Xosé Luis Barreiro Barreiro: De Boloña a Bergen: Filosofía e Decálogo do proceso
Catedrático de Filosofía da USC
VI Simposio Luso-Galaico de Filosofía, 2007, pp. 129-148
"O vello sistema académico tiña moitos defectos, pero anos de demagoxia e finxido modernismo destruíronno sen crear nada novo no seu sitio.
Entre cotas, créditos e reunións inútiles a Universidade morre de orzamentalismo.
A perenne procura de fondos relega a un segundo plano a actividade científica.
Imitacións.- É absolutamente veleidoso esforzarse en copiar aos colegas americanos.
Recrutamento.- A excesiva precariedade afasta, moitas veces, aos estudiosos máis válidos"
(CLAUDIO MAGRIS, Premio Letras Fundación Príncipe de Asturias, 2004).
Introducción. Estado da cuestión.
No ano académico 2003-2004 iniciuose na Universidade de Santiago o proceso de configuración dos Planos Estratéxicos dos Departamentos. Un Manual de Planificación Estratéxica (de infeliz memoria), unha Guía, un formulario, unha serie de instruccións, carteis propagandísticos, talleres, nos que se establecían eixes, obxectivos, metas, actuacións, indicadores, responsables, etc., redactados e transmitidos nunha linguaxe mercantilista, ambigua e de marcado carácter empresarial, foron os instrumentos operativos ofertados por expertos “planeadores” para a súa execución. Con todo este aparato non só se procuraba un cambio da estructura do sistema dos Departamentos (e da Universidade, por suposto), senón tamén un cambio nos obxectivos, contidos, mentalidade e na mesma linguaxe comunicativa. No fondo, latía unha cuestión fundamentalmente económica, non política (se ben era preciso tomar decisións políticas), nin moito menos unha cuestión educativa (1)