Hoxe fíxose público o
Manual de Imaxe Corporativa e Identidade Institucional
da USC, ao que se pode acceder desde a páxina principal da web da Universidade.
Non queremos comentar polo momento nada con respecto ao contido, pero coidamos
que si é pertinente realizar algunha apreciación con respecto á forma, á imaxe.
Os primeiros párrafos do Manual sinalan as súas intencións: "O
presente manual de Imaxe Corporativa e Identidade Institucional é un elemento de
fortalecemento e mellora da identidade corporativa e dos valores diferenciais da
Universidade de Santiago. A USC modifica a súa imaxe corporativa para mellorar a
súa percepción pública e proxectar no seu entorno os trazos de excelencia e de
distinción propios da institución".
¿Fortalece, mellora a percepción pública da USC, proxecta trazos de
excelencia e de distinción o propio Manual? Sinceiramente, cremos que
non.
En primeiro lugar, falemos do título do documento: ¿é Manual de Imaxe
Corporativa e Identidade Institucional, tal como figura no encabezamento da
páxina http://www.usc.es/imaxeusc/? ¿Manual
de Imaxe Corporativa, segundo aparece no enlace de descarga do arquivo pdf
da mesma páxina ou na páxina principal da USC? ¿Manual
de Imaxe Corporativa e Identidade Visual, tal como se recolle na
primeira páxina e seguintes do
documento? Sería bo que se aclarara.
Pero se, como se di no propio Manual, "a imaxe global que a USC
proxecta de cara á sociedade é a súa marca", a imaxe que proxecta o propio
Manual de Imaxe da moi mala imaxe da USC: o arquivo PDF descargable
carece dunha portada propiamente dita, non ten data de publicación, nin
referencia de autor/es; o formato do texto é manifestamente mellorable,
presentando grandes espacios en branco que non teñen sentido, o tipo de letra
non é o que o propio manual prescribe, o seu tamaño é ilexible en visualización
ao 100%... Pero o pior son os gráficos: no Manual dise reiteradamente que
"unha imaxe gráfica incoherente, heteroxénea, distorsionada ou con múltiples
versións debilita decisivamente a identificación institucional"; pois ben,
todas as imaxes contidas no manual en PDF están distorsionadas.
Polo que se refire ao formato HTML, accesible desde o menú Seccións da
páxina http://www.usc.es/imaxeusc/, as
cousas melloran sensiblemente. Polo menos as imaxes vense adecuadamente. Pero
non se cumpre practicamente ningunha das prescripcións de deseño que estabrece o
propio Manual.
En fin, que a presentación do Manual de Imaxe, incongruentemente, e na
nosa opinión, é un moi mal exemplo dunha "imaxe de calidade". A USC debera
retiralo e só volver a facelo público cando estivera dignamente elaborado.