Isaac Díaz Pardo

Isaac Díaz Pardo

Biografía

Isaac Díaz Pardo naceu en 1920 na casa da Tumbona da compostelá Rúa das Hortas. Frecuentou desde moi neno o taller do seu pai, Camilo Díaz Baliño, escenógrafo, pintor, e cartelista, no que se celebraban reunións moi na órbita das Irmandades da Fala, das que o pai de Isaac era membro activo.

Os sucesos da guerra civil española acabaron coa vida de Díaz Baliño, xusto cando Isaac cursaba os estudios de bacharelato e proxectaba acceder á Escola de Arquitectura. Sen embargo, a realidade daqueles sucesos levárano nun primeiro momento a ter que agacharse na casa do seu tío Indalecio para salvar a vida e, despois, a traballar como rotulista nunha industria coruñesa de pintura industrial.

Terminada a guerra, Isaac ingresou na Escola de Belas Artes de San Fernando e en 1941 participou na primeira experiencia que se facía en España sobre deseño industrial, dirixida por Sainz de Tejada e na que participaban cinco alumnos de Arquitectura e outros cinco de San Fernando. Rematados os estudios de Belas Artes, en 1942 a obtención da beca Conde de Cartagena permitiulle realizar unha viaxe de estudios e mostrar o seu talento artístico en Roma, Florencia e Siena. Pouco despois cubriu unha praza de profesor auxiliar de Debuxo na Escola Superior de Belas Artes de San Jordi de Barcelona e realizou diversas exposicións en Madrid, Barcelona, Londres, Vigo, Bos Aires...

No 1948 abandonou a dedicación ás artes plásticas e comezou a súa obra de ceramista montando unha planta industrial no Castro de Samoedo, preto de Sada, na que, ensaiando materias primas utilizadas no antigo Sargadelos, produciu unha porcelana de moi boa calidade.

No ano 1955 viaxou por primeira vez a Arxentina, onde iniciou outra experiencia industrial de cerámica, a da Magdalena, a 108 kms. de Bos Aires, e onde con Luís Seoane e o apoio dos intelectuais galegos alí exiliados, constituíu o Laboratorio de Formas, que proxectou a creación dunha serie de empresas recuperadoras da memoria histórica de Galicia, convertidas logo en realidade, como a restauración do complexo de Sargadelos e o seu Seminario de investigación, o Museo Carlos Maside, Ediciós do Castro, Seminario de Estudos Galegos, Laboratorio de Industria e Comunicación, Instituto Galego de Información...

Díaz Pardo tamén cultivou o ensaio e a crítica, producción entre a que habería que subliñar os libros: Xente do meu Rueiro, Bos Aires, 1954; Midas. O ángulo de pedra, Bos Aires, 1956; El ceramista Arranz y su escuela, A Coruña, 1960; Galicia Hoy, en colaboración con Luís Seoane, París, 1965; Paco Pixiñas, en colaboración con Celso Emilio Ferreiro, cartel de cego, A Coruña, 1970; A Nave Espacial, cartel de cego, A Coruña, 1970; El Marqués de Sargadelos, cartel de cego, A Coruña, 1970; Castelao, cartel de cego, A Coruña, 1985; Galicia hoy y el resto del mundo, A Coruña, 1987, ademais de diversos traballos xornalísticos, principalmente de historia contemporánea.

Por tan dilatada traxectoria recibiu moitas distincións e recoñecementos, entre os que destacan: o Pedrón de Ouro (1976), a Medalla de Ouro e Fillo Predilecto da cidade de Santiago de Compostela (1988), o Premio Otero Pedrayo das Deputacións Provinciais (1990), a Insignia de Ouro (1991), o Doutor Honoris Causa (1992) pola Universidade de Santiago de Compostela, o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (1993), a Vieira de Prata do Padroado da Cultura Galega de Montevideo (1995), o Premio Jiménez de Asúa de Derechos y Libertades (1999), o XLI Premio Fernández Latorre (1999), o Premio Arquitecto Honorífico polo Colexio de Arquitectos de Galicia (2001), o Premio Ramón Piñeiro de Láncara (2002) ou o Premio das Letras e das Artes de Galicia (2003).

Outros recursos:

Galicia: Isaac Díaz Pardo: "Se á empresa lle quitas o carácter intelectual, non vale nada"

Isaac Díaz PardoGalicia: Isaac Díaz Pardo, Intelectual galeguista; co-fundador de Sargadelos: "Se á empresa lle quitas o carácter intelectual, non vale nada"
"Fraga púxome unha carta dicindo que isto era indignante"
O empresario segue a recibir adhesións. Onte recibíu a presidencia do Pedrón de Ouro.

Dará guerra ata morrer, algo polo que, segundo di el, están pregando os seus adversarios, os mesmos que o botaron do consello de administración de Sargadelos, empresa que se construíu a partir do Laboratorio de Formas a carón de Luís Seoane e Andrés Fernández-Albalat. Pero chóvenlle os apoios. O xoves foi o Consello da Cultura Galega e onte onte recibíu a presidencia de honra do Pedrón de Ouro. A iso súmaselle a insignia de Ouro do Museo do Pobo Galego, o premio Otero Pedrayo, o Araguaney de Ouro ou o galardón "Os Bos e Xenerosos" que entrega a Asociación de Escritores en Lingua Galega, ademais dos apoios da Sociedad Española de Mineralogía, o Colexio de Arquitectos de Galicia, dos ensinantes galegos ou dos que asinan na campaña de internet.

Isaac Díaz Pardo: Os problemas que se aveciñan

Isaac Díaz Pardo: Os problemas que se aveciñan

EMPEZA a preocupar o problema do paro nas estatísticas e hai, por suposto, vontade de resolvelo, mais non é fácil saber cómo, e se hai atrancos nas leis que nos deron feitas. Crear postos de traballo, se non hai outras xustificacións, en xeral, é resolver un problema e crear outro.

Isaac Díaz Pardo: O Mercado Común e outras eivas

Isaac Díaz Pardo: O Mercado Común e outras eivas

A COMUNIDADE Económica Europea foi creada polo Tratado de Roma no ano 1957. Chamábaselle o Mercado Común Europeo. Os nosos amigos que viaxaban máis aló dos Pirineus, os que traballaban na OCDE e noutras institucións internacionais, informábannos de que a Comunidade Económica Europea non pasaba de ser un Mercado Común no que competían só os mercadores para se facer cos mellores negocios, pois aquilo non tiña nada e espiritual, como o herdado do seu antecedente cristián. Tanto proliferou esta especie de acusación como entidade mercantil que remataron por sacarlle toda referencia económica na súa denominación ficando só como Unión Europea. Mais os mercadores non se moveron do continente europeo.

Isaac Díaz Pardo: Relixión e petróleo no Oriente Medio

Isaac Díaz Pardo: Relixión e petróleo no Oriente Medio

O PRESIDENTE iraní Mahmud Ahmadineyad fixo hai pouco unhas declaracións incendiarias contra Israel calificando de mito o holocausto do pobo xudeu. Non sabemos por que filtros pasou esta noticia, para alarmar e mostrar ao mundo como pensan estos bárbaros persas, país que o meteu USA no «eixo do mal». Así vaise xustificando por adiantado o que probablemente pensan facer, mentras Europa distraémonos con problemiñas domésticos.

Isaac Díaz Pardo: Temos que redeseñar Galiza

Isaac Díaz Pardo: Temos que redeseñar Galiza

CUNHA superpoboación e sen un Goberno propio dende que se independizou Portugal, cunha xeografía difícil nunha sucesión de montes, coa excepción da Terra Chá, o pobo galego viveu separado polas ondas do terreo, configurando unha manchea de municipios, parroquias e lugares que foron dando carácter ao noso minifundio, ao que responde a nosa desconfianza, tamén en parte ao noso aldeanismo, que saben aproveitar moi ben os máis listos de cada bisbarra. Este abandono e sometemento no que viveu séculos a nosa terra foi empobrecéndoa mentres ía creando agrupacións familiares e veciñais como elementos de defensa económica, aproveitando os recursos que tiña a man. Nas terras improductivas, de árdego e arnado, chantaban as construcións e a eira; mimaban o monte que lles proveía de madeira e enerxía; e se algún agrupamento tiña perto un río era un privilexio e cultivaba o liño. Algúns situados nas millores terras concretábanse en rueiros como verdadeiros baluartes económicos, que foron creando en moitos lugares.

Isaac Díaz Pardo: Terrorismo e petróleo

Isaac Díaz Pardo: Terrorismo e petróleo

A CONFERENCIA de Barcelona non logrou acordo sobre a definición de terrorismo. Ten moita lóxica isto. Os EE.?UU., dentro de moitos intereses das nacións europeas, quixesen que se definise a ese terrorismo dos musulmáns que golpea ao mundo occidental e servise de modelo a combater. Mais os que están perto do mundo árabe din: os terroristas do islam poñen bombas e os norteamericanos as botan dende os avións..., os islamistas fan atentados e ás veces matan a xente inocente, o mesmo que fan os ianquis cos seus bombardeos indiscriminadamente sobre cidades. Algúns máis tontos que as patacas vellas din que os norteamericanos están no Iraq para levar a civilización e a democracia, e algúns islamistas, golpeados polas bombas dos ianquis, dirán: que metan no cu a súa civilización e a súa democracia.

Isaac Díaz Pardo: O que se está movendo

Isaac Díaz Pardo: O que se está movendo

MENTRAS teñamos a obriga de respectar o neoliberalismo, obriga que non sei de onde sae, coido que pouco temos que facer. O capital non ten patria, nos din, pero esto, ¿quen o respalda?, ¿o terrorismo do clan de Bush? «A nosa terra non é nosa, rapaces», di o debuxo de Castelao. Si, os ríos están nos nosos eidos, mais a enerxía que teñen non é nosa, é de dúas empresas moi importantes que teñen os seus domicilios fiscais en Madrid. Tampouco a enerxía do noso vento apenas é nosa, e por riba temos que apandar o ver a nosa paisaxe chea de molinillos. Din que a nosa enerxía autorenovable non ten competencia, mais a nós vainos corresponder pouco. Algunhas destas instalacións sábese que son irracionais para o interés de Galiza, basadas no abandono da economía rural. Algunhas substituíndo ás veces a riqueza de varios por outra riqueza de algún que ten forza para impoñelo.

Isaac Díaz Pardo: Os administradores da desfeita

Isaac Díaz Pardo: Os administradores da desfeita

CIENTÍFICOS que non están ao servicio deses clans poderosos en bombas teledirixidas, pois teñen a súa moral, din que é responsabilidade do home (non din o nome pero todos o sabemos) o quentamento que empeza a sofrir a terra por unha serie de abusos que se están facendo do CO2 e por outras cousas máis que non soben á capa de ozono. Xa era sabido que a capa silical sobre a que vivimos fica como flotando sobre un magma incandescente e consecuentemente esa capa non é estable, aínda que en periodos anteriores o debeu ser menos, e nada che digo como debeu ser o periodo de formación, por enfriamento, da corteza, cousa que nin meu curmán Tomás Barros, que escrebeu un libro sobre a formación da corteza nos astros, o sabía.

Isaac Díaz Pardo: A Cidade da Cultura e a política

Isaac Díaz Pardo: A Cidade da Cultura e a política

FOISE gastando moito papel, ademais de cartos, e vaise gastar moito máis, pois o tema é complicado. A prensa ten publicado que o actual presidente do Goberno galego me ten pedido axuda para definir os novos contidos que debe ter o do monte Gaiás. Esto non é así. Trátase de que o día 2 deste mes o presidente recibiunos aos responsables dos corpos do Museo do Pobo Galego, en visita protocolaria para nos coñecer. Falouse de moitas cousas, e entre elas saiu o problema que teñen herdado do monte Gaiás e de que, entre outros, o Museo do Pobo podería aportar algunha idea. Agora si sei que hai dous días chegou ao Museo unha carta do presidente pedíndonos algo así como un dictame sobre a idea que ten esta institución sobre o que se podía facer coa Cidade da Cultura. Na visita do pasado día 2 insistimos en que as modificacións que se propoñan facer deberán contar co acordo do arquitecto.

Isaac Díaz Pardo: A quen corresponda

Isaac Díaz Pardo: A quen corresponda

TRÁTASE de falar da cousa básica; é dicir: do territorio, a terra na que nacimos e vivimos.

Alguén remata de escribir nun hebdomadario preguntando: «¿Por que os montes non ardían hai cincoenta anos?». Con todos os respectos para quen escribe isto, pois penso que só o fai coa boa intención de alarmar, a realidade é outra: moitos montes galegos teñen franxas sen plantar, limpas, dende tempos para min inmemoriais, aos que se lles chama cortalumes para evitar a propagación. Noutra publicación lemos a queixa dun responsable da Administración porque os lumes custan 70 millóns de euros. E outro di que a Administración vai pedir a Madrid unha cantidade inxente de cartos para cobrir a perda causada polos lumes. Sería absurdo que esa cantidade fose a parar aos propietarios dos montes que se queimaron polo abandono en que os teñen.

Isaac Díaz Pardo: Os problemas da existencia

Isaac Díaz Pardo: Os problemas da existencia

OS DA POLÍTICA e os outros non teñen boa solución. Os outros son nos que podería operar o común raciocinio: ante todo, planificar o territorio antes de construír sobre el, e repartir as áreas; ter en conta a tradición e a experiencia de séculos; sembrar e recoller; discutir cos semellantes e chegar a acordos con eles; modificar e botar abaixo as cousas mal feitas; operar en función dos recursos naturais para satisfacer necesidades auténticas non inventadas; así poderiamos construír os elementos correctos nos que se desenvolve a nosa existencia; os agrupamentos urbáns do futuro ou modificar os que temos; construír o noso ordeamento económico e xurídico ou modificar o que temos para que cumpla a función de axudar a que avancen as causas xustas e facer no noso caso unha comunidade máis racional, máis operativa, máis rica. (Sigue)

La Voz de Galicia, 12/09/05

Isaac Díaz Pardo: «Propiedade do propietario»

Isaac Díaz Pardo: «Propiedade do propietario»

O SER propietario é como unha profesión, como unha dedicación, ás veces cómica e outras dramática. Das cómicas contan as de aquel propietario dunha sala de teatro na que se tiña reservado un palco; mais tiña o seu dilema: se lle poñía que o palco era da empresa a xente non se enteraba de que el era o propietario da empresa, o mesmo que se poñía que o palco era del co seu nome. Con estas dúbidas decidiu poñer un letreiro que rezaba: «Este palco é propiedade do propietario». Fica crara a catadura do propietario do palco e de quen o ocupaban, pouco menos que novos ricos e especies semellantes. Esto doume, hai un tempo, a idea de crear unha sección nunha revista ou nun almanaque con Xentes do Palco ou Palqueables e nela ir retratando persoaxes reais, que hai 50 anos eran multitude e o palco tiña capacidade limitada. (Sigue)

Isaac Díaz Pardo: O posible e o imposible

Isaac Díaz Pardo: O posible e o imposible

"Non lle botemos a culpa a ninguén; témola todos, pois aínda que as ideas teóricas que están no principio da responsabilidade naceran dos economistas liberais, con Milton Friedman e compañía, iso non fixo máis que legalizar aos que acumulan riqueza, e o abandono de certos sectores pode estar no interese de certos negocios. Creada ao máis alto nivel mundial e defendida por unha poderosa máquina militar tamén condiciona ao noso pequeno mundo. Os poderes fácticos poden dar algúns froitos como esmola aos pobos famentos mais non deixarán que eses froitos teñan semente. Hoxe temos ilusión con un cambio xeracional, que debe ser de todos sen excepción na Galiza. A quen lles toque gobernar non deberían abandonar ideas pra crear causas xustas, pero cando tropecen con ese muro de pedra dos poderes establecidos, deben aceptar a realidade e seguir traballando no que é posible e así demostrarán que teñen virtudes políticas.

Juli Capella escribiu que todo hai que redeseñalo para salvar o mundo. Hoxe hai máis voces que din o mesmo. Os que teñen responsabilidades non deberían desestimar isto". (Ler todo)

La Voz de Galicia, 08/08/05

Isaac Díaz Pardo: O que virá...

Isaac Díaz Pardo: O que virá...

O QUE TEN acontecido no 11-S e no 11-M, e agora este 7 de xullo en Londres, marcan unha tendencia dubidosa do que pode acontecer. Certo que o máis espectacular e sanguento foi o das torres xemelgas, e foi a menos o do ferrocarril de Madrid, e tamén a menos esto de Londres, polo que semella que os recursos postos ao servicio dos que fan estes actos de terror foron diminuindo, mais tampouco deberiamos valorar esta tendencia. (Sigue)

La Voz de Galicia, 11/07/05

Isaac Díaz Pardo: Constitución europea e compromiso social

Isaac Díaz Pardo: Constitución europea e compromiso social

O NON francés e holandés ten alporizadas ás chancelerías da Europa, e non me extrañaría que os que mandan nos EE. UU. estén refregando as mans pensando nunha rebaixa da forza que veu tomando o vello continente, e até algún dos seus marionetas europeos estará pensando en botar abaixo o euro, pois traidores hai moitos. Falan de grave crísis, parálisis, catástrofe...; son os catastrofistas de sempre, hoxe orientados para desorientar e fender a unidade dos povos diferenciados da Europa, que ten permitido o seu crecemento.

Co rechazo por unha maioría de dúas nacións europeas dun texto constitucional non vai pasar ren, pois elo non modifica a marcha de como vai Europa, de como era o mes pasado e como seguirá sendo. O que si indica ese «non» é que no fondo latexa un malestar polo neoliberalismo, e por tantas ataduras que os que mandan, sen estar descontentos de como vai Europa, quixeran que esta se parecese máis a os EE. UU. e que se identificase máis con esa democracia, máis parecida ao nazismo, que se orienta só polos negocios aínda que estos teñan que asoballar e masacrar a diosbendito para se quedar coas súas riquezas. Trátase de ficar en palabras e non ir á realidade das cousas. É o neoliberalismo o que nos ten coas mans atadas aos galegos para que o noso non sexa noso, como remata de facernos ver nun libro o profesor Xavier Vence. (Sigue)

La Voz de Galicia, 06/06/05

Distribuir contido