as oportunidades que o AXCS pode conlevar para o sector da educación superior. Por Dra. Jane Knight - Marzo de 2002. Versión en inglés.
  • O AXCS e a educación superior
    Fonte: Observatorio Ciudadano de la Educación
    Unha cousa é o intercambio académico tradicional e outra moi distinta a comercialización global da educación superior, é dicir, a súa exportación e importación como mercancía. O fenómeno está ocorrendo, medra e expándese, e na actualidade discútese no marco de negociacións do AXCS. Por Roberto Rodríguez Gómez. Versión en castelán.
  • Saquemos a educación do AXCS/GATS
    Fonte: GATS Watch
    Nesta declaración, diversas organizacións relacionadas coa educación esixen aos países membros da OMC que tomen unha serie de medidas (detalladas ao final do documento) para asegurar que a educación non se inclúa no AXCS. Versión en castelán.

 

A sociedade civil

A opinión dalgunhas organizacións da sociedade civil sobre o estado actual da educación.

  • Observatorio Ciudadano de la Educación - UNAM
    Grupo de cidadáns comprometidos co desenvolvemento da educación: investigadores da educación, mestres de escolas públicas e particulares, periodistas e comunicadores, pais de familia e líderes sociais. Propóñense exercer unha observación crítica do desenvolvemento educativo e, particularmente, das políticas gubernamentais neste campo.
  • Red SEPA: Red Social para la Educación Publica en las Américas
    É unha instancia flexible que enlaza organizacións sindicais e sociais do Continente Americano, que comparten a preocupación por protexer e mellorar a educación pública como institución imprescindible para o desenvolvemento democrático e a protección dos dereitos humanos. A Rede traballa xunto con outros agrupamentos da sociedade civil que se preocupan polo impacto do proceso do ALCA.
  • Red de Educación Popular Entre Mujeres de América Latina y el Caribe (REPEM)
    Asociación Civil sin fins de lucro, creada en 1981. Agrupa a 140 ONG e a mulleres activistas e académicas dos países de América Latina e o Caribe. REPEM é a representación rexional para América Latina de DAWN (Development Alternatives with Women for a New Era) e da Oficina de Xestión de GEO / ICAE (Oficina Internacional de Educación e Xénero do Consello Internacional para a Educación de Persoas Adultas).

 

Análise sobre a temática

Artigos e informes sobre privatización da educación.

  • Educación, mercado e privatización
    Fonte: Universidad de Chile
    Análise da experiencia de privatización da educación en Chile que sostén que a partir de 1979 se impón un modelo centrado no mercado e a privatización, no marco do proxecto xeral de desmantelamento do Estado desarrollista. Por Carlos Ruiz Schneider. Versión en castelán.
  • Os tres eixos da mercantilización escolar
    Fonte: L´Ecole Democratique
    Desde finais dos anos 80, os sistemas educativos dos países industrializados foron sometidos a un sin fin de críticas e reformas, incluído o fomento da educación privada e de pago, cambios que se inscriben nun proceso de paso da "era da masificación" da educación á era da "mercantilización". Por Nico Hirtt. Versión en castelán.
  • As reformas educativas
    Fonte: El Mundo en línea- Guía del Mundo
    Ao analizar o impacto da globalización na educación é inevitable a referencia á ideoloxía neoliberal e ás políticas educativas dela derivadas. Estas políticas foron impulsadas polas chamadas reformas educativas que con maior ou menor sorte se impuxeron en aras dunha suposta modernización e de outorgarlle eficiencia á obsoleta escola pública. Publicado en “El Mundo en línea” o 13 de abril de 2004. Versión en Castelán.
     
  • Últimas recetas para una universidad más mercantil
    Fonte: Le Monde Diplomatique
    Las reformas educativas emprendidas por varios gobiernos de la Unión Europea, entre ellas la de Jean-Pierre Raffarin, se corresponden bastante con las recientes transformaciones inducidas al mismo tiempo por la globalización, la relativización del papel de los Estados-naciones y la reducción del perímetro del sector público. La universidad no escapa a la oleada neoliberal que tiende a reorganizarlo todo según criterios mercantiles, individualistas e inmediatos. Por Abélard. Versión en castelán.
     
  • The Marketplace In Education
    Este documento analiza a tendencia cara á introducción do mercado na educación, comezando cunha breve historia das reformas de mercado e revisando os desenvolvementos políticos recentes. Por Henry M. Levin e Clive R. Belfield. Versión en inglés. Formato PDF.
     
  • States and Markets: Competing Paradigms for the Reform of Higher Education in Europe
    O constructo do mercado é un elemento novo no discurso da educación superior en Europa, tendo xerado serias iniciativas referidas á desregulación da educación superior, ao desenvolvemento de modelos de distribución de recursos baseados no rendemento, á promoción da competitividade interinstitucional e de estructuras de xestión eficientes, e incluso a considerar a "privatización" da educación superior. Estes desenvolvementos afectan particularmente ao financiamento da educación superior, aspecto no que se están a explorar novos modelos de xeración e distribución de recursos, de dirección e control institucional e de rendición de contas. Marzo de 2001. Por Hans N. Weiler. Versión en inglés. Formato PDF.
     
  • Issues and Concerns in the Privatization and Outsourcing of Campus Services in Higher Education
    Análise dos diversos aspectos e implicacións do concepto de privatización e outsourcing dos servicios universitarios. Tradicionalmente, as universidades operaban os seus propios servicios de campus, provendo bens e servicios á comunidade institucional segundo fora necesario. Na actualidade está a ocorrer un fenómeno relativamente recente: as universidades encoméndanlle cada vez máis servicios de campus a provedores de servicios privados. Aínda cando os incentivos financeiros parecen ser a principal razón de que as universidades estean privatizando os seus servicios, poden ser identificadas outras razóns complementarias. Novembro de 2000. Por Richard D. Wertz. Versión en inglés. Formato PDF.



Libros

Algúns libros sobre a privatización da educación.

  • E. G. West (1994): La Educación y el Estado. Madrid: Unión Editorial.
    Libro clásico en defensa da privatización da educación. Segundo West, desde mediados do século XIX, o campo da educación víuse invadido por un intervencionismo estatal cada vez máis amplo, implacable e excluínte, habéndose imposto o xeral convencemento de que este intervencionismo foi positivo. Apoiándose nun estudio histórico -aplicado a Inglaterra pero válido tamén, segundo el, para moitos outros países- West expón os argumentos que favorecen a presencia do Estado na educación e, ao mesmo tempo, trata de desmontar os diversos mitos e convencionalismos que se viñeron impoñendo nesta materia.
     
  • Milton e Rose Friedman (1979): Libertad de Elegir. Barcelona: Orbis.
    Outro clásico imprescindible para comprender as actuais políticas de privatización da educación.
     
  • Torres, J. (2001): Educación en tiempos de neoliberalismo. Madrid: Morata.
    As promesas das opcións neoliberais e conservadoras ocultan moito máis do que din e prometen. Estas opcións están intentando convertir o sistema escolar nun mercado; defenden e pretenden impoñer un modelo de sociedade onde a educación acabe reducida a un ben de consumo máis. Os sistemas educativos e las creacións culturais, en xeral, se reducen a mercancías, pero disimulando as redes económicas e os intereses políticos que se agachan detrás desta posición mercantilista. Este ocultamento do que en realidade significa convertir ao sistema educativo nun gran centro comercial acompáñase de abundante publicidade e discursos demagóxicos sobre a defensa das libertades, da autonomía, das bondades do "apoliticismo" e da necesidade dun Estado que actúe con neutralidade. As políticas neoliberais están tendo un forte impacto nos sistemas educativos, afectándolles de moi distintas maneiras. Ao tempo que preconizan e xeran unha forte reducción do sector público, coas medidas que promoven contribúen a desvalorizar as institucións escolares públicas, a segregar ao alumnado, a centrar as miradas só nun tipo de contidos curriculares, mentras outros son eliminados do traballo que debe realizarse nas aulas. As súas consecuencias en educación son graves, pois alteran o que ata o momento viñan sendo as principais finalidades da escolarización. Estas filosofías educativas crean as condicións para incrementar os procesos de estratificación e exclusión social, en especial dos grupos sociais máis populares. O vocabulario mercantilista que contribúen a trasladar ao mundo da educación favorece que se incrementen os riscos dunha apropiación dos sistemas educativos ata colocalos exclusivamente ao servicio dos intereses do mundo empresarial.
     
  • Luis Gómez Llorente e outros (1999): Neoliberalismo y Escuela Pública. Madrid: Cives.
    Diversos autores escriben sobre o impacto do neoliberalismo sobre a escola pública.
     
  • Nico Hirtt (2003): Los nuevos amos de la escuela. El negocio de la enseñanza. Madrid: Minor Network.
    Analiza a mercantilización da ensinanza e os procesos de privatización do sector educativo na Unión Europea, mediante unha exhaustiva documentación.
     
  • Varios autores (2003): La educación no es una mercancía. Santiago de Chile: Aún creemos en los sueños.
    Selección de artigos publicados en Le Monde Diplomatique.
     
  • Juan Carlos Pardo e Alfonso G. Tobío (2001): Neoliberalismo e educación. Santiago de Compostela: Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social, Colección Cadernos de Pensamento.