Comunicado conxunto das universidades públicas galegas sobre a aplicación da rebaixa salarial imposta pola Xunta de Galicia no SUG

Comunicado conxunto das universidades públicas galegas sobre a aplicación da rebaixa salarial imposta pola Xunta de Galicia no SUG

As universidades do sistema universitario galego desexan expresar o seu enérxico rexeitamento á rebaixa salarial imposta pola Xunta de Galicia e recollida na Lei 2/2013 de Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2013, aprobada polo Parlamento de Galicia e publicada no DOG o día 28 de febreiro de 2013.

A rebaixa salarial imposta polo goberno de Galicia supón un novo ataque ás traballadoras e traballadores públicos de Galicia que se suma aos xa realizados polos gobernos do estado e autonómico nos últimos anos. Detrás destes ataques, que se fundamentan desde os gobernos sobre a necesidade de axustes orzamentarios, atópase unha base ideolóxica que persegue a minoración do público en beneficio doutras iniciativas. A diminución dos salarios, a paralización das convocatorias de emprego ou a consideración das traballadoras e traballadores públicos como un sector privilexiado son só un chanzo máis no desprestixio do público.

Este ataque concéntrase dun xeito especial no ensino público, que se desprestixia a través da descualificación do persoal, da minoración dos seus salarios, do incremento da súa carga de traballo, do deterioro das súas condicións laborais e da posta en cuestión da súa calidade ou excelencia. No caso das universidades estes feitos engádense aos recortes en investigación e á aplicación indiscriminada de normas e leis orzamentarias que mesmo dificultan a captación de recursos externos. Ademais o estudantado, e particularmente aquelas e aqueles con menos recursos económicos, a parte máis feble da comunidade universitaria, sofre a diminución das bolsas de estudo.

Nesta situación, é preciso facer visible a unidade de actuación das tres universidades do sistema universitario de Galicia. Primeiro, no rexeitamento común destas medidas. En segundo lugar na aplicación homoxénea do axuste retributivo.

A lei é de obrigado cumprimento para as institucións públicas e para as universidades en particular, aínda que, como no caso desta rebaixa salarial o desacordo sexa profundo, de fondo e de forma. Todas as leis deben cumprirse, tamén aquelas que garanten a igualdade de oportunidades e as que encomendan aos poderes públicos a defensa do acceso á cultura e a promoción da ciencia en beneficio da sociedade. As medidas emanadas de conxunturas orzamentarias non deberían ir en contra destas normas fundamentais sobre as que existe un consenso social.

USC, 13/06/13