INFORMACIÓN DO CONSELLO DE DIRECCIÓN SOBRE A SITUACIÓN ECONÓMICA DA USC
(Remitido a través de USC-Difusión polo Vicerrectorado de Comunicación e
Proxección Exterior)
Ante algunhas informacións que circularon nos
últimos días en relación coa situación económica da USC, o Consello de
Dirección desexa poñer en coñecemento da comunidade universitaria as seguintes
aclaracións:
1.- O equipo de dirección ven traballando dende
o acceso ó goberno da universidade na análise da situación económica da USC e
das causas que a motivan, e na busca de solucións para a mesma. Ditas análises
foron tamén expostas e debatidas diante dos diferentes órganos de goberno da
USC (Claustro, Consello de Goberno e Consello Social), podendo a comunidade
universitaria dispor da información ó respecto nos resumos do Claustro e
Consellos de Goberno. Tamén se deu información a Directores e Decanos de
Centro, Directores de Departamento, etc., co obxectivo de dar a coñecer e
debater sobre a situación económica da Universidade, na liña do bo goberno co
que estamos firmemente comprometidos. É intención do equipo de goberno, e así
o ven facendo, tratar o tema da situación económica co máximo rigor e
transparencia, tanto diante da comunidade universitaria como diante da
sociedade.
2.- Segundo os últimos datos publicados pola
Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dentro do actual acordo
de financiamento do SUG destinouse ós campus galegos no ano 2003 tan só o
0,58% do PIB galego. Cifra que contrasta claramente coa media nacional de
financiamento universitario (0,89% do PIB), e co financiamento aportado por
comunidades autónomas como Andalucía, Cataluña ou Valencia, que dedican a
financiamento universitario entre o 0,96 e o 1,10% do seu PIB.
3.-
Adicionalmente, é importante ter presente que en termos reais os recursos
públicos dedicados ó sistema universitario galego dimiuíron un 7% nos últimos
catro anos, afectando esta situación de forma máis acusada a Universidade de
Santiago de Compostela, ó estar ligada a súa distribución á evolución do
número de alumnos. Se a iso engadimos que a diminución do número de alumnos
representa unha caída importante dos ingresos por prezos de matrícula (no ano
2003 a USC recadou 4,7 millóns de € menos que no ano 1999), encontrámonos
ante unha situación de clara evolución diverxente dos ingresos respecto dos
gastos, presentando estes últimos unha tendencia que, de forma clara, non se
corresponde coa evolución do número de alumnos. Sirva como exemplo para
comprender esta situación o feito de que no ano 1999 a subvención
incondicionada da Comunidade Autónoma permitía á USC asumir a totalidade dos
gastos de persoal que debe financiar con recursos propios e sobraban aínda 3,3
millóns de € para outros capítulos de gasto, mentres que no ano 2003 a
subvención incondicionada tan só cubre o 90,6% dos gastos de persoal que a USC
debe financiar con recursos propios, sendo necesarios 9,4 millóns de €
adicionais para cubrir dito capítulo de gasto; ou o feito de que a totalidade
de ingresos incondicionados da USC (excluídos os ingresos finalistas)
permitían no ano 1999 cubrir os gastos de persoal e dedicar 27,1 millóns de €
ós outros capítulos de gastos, mentres que no ano 2003 os ingresos
incondicionados que restan tras cubrir os gastos de persoal tan só son 10,9
millóns de €.
4.- Como resultado das anteriores consideracións
conclúese de forma clara que a principal causa da situación económica da USC
está no actual acordo de financiamento do SUG, que non achega a nosa
universidade recursos suficientes para cubrir as súas necesidades básicas de
funcionamento, situación que se veu agravando ano tras ano. En absoluto pode
relacionarse a situación actual cunha mala xestión ou cunha falta de control
sobre as finanzas da universidade. Queremos por de manifesto que as contas da
USC están controladas tanto polos órganos de goberno da propia USC como por
unha Auditoría externa independente.
5.- O equipo de goberno da USC sigue a
reivindicar que se chegue canto antes a un novo plan de financiamento que
cubra os gastos necesarios para o normal desenvolvemento da institución. En
calquera caso, e ante a inexistencia dun novo plan de financiamento neste ano
2004, o Consello de Dirección da USC ven traballando dende hai tempo nun Plan
de Equilibrio Económico. O seu debate no seo da comunidade universitaria xa se
encetou e dito Plan, independentemente do que resulte do novo acordo de
financiamento, supón acadar un equilibrio entre ingresos e gastos xa no ano
2006, a partir dun esforzo conxunto da Comunidade Autónoma e da nosa
Universidade.