Cuestións de contido

Presentación

Queremos falar da educación, queremos falar da Universidade. ¿De ónde vimos? ¿Quen somos? ¿A ónde imos? ¿Que tipo de persoas debemos formar na Universidade? ¿É necesario introducir cambios, innovacións? Se é necesario cambiar, ¿que razóns, que motivos, que alteracións nos obrigan? ¿Cal debe ser a orientación, o sentido, a dirección dos cambios? ¿Cales son as súas posibilidades e os seus límites? ¿Cómo, por medio de que procesos, se deberan acometer? Todas estas son preguntas esenciais para a supervivencia da Universidade nos novos contextos que estan emerxendo.

As Universidades saben que non saberían liberarse da herdanza que as constitúe. Saben igualmente que o presente non reproduce o pasado e que o futuro é parcialmente determinado, avaliado e aleatorio. O tempo é a compoñente principal da acción, e a Universidade debe saber controlalo con precisión e eficacia en todos os dominios: coñecemento de anteriores situacións, comprensión das actuais situacións, organización do traballo e das persoas, estratexia, proxectos e decisións.

O mundo transfórmase a unha velocidade acelerada. É común falar da nosa época como un período de grandes cambios, de vastas alteracións estructurais, as cales non son senón o resultado da aceleración das mutacións tecnolóxicas e científicas. É tamén moi común formular hipóteses revolucionarias para o futuro en materia de tecnoloxía, de forzas económicas no mundo, de poboación e de emprego. ¿Pero que lles sucederá ás Universidades? ¿De que modo sufrirán alteracións? ¿Xurdirán novas formas de organización?

Fai xa máis de trinta anos, alá por 1971, Donald Schön urxía ás universidades a empezar a considerar a vida “alén do estado estable”. Pola mesma época, Alvin Toffler predicía que a idade da información forzaría ás universidades a acomodarse a un “ritmo acelerado de cambio”, prepararse para a “aprendizaxe ao longo da vida” e considerar os “contratos de aprendizaxe” en lugar dos graos convencionais. Desde entón, tense producido unha avalancha de informes sobre o futuro da Universidade e un auténtico diluvio de innovacións tecnolóxicas.

A nosa visión do mundo está en plena alteración radical cara a unha visión múltiple, temporal, complexa e relacional. A visión mecánica do mundo dominou durante moito tempo a ciencia occidental. Sabemos hoxe que vivimos nun mundo pluralista en plena mutación.

Dun xeito xeral, este movemento, a pesar de ter sido anticipado nos espíritos, aínda moi raramente o é nos feitos, na medida en que a todos parece difícil -incluíndo aqueles que teñen por vocación, debido ao lugar que ocupan na sociedade, o desempeño de funcións de guías- entrar claramente nesa fase activa que asistiría á implementación das estructuras de mañá.

O mundo no que vivimos está en evolución, o que fai que a preparación para as realidades do futuro non poida ser feita sen riscos se recorremos aos métodos de onte, o que á súa vez obriga a esclarecer e a repensar profundamente o que facemos e como o facemos.

Cada vez máis se ten consciencia de que a xestión e a toma de decisións na Universidade é unha tarefa colectiva, desempéñase a todos os niveis, en todos os instantes e en todos os postos: tanto nos niveis inferiores como nos niveis periféricos, cada elemento no seu posto interpreta, decide e actúa. A universidade é unha tarefa colectiva, os seus problemas son colectivos e as solucións que se adopten, os camiños que se emprendan, deben ser decididos colectivamente, coa participación responsable de todos, sen nengún tipo de exclusión, coordinando as persoas, os equipos e os recursos existentes.

A organización en rede, policelular, susténtase no principio de autonomía, que debe posibilitar a rapidez de adaptación ao medio e conceder a cada un dos actores libertade de innovación, iniciativa e acción. Todo iso conduce á descentralización e á delegación de responsabilidades, ao tempo que esixe crear ámbitos de participación e de coordinación así como o desenvolvemento de formas distribuídas de liderado.

fírgoa quere ser un espacio de innovación educativa pensado como un espacio real e virtual dirixido a posibilitar o intercambio de información e de ideas e o desenvolvemento de discusións sobre educación, innovación, e-learning, tecnoloxías da información e a comunicación, intelixencia colectiva e formación de comunidades de coñecemento.

fírgoa quere ser un espacio de traballo en equipo, en rede, de traballo conxunto, de colaboración, un espacio de intelixencia distribuída que busca a posta en común (a comunicación) de persoas, ideas e recursos.

fírgoa quere ser un espacio de apoio mutuo, un servicio de apoio distribuído, organizado en rede, no que cada participante aporte á comunidade o seu saber e o seu saber facer.

fírgoa quere ser un espacio de formación que conduza ao incremento da capacidade dos participantes para traballar directamente con comunidades de creación de coñecemento.

fírgoa quere ser un centro de recursos, un depósito de ferramentas, de documentos, de imaxes, de módulos de contido, de contactos...

fírgoa quere ser un espacio de código aberto, transparente, visible e, por iso, avaliable, en permanente desenvolvemento xestionado e decidido pola comunidade de usuarios.

fírgoa quere ser un espacio de participación democrática que se ofrece sen reservas a todos aqueles que desexen utilizalo libre e responsablemente para deliberar colectivamente sobre o presente, o pasado e o futuro da Universidade. Entendemos que as relacións democráticas supoñen a busca do consenso sobre proxectos colectivos a través da opinión informada, do diálogo constructivo e da toma de decisións participada.

fírgoa é, en sí mesmo, unha experiencia de innovación educativa, incorporándose como tal ao proceso de formación dos estudiantes da titulación de Psicopedagoxía en tanto que contacto directo co mundo profesional da innovación educativa.

En tempos de virtualidade, fírgoa é un espacio que se propón agregar o maior número de intelixencias e competencias posibles para colocalas en interacción de modo que, efectivamente, se tornen colectivas e, neste proceso, se transformen.

fírgoa utiliza tecnoloxías open source para construír espacios cibernéticos, de elevadas prestacións e baixo custo, dirixidos a facilitar a interacción de todos aqueles que queiran participar (correo electrónico, blogs persoais, libros colaborativos, foros de discusión, enquisas, etc.), co obxectivo de formar progresivamente unha comunidade de práctica.

Pretendemos que as persoas interesadas na Universidade, na innovación educativa e nos usos educativos das tecnoloxías se sumen a este espacio como colaboradores, como administradores, como desenvolvedores, como distribuidores de informacións, como xeradores de ideas para que todos poidamos compartilas. De forma colectiva e intelixente.

Santiago de Compostela, 14 de Setembro do 2003

Alfonso García Tobío
Profesor Titular de Psicoloxía da Educación

Juan Carlos Pardo Pérez
Profesor Titular de Psicoloxía da Educación

Dereito de cita

A reproducción de... (fragmentos de obras musicais, audiovisuais, obras ailladas, ou o que corresponda) nesta sede web educativa acóllese ao artigo 32 (Citas e reseñas) do Real Decreto Lexislativo 1/1996, de 12 de Abril (B.O.E. número 97, de 22 de Abril) coas modificacións dadas ao mesmo pola Lei 5/1998 de 6 de Marzo (B.O.E. número 57, de 7 de Marzo) e a Lei 1/2000 de 7 de Xaneiro (B.O.E. número 7 de 8 de Xaneiro), cuxo texto di:

"É lícita a inclusión nunha obra propia de fragmentos de outras alleas de natureza escrita, sonora ou audiovisual, así como a de obras ailladas de carácter plástico, fotográfico figurativo ou análogo, sempre que se trate de obras xa divulgadas e a súa inclusión se realice a título de cita ou para a súa análise, comentario ou xuízo crítico. Tal utilización só poderá realizarse con fins docentes ou de investigación, na medida xustificada polo fin desa incorporación e indicando a fonte e o nome do autor da obra utilizada."

Distribuir contido