tecnoloxía fírgoa

Este sitio está construído integramente con tecnoloxías de código aberto, open source. A opción é conscente, a decisión é política. Entendemos que as institucións públicas, e de xeito especial as Universidades, deben responsablemente respaldar, contribuír activamente e liderar o desenvolvemento de solucións abertas construídas por comunidades de usuarios a medida das súas necesidades e dos seus intereses, comunidades que establecen as vías de avance, articulan as solucións e definen colectivamente os seus usos.

fírgoa pretende implementar progresivamente solucións tecnolóxicas open source, de elevadas prestacións e baixo custo, de utilidade para o mundo da educación. A curto prazo, entendemos que resulta necesario habilitar un sistema de xestión de contidos, un sistema de xestión da aprendizaxe, unha aplicación de groupware e un sistema de mensaxería instantánea, a fin de proporcionar un canal de información e de comunicacións que lle dea soporte á comunidade de usuarios.

fírgoa susténtase na plataforma LAMP (Linux como sistema operativo, Apache como servidor web, MySql como base de datos e PHP como linguaxe de programación).

No mes de maio de 2003 definíuse a configuración básica dun servidor orientado a servicios de Internet sobre arquitectura x86 e plataforma Linux. O ordenador foi adquirido a PCS Galicia, por un custo total de 1546,73 €, no mes de Xullo de 2003, sendo a súa configuración final a seguinte:

  • CPU PENTIUM 4 2.8 GHZ/1GB

  • DDR/2X120GB/DVD/CD-WR/ATI RAGE 32MB

  • PLACA BASE ASUS P4PE M/B I845S478 DDR USB 2.0

  • PROCESADOR INTEL P4 2.8GHZ (533), INTEL IN A BOX

  • MEMORIA DIMM DDRAM 512MB PC333 KINGSTON (MM2010)

  • DISCO DURO HD SEAGATE 120GB IDE 7200 RPM ST-3120023A

  • DISQUETERA 1.44 3"½

  • DVD SONY (16X DVD-ROM) OEM

  • CD-WRITER LG 52X24X52 BULK

  • SVGA ATI XPERT 2000 PRO 32MB AGP S/TV

  • TARXETA DE REDE 3COM PCI 10/100 3C905C-TX-NM-SDM

Utilizamos a distribución de Linux SUSE 9.2 Profesional cun kernel compilado a medida segundo as necesidades do proxecto fírgoa. O conxunto do sistema atópase protexido por un firewall (SuSEfirewall2) baseado nos filtros de paquetes iptables e netfilter integrados no kernel do sistema operativo Linux.

As aplicacións integrantes do proxecto fírgoa (Drupal, Moodle, Jabber) corren sobre un servidor Apache e o seu correspondente módulo PHP. Como sistema xestor de bases de datos utilízase MySQL. Adicionalmente, tamén se atopa en funcionamento un servidor FTP implementado mediante o software vsftpd. As copias de seguridade realízanse no sistema de almacenamento masivo do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) por medio de FTP, realizándose semanalmente unha copia local e diariamente unha copia incremental. O servicio de FTP mantén tamén unha copia, realizada diariamente, das actualizacións dispoñibles para a distribución de Linux SuSE mediante a aplicación Mirror.

Tamén está instalado Turck MMCache for PHP, un cache de scripts PHP compilados que acelera e optimiza o rendemento de PHP.

Na actualidade estanse a realizar diversas probas coa finalidade de por en funcionamento un sistema de autenticación centralizado e común para tóda-las aplicacións baseado nun directorio LDAP integrado con Kerberos. Para tal fin estanse a utilizar as implementacións OpenLDAP e Heimdal, respectivamente.

Se vostede quere contribuír a desenvolver e administrar as solucións tecnolóxicas nas que se basea fírgoa, ou propoñer outras alternativas que considere mellores, póñase en contacto con nós e estaremos encantados de incorporalo ao grupo de administradores.