Galicia: MANIFESTO POLA CULTURA
Diante da situación actual do noso país, que está a vivir a crise económica máis grave desde o fin da Segunda Guerra Mundial, e ante as ameazas constantes ao futuro da cultura en xeral,
DECLARAMOS E DEMANDAMOS:
1)- que todo o conxunto de coñecementos, artes e técnicas que constitúen o mundo da cultura forman a cúspide de todo o sistema de valores que son imprescindibles para lograr a cohesión social.
2)- que sen o respecto aos valores que garanten a seguridade física, a saúde, o benestar económico, a cohesión e a paz sociais, non é posible lograr a realización persoal e o desenvolvemento da creación intelectual e artística, e polo tanto o desenvolvemento da cultura.
3)- que a cultura debe estar integrada no corpo social e ten que ser posta, do mesmo xeito que a economía, ao servizo das persoas e ten que deixar de ser concibida como unha industria máis de produción e consumo de bens de distintos tipos.
4)- que a cultura ten que ser apoiada polos poderes públicos e os poderes económicos e sociais para cumprir a súa función de expresión e creación de obras e valores estéticos, sociais e morais.
5)- que a cultura non pode continuar sendo un mero instrumento de propaganda partidista electoral en mans dos poderes políticos estatais, autonómicos ou municipais.
6)- que a cultura non pode seguir sendo concibida como un produto de consumo sen máis, á marxe dos contidos que poida crear e transmitir, pois os valores que ela transmite son parte esencial do cemento que mantén unido o corpo social.
7)- que a cultura non ha de servir basicamente como un instrumento de confrontación ideolóxica, social, relixiosa, lingüística ou moral, senón como instrumento de comunicación, diálogo e entendemento.
8)- que todos os cidadáns, sexan cales sexan as súas crenzas relixiosas ou o seus valores políticos, teñen dereito a participar na creación, difusión e goce dos bens culturais.
9)- que a creación e goce dos bens culturais é un dereito de todos os cidadáns sen distinción para o que deben contribuír os poderes públicos, utilizando a axuda privada cando fose necesario.
10)- que aquelas persoas ou colectivos economica e socialmente desprotexidos deben ser axudados para que poidan gozar dos bens culturais, indispensables para o seu desenvolvemento como persoas.
11)- que na creación cultural non debe existir a censura, a menos que nela se atente contra a dignidade persoal, dos grupos, ou dos dereitos e as ideas e crenzas de todos os colectivos que forman parte da sociedade.
12)- que nun momento de gravísima crise económica, cando se incrementa a exclusión social, e cando os servizos básicos que ten que prestar o estado no benestar, a saúde e a educación poden estar en perigo, a cultura non debe ser concibida como un luxo innecesario nin como un produto prescindible, senón como un instrumento indispensable para lograr unha maior unidade social e política e para contribuír á mellora e renovación da sociedade galega.