Monografías fírgoa nº 3: Software Libre

Monografías fírgoa nº 3 I Software Libre

Introducción

A recente depresión económica, combinada coa crecente desconfianza sobre o predominio de Microsoft, está dándolle ás aos movementos de Software Libre (Free e Open Source). Empresas, universidades e moitas outras organizacións están explorando a viabilidade da integración do Software Libre nos seus sistemas tecnolóxicos. Ao tempo, estase a descubrir a subcultura dos hackers, que teñen creado software de calidade cando menos equiparable ao do software propietario. Revísanse aquí a historia, a filosofía e os beneficios do movemento de Software Libre.

Para comprender o desenvolvemento do Software Libre resulta necesario explorar:

  • A historia de Internet

  • A cultura dos primeiros programadores

  • A transición do software libre ao propietario

  • Richard Stallman: a Free Software Foundation

  • Linus Torvalds: o kernel de Linux

  • Constitución da Open Source Initiative (OSI)

A historia de Internet

Gran parte de Internet desenvolveuse nas universidades e por medio de proxectos financiados polos gobernos. O rápido crecemento e adopción de Internet foron propiciados por un fluxo constante de innovacións e de software libre, nun clima que tiña como postulado central a renuncia ao beneficio individual (véxase Nathan Newman: The Origins and Future of Open Source Software). De xeito resumido, poden apuntarse os seguintes fitos no desenvolvemento de Internet:

  • 1957 - A Unión Soviética lanza o Sputnik. EEUU responde creando a Advanced Research Projects Agency (ARPA)

  • 1965 - 1969 - Desenvolvemento e deseño de ARPANET (unha rede experimental para a investigación e o desenvolvemento de tecnoloxías de rede, que pode entenderse como o cerne da fundación de Internet)

  • 1972 - correo electrónico ARPANET. (Véxase Dave Crocker: Email History)

  • 1970 - UNIX medra rapidamente debido aos termos da licencia favorables para as universidades (UNIX é un sistema operativo desenvolto por Bell Laboratories coa intención de permitir que poideran acceder múltiples usuarios simultaneamente a un ordenador). Desenvolvéronse múltiples versións de Unix, a maior parte delas propietarias. (Véxase Adam Ehlis: History of UNIX).

  • 1983 - TCP/IP foi adoptado por ARPANET como medio para conectar diversas redes (Internet, en esencia, é unha rede de redesque se comunican por medio de TCP/IP)

  • 1986 - National Science Foundation Network (NSFNET) - cinco supercomputadores conectados a ARPANET posibilitaron un rápido desenvolvemento das conexións, especialmente das universidades

  • 1991 - Tim Berners-Lee conceptualiza a World Wide Web

  • 1993 - Introdúcese Mosaic como "navegador de información de Internet e cliente World Wide Web"

  • 1995 - Preséntase Netscape (véxase tamén Netscape Communications Corporation)

  • 1995 - Microsoft presenta Internet Explorer. (Véxase Scott Schnoll: The History of Internet Explorer)

É importante sinalar que a comercialización foi un interés constantemente presente no desenvolvemento de Internet. O intento máis significativo (e duradeiro) foi iniciado por Netscape en 1994, posteriormente "refinado" por Microsoft nos seguintes anos. (Véxase Eric S. Raymond: Breakdown of Open Computing on the Internet para máis información).

A cultura dos primeiros programadores

O desenvolvemento de Internet implicou a pequenos grupos de programadores altamente comprometidos, que tiñan como norma compartir libremente código e programas. Isto permitíu que moitas persoas contribuíran a mellorar e adaptar os programas de cara a asegurar a súa mellor funcionalidade (e, neste proceso, evitar a duplicación de tempo invertido). Esta comunidade, moi unida, prosperou e innovou nun clima colexiado, aberto:

"Esta idea de construcción sobre os fundamentos aceptados do coñecemento, sobre as bases da cultura científica, introducíuse de xeito natural no ethos  do mundo da computación co advimento das primeiras redes de ordenadores nos anos 60 e 70... Estes hackers, que deseñaran e "hackearan" colectivamente a infraestructura orixinal do que posteriormente evolucionou como Internet, eran moi conscientes das implicacións que tiña o seu novo mundo virtual. Tiñan claro que nunca poderían aproveitar completamente as amplas e rapidamente crecentes posibilidades que ofrecían os ordenadores se traballaban illadamente. O traballo conxunto, ademáis de ser inmensamente máis productivo, era moito máis divertido. Crearon así unha sociedade virtual na que o termo "hacker" era unha denominación de respecto, e non un insulto, e o valor non se intercambiaba por diñeiro, que aínda non tiña unha manifestación virtual, senón por capacidades do software en forma de código fonte." (Véxase Nathan Newman: The Origins and Future of Open Source Software)

Para completar o panorama referido ao clima e á mentalidade implicados na cultura dos primeiros programadores pode consultarse Eric S. Raymond: A Brief History of Hackerdom.

A transición do software libre ao propietario

A medida que Internet e as industrias de software se desenvolvían, os empresarios foron tomando consciencia do incrible potencial que tiñan para xerar ganancias. O software de código aberto orixinal era libremente compartido, e os programadores cobraban polo tempo investido en escribir os programas (o acto de programar), non polos programas en sí mesmos (véxase UNESCO Free Software Portal: Free Software History). A medida que os ordenadores e o software se escapaban dos seus contornos de investigación orixinais (como eran as universidades) e se incorporaban ao clima de empresa, se foron introducindo restriccións sobre o software.  Comezou a non permitirse compartir o código, a que os empregadores lles esixiran aos os programadores asinar acordos de non divulgación, a cobrar por cada copia dun programa.

O software propietario, comercial, pechou a porta do ethos existente entre os programadores. A cultura anteriormente aberta, compartida, foi tomada ao asalto pola mentalidade da comercialización do software:

"O que sucedeu foi que un estudiante da Carnegie Mellon escribíu un programa de formateo de texto e sorprendeu a todo o mundo vendéndollo a unha empresa, en lugar de compartilo coa comunidade. A empresa convertíuse na súa absoluta propietaria, e de xeito perverso colocou nel bombas de tempo. Alguén que eu coñezo investíu horas tratando de atopar os erros que fixeran que a nosa copia deixara de funcionar. Despois dun tempo atopouse coa bomba de tempo, que claramente se puxera co propósito de asegurar beneficios. Estaba furioso por ter perdido o seu tempo nun bug que fora creado deliberadamente. Desde o punto de vista dos compoñentes da comunidade de software compartido, calquera cousa artificialmente introducida para impedir que a xente executara un programa, era simplemente un bug deliberado." (Richard Stallman Interview)

Richard Stallman: A Free Software Foundation

Richard Stallman era un programador do MIT nos mellores tempos da cultura hacker.

'Nós non chamabamos ao noso software "software libre"', di Stallman, 'porque ese termo aínda non existía; pero iso é o que era. Cada vez que unha persoa doutra universidade ou dunha empresa quería portar e usar un programa, nós cedíamosllo graciosamente. Se vostede vía a alguén utilizando un programa descoñecido e interesante, podía solicitar o código fonte, de xeito que poidera lelo, cambialo ou canibalizar partes del para facer un novo programa.'" (J.J.King in conversation with Richard M. Stallman: Free Software is a political action).

A transición do software aberto ao propietario e o subsecuente  destripamento dos departamentos universitarios de programación, indignaron a Stallman. A verdadeira cultura da innovación que propulsaba o seu traballo estaba desaparecendo.

"'Estaba enfrontado a unha elección. Un: sumarme ao mundo do software propietario, asinar os acordos de non divulgación  e prometer non axudar aos meus compañeiros hackers. Dous: abandonar totalmente o campo dos ordenadores. Ou tres, buscar unha vía pola que un programador poidera facer algo polo ben común. Preguntábame a min mesmo: existe un programa ou programas que eu poidera escribir e que fixera de novo posible constituír unha comunidade?'" (J.J.King in conversation with Richard M. Stallman: Free Software is a political action).

Como resposta, Stallman creou a Free Software Foundation. O termo libre ten dúas definicións: libre en sentido monetario ou libre como libertade de expresión. Stallman utiliza a segunda acepción: "O software libre é cuestión de libertade dos usuarios para executar, copiar, distribuír, estudiar, cambiar e mellorar o software". O software libre ten catro libertades:

  • A libertade de executar o programa para calquera propósito (libertade 0).

  • A libertade de estudiar como funciona o programa e adaptalo ás súas necesidades (libertade 1). O acceso ao código fonte é a precondición desta libertade.

  • A libertade de redistribuír copias de xeito que vostede poida axudar ao seu próximo (libertade 2).

  • A libertade de mellorar o programa e de liberar as súas melloras ao público, de xeito que se beneficie a comunidade global (libertade 3). O acceso ao código fonte é a precondición desta libertade.. (Free Software Foundation: A definición de Software Libre)

Coa intención de posibilitar que aflorara a cultura do software libre, Stallman creou GNU, "que significa Gnu's Not Unix, é a denominación do sistema de software completamente compatible con Unix que estou escribindo  e que podo liberarllo a calquera que poida usalo. Outros voluntarios están axudándome." (El manifiesto de GNU). O obxectivo era remprazar o sistema operativo propietario UNIX cunha versión libre. Stallman tamén creou un formato de licencia (GNU General Public License, GPL) que posibilitaba que outras persoas licenciaran software como software libre. A GPL permite que os usuarios vexan, engadan ou cambien o código fonte, pero ao tempo esixe que calesquera subsecuentes revisións sexan así mesmo licenciadas baixo GPL.

Linus Torvalds: o kernel de Linux

A comezos da década dos 90, a visión de Stallman dun sistema operativo libre estaba case completa. O principal componente que faltaba era o kernel - a parte do sistema operativo que distribúe os recursos do sistema (GNU estaba traballando no kernel HURD, pero o seu desenvolvemento era lento). En 1991, Linus Torvalds, un estudinate de 21 anos da Universidade de Helsinki (Finlandia), aportou o kernel que faltaba. En vez de reescribir un sistema operativo completo, Linus integrou as ferramentas GNU existentes co seu kernel. Publicou o kernel co seguinte comunicado ao grupo de noticias comp.os.minix:

"Estou facendo un sistema operativo (libre), (só como un hobby, non será grande e profesional, en tanto que gnu) para clónicos 386(486) AT." (Linus Torvald: Linus Torvalds comunica a creación do kernel de Linux)

A maioría da xente refírese a esta combinación de ferramentas GNU e o kernel de Linus como Linux.  Stallman ten afirmado reiteradamente que a denominación GNU/Linux é máis precisa que Linux no recoñecemento de crédito aos desenvolvedores do sistema:

"O kernel é unha parte esencial dun sistema operativo, pero inútil por sí mesmo; só pode funcionar no contexto dun sistema operativo completo. Linux é normalmente utilizado en combinación co sistema operativo GNU: o sistema total é basicamente GNU, funcionando Linux como o seu kernel." (Richard Stallman: Linux y el proyecto GNU)

Constitución da Open Source Initiative (OSI)

As ideas de Richard Stallman  (véxase especialmente Richard Stallman: Por qué el software no debe tener propietarios) son polémicas. Por medio da súa Free Software Foundation, activou un significativo cambio no mercado do software, ao tempo que lle supuxo un desafío. Neste proceso, Stallman foi considerado como un comunista, un egoísta, un fanático e un bicho raro. Stallman enmarcou a discusión sobre o software libre en consideracións éticas: é moralmente erróneo que o software non sexa libre. Sen embargo, isto non significa que o software non deba ser vendido:

"Os programas libres ás veces son distribuídos gratuítamente, e ás veces se cobra por eles un prezo considerable. Moi frecuentemente o mesmo programa está dispoñible en ambas formas desde diferentes lugares. O programa é libre independentemente do seu prezo, dado que os usuarios teñen libertade para usalo." (Richard Stallman: Vender Software Libre)

O absolutismo de Stallman, combinado coa percepción pública do termo "software libre", resultou na formación dunha filosofía máis moderada dirixida a atraer ao mundo dos negocios á adopción de Linux. O movemento denominouse Open Source Initiative, OSI. A súa constitución está documentada polo propio grupo:

"A etiqueta "open source" ten a súa orixe nunha sesión de estratexia que se celebrou o 3 de Febreiro de 1998 en Palo Alto, California. Os participantes foron Todd Anderson, Chris Peterson (do Foresight Institute), John "Maddog" Hall e Larry Augustin (ámbolos dous de Linux International), Sam Ockman (do Silicon Valley Linux User's Group) e Eric Raymond." (The Open Source Initiative)

A Open Source Definition prové un marco para a clasificación do software  (ademáis da súa certificación) que cumpre os criterios Open Source. Polo xeral, considérase que o Open Source é máis flexible (e atractivo para os intereses empresariais e comerciais) que o Software Libre:

"A diferencia fundamental entre os dous movementos radica nos seus valores, na forma en que miran o mundo. Para o movemento Open Source, a cuestión de se o software debe ser de código aberto  é práctica, non ética. A plicado polas persoas, ``Open source refírese a unha metodoloxía de desenvolvemento; software libre é un movemento social.'' Par o movemento Open Source, o software non libre é unha solución subóptima. Para o movemento de Software Libre, o software non libre é un problema social, constituíndo o software libre a súa solución." (Richard Stallman: Why ``Free Software'' is better than ``Open Source'')

Eric Raymond (unha persoalidade importante do movemento Open Source) escribíu acerca das diferentes mentalidades sobre o desenvolvemento do software:

"A calidade (no modelo "Bazaar") mantíñase non por estándares ríxidos ou por formas autocráticas, senón  pola simple e inxenua estratexia de publicar cada semana  e obter feedback de centos de usuarios en poucos días, creando unha sorte de rápida selección Darwiniana que operaba sobre as mutacións introducidas polos desenvolvedores. Para asombro de case todo o mundo, funcionaba bastante ben" (David Bretthauer: Open Source Software - A History).

Cando se pregunta acerca do modelo de desenvolvemento aberto, distribuído, de mercado libre, Stallman afirma:

"Vostede pode ter razón. O Open Source pode ser o mellor modelo para o desenvolvemento do software. Pode producir mellor software que o Software Libre. Non o sei. Non o podo dicir. Pero o máis importante para o futuro da comunidade de software é que a xente pense sobre a cuestión da libertade." (Richard Stallman: Free Software is a political action)

Chegados a este punto, é necesario sinalar unha diferencia significativa entre Open Source e Software Propietario. O Open Source desenvólvese en grupos con elevados niveis de contacto entre os usuarios do software e os desenvolvedores. Os usuarios comunican os bugs, solicitan características e aportan solucións ao longo do proceso de desenvolvemento. O proceso é moi transparente, desdebuxándose os papeis de creadores e usuarios do software. O Software Propietario, pola súa parte, desenvólvese polo xeral por pequenos grupos de programadores altamente cualificados (o que leva a Raymond a clasificar o modelo de desenvolvemento do Software propietario como catedrais "coidadosamente deseñadas por magos individuais", mentras que o Open Source o clasifica como un "gran e ruidoso bazar ou feira con diferentes axendas e enfoques"). (Eric. S. Raymond: La Catedral y el Bazar).

Unha característica comercialmente significativa do movemento Open Source é o proceso democrático de desenvolvemento do software, que involucra a moi diferentes desenvolvedores e usuarios.

Beneficios do Free/Open Source

Os beneficios do Código Libre/Aberto son numerosos. A maior parte dos informes publicados afirma que a forza que inflúe na súa adopción é o aforro de custos. Sorprendentemente, ese non é o beneficio primario que os usuarios perciben. A principal razón para utilizar software libre relaciónase coa calidade (European Union Researches the Benefits of Open Source Software). Maior estabilidade, superior rendemento e mellor funcionalidade son características xeralmente atribuídas ao software propietario; de feito afírmase que a calidade é unha das debilidades do software open source. Os usuarios, sen embargo, teñen unha perspectiva diferente: os problemas de calidade residen no software propietario (en moi boa medida pporque o tempo para corrixir é moi longo e depende do propietario do software).

Algúns beneficios adicionais:

  • Reducción da dependencia do vendedor

  • Reutilización do software

  • Reduccción de custos

  • Auditable (o usuario do software pode validar a seguridade, o que posiblemente non sucede co software propietario

  • Fiabilidade

  • Corrección rápida de bugs/problemas (as comunidades activas están en condicións de aportar correcións en horas/días)

Conclusión

Deixando as diferencias a parte  (Stallman escribíu: "Estamos en desacordo nos principios básicos, pero máis ou menos de acordo nas recomendacións prácticas."), e centrándonos nas recomendacións, o software de código libre/aberto está cambiando a forma en que se crea, se vende e se usa o software. Este debate entre aberto e propietario está trasladándose a todas as áreas do mundo dixital. A Recording Industry Association of America, RIAA, está esixindo un incremento das restriccións ao uso de contido dixital, Microsoft está creando software que cada vez ten máis limitacións para os usuarios (e maior control para os creadores de software), etc.

O debate foi incorrectamente interpretado como unha cuestión de propiedade e de roubo intelectual (aínda que esta compoñente, certamente, existe). O debate real sitúase nun nivel no que se expresan diferentes perspectivas acerca de cómo se organiza a sociedade, cómo se distribúe o poder, qué tipo de recursos deberían ser libres (non nun sentido monetario), cales son as obrigas dos creadores de contido cos usuarios e qué posibilidades teñen os usuarios de construír sobre, mellorar e incorporar ao contido desenvolto por outros.



Enlaces relacionados

Documentación base

Documentación básica sobre o Software Libre/Aberto.

 

Introduccións xerais

Documentos introductorios ao Software Libre/Aberto.

 

Historia do Software Libre/Aberto

Algúns documentos que sintetizan a historia do movemento de Software Libre/Aberto.



Sobre a historia de Internet e UNIX


Declaracións da sociedade civil


 

Outros documentos de interese


Enlaces

Enlaces a sitios sobre Software Libre/Aberto.

 

Este documento é traducción, derivación e adaptación doutro de George Siemens: Free and Open Source Movements. Part 1 - History and Philosophies, publicado baixo Licencia Creative Commons.