José Carlos Bermejo Barrera: Retratos en Fonseca: Xosé Manuel Beiras Torrado

Xosé Manuel BeirasJosé Carlos Bermejo Barrera: Retratos en Fonseca: Xosé Manuel Beiras Torrado

Segundo o sociólogo Max Weber, existen tres tipos diferentes de autoridade: a tradicional, a carismática e a burocrática. Estes tres tipos poden darse tanto no campo político como no universitario e poden solaparse nunha mesma persoa, e quizais por iso a figura de X. M. Beiras, que desenvolveu a súa actividade vital simultaneamente nestes dous campos, poida ser un dos mellores exemplos da validez desta teoría.

Foi e segue sendo este profesor e político, próximo xa aos oitenta anos, un referente esencial para poder comprender gran parte da vida académica galega e por suposto do seu desenvolvemento político nos últimos corenta anos. E é que Beiras, que chegou a Santiago como catedrático de Estrutura Económica a finais dos anos sesenta, nunha universidade que comezaba a vivir as tensións políticas dos últimos anos do franquismo, foi á súa vez un mestre intelectual no campo das ciencias sociais e un político na clandestinidade que trataba de reformular o nacionalismo galego partindo dos desenvolvementos máis recentes da economía marxista e intentando comprender dun modo científico a realidade histórica e social da Galicia dese momento, sen dúbida moi diferente en moitos aspectos da actual. Para os estudantes da recentemente creada Facultade de Ciencias Económicas Beiras era un modelo a imitar, como só pode selo un profesor que a súa vez posúa a categoría de intelectual. E un intelectual, término creado na Francia de fins do século XIX a raíz do Asunto Dreyfus, é un escritor, pensador ou científico que se compromete política e persoalmente a defender as ideas nas que cre. Émile Zola, o novelista que publicou un artigo xornalístico titulado “Eu acuso”, sería o primeiro deles cando denunciou a falsedade do consello de guerra ao que fora sometido o capitán Dreyfus, acusado de traizón, debido entre outras cousas á súa orixe xudea.

Beiras, profesor, intelectual e político, gran coñecedor da cultura e literatura francesas, quizais poderá ser considerado no futuro como o último intelectual da universidade de Santiago. Como tal, lanzou durante decenios o seu particular “Eu acuso”, e como tal foi en certo xeito un “profeta da cátedra”, unha denominación weberiana que se lle podería aplicar si ademáis diso non mantivese simultaneamente un compromiso político a toda costa. Ás veces ata da sua saúde. Como Max Weber, coñeceu Beiras un temporal eclipse intelectual, o que fixo que na Galicia na que lle tocou ser vesgo nun país de cegos, moitos dos seus inimigos fixeran miserentas alusións a este episodio. Habería que responderlles: “o que algunha vez non perde a razón é que ningunha razón ten que perder”, como dixo un gran poeta alemán.

Como político comprometido, como intelectual e como profesor Beiras tivo grandes acertos e erros, máis dos primeiros que dos segundos. É curioso sinalar que, non sendo historiador de oficio, sexa a única persoa capaz de desenvolver unha nova teoría da historia de Galicia, logo de Murguía, sendo a de Beiras a adecuada para a segunda metade do século XX e a de Murguía para a do XIX. Esa teoría que intentou integrar historia, cultura e economía nunha nova visión do nacionalismo, é a única existente desde hai cincuenta anos no ámbito do pensamento nacionalista. Todo este a parasitou e mesmo a fagocitou, pero ninguén, xa fora historiador, politólogo ou economista, tivo a capacidade de crear outra visión alternativa, sexa esta certa ou non.

Creou Beiras un partido, o PSG, que sufriu o amargo destino de tantas persoas e grupos comprometidos coa loita antifranquista. Non coñeceu o éxito eleitoral, moitos dos seus militantes pasáronse a outros partidos que si coñecerán eses trunfos e neles desenvolveron as súas carreiras políticas e recolleron éxitos de todo tipo. E o mesmo ocorrería na universidade, e en concreto na súa Facultade de Económicas, incubadora de políticos e aspirantes a selo en calquera das ideoloxías coñecidas. Ao contrario que eles tivo Beiras, como profeta , político e intelectual, que pasar unha longa travesía do deserto ata reconstruír o nacionalismo arredor do BNG, e lograr importante éxitos eleitorais, indisociables do seu papel como líder parlamentar indiscutible nas súas grandezas e ás veces nos seus erros, pero sempre fiel a si mesmo.

Ao final, tras ser desbancado no país cuxa mellor filosofía se define no refrán “quedar quedei sen nada pero amolar amoleino”, reconstruíu o seu proxecto en torno a ANOVA, incomprensible sen a súa presenza, e na que aniñan as mesmas tensións cainitas propias deste pobo de minifundistas que somos os galegos. Sexa como for, a día de hoxe, este profeta da cátedra, este político teimudo e ás veces esaxerado, non se sabe si pola súa propia natureza ou porque quere representar mellor ese papel que a historia lle asignaou, segue en pé. X.M. Beiras, o último intelectual galego en Fonseca, intentou pensar o seu país para melloralo. Mostrou unha capacidade de organización e liderado ata agora inigualada no campo nacionalista, e pode contemplar desde a súa particular rocha na que sempre lle tocou predicar no deserto, como os profesores burócratas dominan a súa antiga universidade, apagando nela a espontaneidade e a intelixencia, e como as institucións propias de Galicia, polas que tanto loitou, ás veces son eficaces e outras só unha noite na que todos os gatos son pardos, arrastrándonos a todos a unha nova Idade do Chumbo, densa, fría, opaca e gris na que parece querer extinguirse o resplandor dos desexos, as ideas e as palabras.